Carmen Durán, fundadora e presidenta durante anos da asociación Desperta Cambados, foi unha das moitas mulleres loitadoras nas Rías Baixas contra o narcotráfico. O pasado mércores esta profesora, vicepresidenta da Fundación Baltasar Garzón, acudiu ao Parlamento para escoitar a comparecencia do presidente Feijóo sobre as súas polémicas fotografías xunta ao narcotraficante Marcial Dorado. Á saída da Cámara, e entre bágoas, declarou sentir "vergonza" pola intervención do xefe do Executivo. Agora explica para Praza as súas sensacións ante o debate sobre unhas imaxes que lle traen á cabeza demasiadas lembranzas.
Por que foi á comparecencia de Feijóo no Parlamento?
Fun porque non podo borrar a miña historia, nin eu nin as miñas compañeiras. Temos un traballo detrás que fixemos, precisamente, no noso tempo de ocio. Intentabamos dar unha resposta a un problema social que nos afogaba, que era o contrabando, un traballo ilícito que provocou unha desfeita nunha sociedade na que se promovía o carto fácil, co que se ocultaba o traballo digno e baseado no esforzo. Porque nós xa estabamos en contra do contrabando e logo estivemos contra o narcotráfico.
"As que fomos o mércores ao Parlamento usamos o noso tempo libre loitando contra o narcotráfico"
Por que tiveron que loitar vostedes contra aquilo?
Se nós fixemos aquel traballo foi porque desde as administracións públicas non se respondía ás inquedanzas da sociedade. Foi un voluntariado contra o consumo e o tráfico de drogas que creou un problema social. Os que estivemos o mércores no Parlamento buscamos no noso tempo libre solución á drogodependencia, axudando ás familias e loitando contra o narcotráfico, pero nós xa denunciabamos o contrabando de tabaco e todo o que aquilo supoñía.
Que sente cando oe dicir que o contrabando era aceptado nas Rías Baixas?
A sociedade das Rías Baixas conviviu co contrabando e co narcotráfico, pero a inmensa maioría non o apoiaba nin o aceptaba. Ademais, os narcotraficantes non se fixeron narcos da noite á mañá, porque tiñan unha estrutura montada desde as épocas o estraperlo e do contrabando. Iso debe quedar moi claro.
Asegurou sentir vergonza tras a intervención de Feijóo.
Indignoume que o presidente considerase innecesario ou inútil tratar o tema das fotografías no Parlamento. É ben certo que hai outros problemas en Galicia, pero non coñecer ou querer minimizar o tema do narcotráfico é moi grave.
"Non son só as fotos, é moito máis; detrás das imaxes está a conivencia cun contrabandista"
Pero entendo que se refería estritamente ás fotografías con Marcial Dorado...
Non son só as fotos, é moito máis. Unha imaxe vale máis que mil palabras e detrás desa foto está a conivencia cun contrabandista que derivou nun narcotraficante. Marcial Dorado seguiu exactamente o mesmo proceso que seguiron os demais narcos. Non podemos permitir que a forma de vida desa xente teña cabida entre a sociedade. Como é posible que un presidente que ten que aglutinar o sentir dun pobo se acompañe dunha persoa que ten un traballo ilícito? E como o pode xustificar dicindo que era en tempo de ocio? Dá igual que fose hai vinte anos porque el era un cargo público.
Feijóo lembra sempre que daquela non era presidente nin afiliado ao PP e que Dorado non fora condenado por narcotráfico.
O tabaco tamén é unha droga e iso tamén o debería saber un cargo político que traballaba en Sanidade. Se non o sabía, non podía estar traballando alí. Eu non tiven ese tempo de ocio que tiña el porque o empregaba intentando colaborar na solución do grave problema que tiña a sociedade daquela e que segue tendo, porque o narcotráfico segue existindo. O que facían aquelas persoas no seu tempo de ocio era comprar vontades.
"É indignante que Feijóo diga que non sabía nada das actividades ilícitas de Dorado no momento das fotografías"
Que pensa cando Feijóo asegura que non coñecía as actividades de Marcial Dorado na época das fotografías?
Xa en 1989 o problema do contrabando chega á Audiencia Nacional. E se chega á Audiencia Nacional é porque quedamos fartas de petar nas portas dos concellos e dos xulgados. Pero a xente chamábanos tolas. O único que nos escoitou foi Baltasar Garzón. A raíz diso chega a operación Nécora e ata Manuel Fraga, que compartía moito tempo con Terito, outro dos capos que pagaba propaganda de AP e do PP, cambiou de actitude e deixou de aparecer con esta xente e empezou a renegar de certos comportamentos. As fotografías de Feijóo son de anos despois, como pode dicir que non sabía nada diso? É indignante.
Convencéronlle algo das palabras de Feijóo no Parlamento?
Non deu unha palabra digna nin da historia nin do traballo que fixo a sociedade para loitar contra o narcotráfico. Non deu argumentos que xustificasen que el estivese naquel barco e tratou de desviar o tema central aludindo aos EREs, a ETA ou atacando a oposición. Era a hora de buscar solucións na Cámara e a primeira solución era que el, pola súa responsabilidade moral e política, pedise perdón ás familias e á sociedade galega e anunciase que marchaba. Pero non pediu perdón á xente que loitou contra o narcotráfico. Iso si sería exemplarizante, e non o que fixo. Se en 2003 a Feijóo xa lle parecía algo grave e negativo o das fotos, como é que agora non o considera así? Como non se lle van pedir explicacións por andar de paseo cun contrabandista? Tiña que ter dimitido no mesmo momento que saíron as fotos.
"Feijóo tería que ter pedido perdón á xente que loitou contra o narcotráfico e presentar a dimisión; iso si sería exemplarizante"
Non lle chegaron as súas desculpas?
É imperdonable. Calquera persoa que comete un erro dese tipo, marcha sen pensalo. Polo menos iso é o que pasa en Europa. Estar de paseo cun narcotraficante nun barco debe ser grave para calquera persoa, pero máis para quen representa a un pobo enteiro. Se no meu grupo político houbese unha persoa que falase como falou o mércores o presidente Feijóo, eu non o querería máis na miña formación. Non lle fai favor ningún ás persoas que votan o PP. Eu coñezo e teño amigos votantes do PP que están indignados con el.
Tamén dixo o pasado mércores que volvía sentir medo. Por que?
O narcotráfico non se parou de todo e os narcotraficantes queren continuar coa súa actividade. Quen os vai castigar agora? Desde o domingo no que se coñeceron as fotos, xa saíron máis á rúa do que saían e andan cos seus coches de luxo a todo trapo por aí. Séntense fortes. Como lles vas mandar calar agora se teñen un presidente que non dá importancia a pasearse cun deles? Aínda por riba presumen. Nin se pode imaxinar a alegría que tiñan ao facerse públicas as fotos. Nas vilas coñecémonos todos. O presidente da Xunta non ten autoridade ningunha, nin moral nin xurídica, para loitar contra o narcotráfico. Con que autoridade vai ordenar el que se presione os narcos? Non lle farán caso. Por iso estamos con medo.
"O presidente da Xunta debe marchar; xa non ten autoridade para loitar contra o narcotráfico en Galicia"
Chegou a chorar de emoción...
Chorei por todo o que xa expliquei. Foi moi duro ver como un presidente lle quitaba importancia á súa comparecencia no Parlamento ou a consideraba innecesaria. Pero tamén foi forte que cargase contra os que tocan o piano ou van á Sorbona e ver como presumía de ser de aldea. Ser de aldea non é pecado, o que é pecado é non valorar o traballo dos mariñeiros e dos labregos que sustentaron a nosa sociedade. Ademais, mantiña un silencio provocador ante as críticas da oposición, iso indignoume moito.
Que lle pareceu o papel da oposición?
A oposición fíxoo ben porque tiña o tema traballado. Os tres grupos sabían do que falaban e souberon explicar o grave problema social que supuxo o narcotráfico en Galicia. Non estaba así de preparado o presidente, que merece o castigo da súa marcha, da súa dimisión. Que autoridade ten agora un presidente que viaxaba con contrabandistas? Non ten autoridade moral nin política.