"Os nenos tamén xogan con isto. Os xoguetes non teñen sexo"

Campaña contra os xoguetes sexistas CC-BY-NC-SA Isca!

Malia as múltiples campañas -de administracións públicas ou non- para acabar coas diferenzas e os tópicos sexistas, os anuncios e moitas das compras de xoguetes no Nadal continúan a manter os estereotipos que separan nenos e nenas en ámbitos e prácticas sociais distintas. O sexismo na publicidade, pero tamén na elección final dos agasallos, mantéñense a pesar de todo.

Os xoguetes e a súa publicidade seguen a reproducir os tópicos sexistas e os diferentes roles sociais

Os expertos levan tempo advertíndoo e reparan no feito de que agora o sexismo e segregación por sexos non afecta só aos xoguetes tradicionais, senón que pasou tamén aos vídeoxogos, que se adoitan separar para nenos e nenas segundo os seus argumentos. Ao tempo, as bonecas, as cociñas ou os carros de bebé seguen dirixidos ás rapazas, mentres os coches, os xogos de guerra ou os deportes cínguense aos rapaces.

Expertos en psicoloxía e educación insisten en que é a infancia o momento no que se produce a socialización secundaria entre os máis pequenos, que desenvolven tamén aí as súas habilidades cognitivas. O compoñente sexista dos xoguetes inflúe nas súas relacións sociais e na reprodución dun rol, tanto na súa vida coma no traballo ou na casa. Limitar unhas diversións aos nenos e outras ás nenas reduce as súas capacidades. Limítaos.

A organización xuvenil Isca desenvolve unha campaña contra os xoguetes sexistas

Algunhas organizacións de consumidores, sociais ou políticas e administracións públicas fan campaña en contra deste sexismo. En Galicia, a última é do colectivo xuvenil Isca, que coa súa campaña deste ano denuncia "un capitalismo que patrocina un modelo de consumo desmedido en forma de agasallos, que mostran ás claras as diferenzas, irreais, do xénero".

"O capitalismo e o patriarcado aliméntanse mutuamente, e por medio do desenfreado consumo de produtos, reprodúcense tamén os roles que o home e a muller deben ocupar na sociedade patriarcal, inculcándolles iso ás máis pequenas", din ao anunciar unha campaña que levan días levando a cabo e co que denuncian e sinalan, a través de adhesivos, os xoguetes sexistas nos que se teima na segregación e esas diferenzas irreais de xénero. As nenas / nenos tamén xogan con isto. Os xoguetes non teñen sexo, lembran coa súa acción.

"Vemos como os xoguetes destinados aos nenos, por norma xeral, son aqueles que estimulan a competición, o liderado, a enerxía, a invención, etc. Porén, os destinados ás nenas son aqueles que as seguen a relegar ao traballo doméstico, á limpeza, aos coidados, etc", di Isca, que cre que esta diferenciación "dáse con gran forza nas campañas publicitarias e na meirande parte dos anuncios dos medios de comunicación. Estes xoguetes sexistas seguen a reproducir estereotipos patriarcais", advirten.

"Entendemos o xénero como un construto histórico e os xoguetes como un instrumento máis para soster esa construción social", razón pola que levaron a cabo estas "accións de denuncia". "Porque queremos rachar dunha vez por todas coa reprodución dos roles patriarcais", din.

A empresa Toy Planet incluíu no seu catálogo nenos cun carro de bebé e nenas empurrando camións

Algunhas empresas, non obstante, decidiron dar un xiro a esta tendencia histórica. A cadea de xogueterías Toy Planet elaborou para este Nadal un catálogo no que deciditu rachar cos estereotipos e amosar, por exemplo, nenos cun carro de bebé ou cociñas e nenas empurrando camións ou subidas a unha moto. Tal e como explicou a firma en El País, estas fotografías só foron posible cos produtos da súa propia marca, xa que o resto de fabricantes envía as súas fotos xa preparadas. E a maioría son as de sempre.

Campaña da compañía Toy Planet © Toy Planet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.