Os paraugas de Nunca Máis volven abrir para berrar "contra a impunidade"

Manifestación de Nunca Máis ante o xuízo CC-BY-SA Praza Pública

Noutra tarde chuviosa, como aquela de decembro de hai dez anos, a plataforma Nunca Máis volveu saír á rúa e abrir os paraugas. E fíxoo no inicio do xuízo oral pola catástrofe do Prestige para berrar, desta vez, "nunca máis ás mareas negras e á impunidade". Unhas 400 persoas concentráronse diante do recinto de Expocoruña, lugar onde comezou este martes a vista e á que acudiron tres dos acusados pero nos que, a xuízo do colectivo, "faltan os responsables políticos da crise medioambiental". 

"A culpa de quen foi? De Fraga e de Rajoy", berraron os manifestantes

Concentrados durante máis dunha hora, os manifestantes berraron consignas como "contra a impunidade, nunca máis", "mentireiros nunca máis" ou "a culpa de quen foi? De Fraga e de Rajoy", nun acto no que se puideron ver bandeiras da CIG, do BNG, de CCOO ou de Greenpeace e á que asistiu o candidato do Bloque á Xunta, Francisco Jorquera, así como a número dous, Ana Pontón, a eurodeputada Ana Miranda, o escritor Manuel Rivas, voceiros da plataforma, como os artistas Xurxo Souto e Isabel Risco, e representantes de Adega ou doutros sindicatos, como o secreario xeral de UGT-Galicia. Tamén acudiu Yolanda Díaz, candida de Alternativa Galega de Esquerda, acompañada do portavoz de Izquierda Plural no Congreso, Gaspar Llamazares, e do deputado Alberto Garzón, que asistiron ao xuízo. 

Nunca Máis pide "un balance rigoroso e transparente" do acontecido co Prestige

Nun manifesto lido por Xurxo Souto, Nunca Máis advertiu as "dúbidas máis que razonábeis" de que non puidese acontecer outro Prestige na costa galega dez anos despois da catástrofe e reclamou "unha solución á desprotección do litoral galego", por onde pasan "anualmente, 13.000 buques con materias perigosas". Ademais, reclamou tamén "un balance rigoroso, necesario e transparente do acontecido co petroleiro" para evitar que os galegos "se atopen con outra marea negra". 

Así mesmo, preguntouse se "outro Prestige é posible" para aclarar que a resposta a esa pregunta "non é tranquilizadora, senón desacougante". "Houbo avances, pero son insuficientes", asegurou Souto, que lembrou que "as melloras conseguidas lográronse grazas á presión social da cidadanía a través de Nunca Máis". "Os avances son insuficientes", insistiu o voceiro da plataforma, que lembrou as numerosas "eivas" que Galicia segue tendo en canto "á seguranza marítima das nosas costas". E citou algunhas como a ausencia de control por satélite das costas, a inexistencia dun porto refuxio e dun centro de prevención de contaminación mariña ou a non transferencia das competencias marítimas á autonomía galega. Do mesmo xeito, recriminou que non exita "un plan de recuperación ou repoboación" de especies mariñas e animais afectadas ou "cun control da saúde dos voluntarios que colaboraron recollendo chapapote". 

A plataforma lembra que non hai control por satélite da costa, nin un porto refuxio nin centro de prevención da contaminación e que as transferencias en seguridade marítima seguen estando en Madrid

Pero na apertura do xuízo, Nunca Máis reivindicou que "non debe haber impunidade", logo de destacar que os responsables políticos daquela catástrofe non se sentarán no banco dos acusados, malia que as súas decisións foron fundamentais "para converter unha crise nunha catástrofe". "Non esquecemos, non á impunidade", rematou Souto. 

HABERÁ AMPLIACIÓN

 

 

Manifestación de Nunca Máis ante o xuízo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.