Os plenos municipais posiciónanse con firmeza contra o vertedoiro de Lousame

As instalacións situaríanse a carón da planta de compostaxe do Barbanza © Google Maps

En Noia, Lousame, Rois ou Frades. Son varios os plenos municipais que nas últimas semanas aprobaron mocións de rexeitamento da instalación dun macrovertedoiro de residuos industriais no Concello de Lousame. Tamén o fixo o pleno da Deputación da Coruña. E propio concello no que se quere asentar a instalación presentou un completo informe técnico rexeitando a iniciativa, que serviu de base ás alegacións que presentou ante a Xunta de Galicia.

O pasado 26 de outubro en Noia aprobouse por unanimidade demandarlle á Consellería de Medio Ambiente que paralice a tramitación “en base aos incumprimentos e riscos” que o vertedoiro supón para a poboación, lembrando por exemplo a proximidade dun regato que vai dar ao río Vilacoba, onde Noia recolle parte da súa auga potable. Rois fíxoo este luns 7 de novembro, tamén por unanimidade, dando todos os grupos o seu apoio a unha moción presentada polo grupo de goberno a partir do texto proposto pola Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame. Tamén o fixo este xoves por unanimidade Frades, un concello algo máis afastado, pero seguramente concienciado pola problemática dos residuos pola súa proximidade a Cerceda e Ordes.

O Concello de Lousame presentou un informe técnico "con argumentos contundentes" contra o proxecto, no que atopaba "carencias e defectos moi graves"

En Lousame o tema debateuse no pleno do 10 de outubro. Nese momento BNG e Terra de Lousame votaron a favor da moción presentada pola Plataforma veciñal, mentres que PP e PSOE abstivéronse, alegando que preferían agardar para fixar a súa posición a contar cunha serie de informes técnicos que foran encargados. O texto presentado solicitaba o "rexeitamento expreso" ao vertedoiro "por danar os intereses sociais, económicos e medioambientais do concello e da comarca", criticando "a centralización do almacenamento e xestión de residuos industriais perigosos e non perigosos en Lousame, o cal resulta antieconómico e medioambientalmente obsoleto".

Unha semana despois o goberno municipal de Lousame deu a coñecer o informe técnico sobre o proxecto, moi crítico, e que serviu de base ás alegacións que presentou ante a Xunta de Galicia. A alcaldesa, Teresa Villaverde (PP) sinalou que o documento ofrecía argumento contundentes "para que esa empresa non se implante en Lousame", pois atopara "carencias e defectos moi graves" no proxecto. Un dos máis importantes refírese á ausencia de datos sobre os mananciais próximos, sinalando que que "só se ten en conta o sitio onde se sitúa a planta, pero non o terreo que o circunda, non inclúe unha captación de auga que hai no terreo, que é un afluente do río Vilacoba, que desemboca nun lugar de interese comunitario". Tamén se denunciaba que no se presentan medidas correctoras ante posibles fallos de impermeabilización.

Noia, Rois ou Frades tamén se pronunciaron por unanimidade contra o proxecto

A alcaldesa concluíu que o proxecto é irrespectuoso co territorio, co medio e coa paisaxe e salientou a importancia deste informe técnico negativo presentado polo Concello. O goberno local de Lousame encargou tamén a elaboración dunha auditoría ambiental externa para complementar este informe técnico e creou unha comisión de seguimento deste asunto, na que participan todas as forzas políticas con representación municipal.

 

Rexeitamento da Deputación

De igual xeito, o pleno da Deputación da Coruña do pasado 28 de outubro aprobou unha moción presentada por Marea Atlántica e Compostela Aberta rexeitando a instalación do vertedoiro "por danar os intereses sociais, económicos e medioambientais do concello, das aldeas da contorna inmediata e da comarca". O texto sinalaba que "ademais das graves carencias que foron destacadas durante o período de información pública, é evidente que, soterrando máis de 80% dos residuos recibidos na instalación, esta non prioriza o tratamento, senón que opta pola "solución" do vertedoiro, a menos recomendada para a eliminación de residuos, atendendo á Directiva Marco de Residuos vixente 2008/98".

 

Pronunciamento do comité de empresa da planta de reciclaxe de Lousame

Sobre o proxecto de vertedoiro de residuos industriais tamén se pronunciou o Comité de Empresa da Planta de Tratamento de Residuos de Lousame e Recollida Viaria da Mancomunidade do Barbanza, manifestando a súa "máis rotunda oposición". O Comité de Empresa denunciaba que a proposta de instalar un vertedeiro de residuos industriais en Lousame "forma parte da necesidade de Sogama de dispoñer de máis vertedeiros que o da Areosa (Cerceda), xa que este na actualidade ten acumulados máis de 5 millóns de toneladas de lixo, e se fundamenta nun modelo de xestión que non alberga máis saída que a de queimar ou amorear e enterrar". "Non é certo que o vertedeiro de Lousame vaia a ser un centro de tratamento, simplemente o que se pretende é superficie para almacenar 700000 toneladas de lixo", engadían.

A proposta de instalar un vertedeiro de residuos industriais "forma parte da necesidade de Sogama de dispoñer de máis vertedeiros que o da Areosa, xa que este na actualidade ten acumulados máis de 5 millóns de toneladas de lixo"

O comunicado concluía que "o modelo da Xunta, proposto baixo a idea de acumular todo o lixo do país nun único punto, non só é unha bomba de reloxaría ambiental, senón que fracasa ao non ter capacidade material de seguir a acumular lixo no vertedeiro da Areosa de forma indefinida". "Agora queren instalar outro vertedeiro, e xusto do lado dunha planta totalmente diferente a ese modelo. Supoñemos que deben querer que pareza todo igual, cando non ten nada que ver un modelo co outro", dicían.

Sogama respondeu a través dunha nota de prensa a estas acusacións, negando o seu vencello co proxecto de vertedoiro de Lousame e anunciando que para dar solución aos actuais problemas de saturación que presenta Areosa, procederá en breve a convocar un concurso público co obxectivo de ampliar as súas dimensións.

O vertedoiro instalaríase no límite entre Lousame e Rois, nas proximidades da AC-543 © Google Maps
As instalacións situaríanse a carón da planta de compostaxe do Barbanza © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.