Os populares forzan a retirada das mencións a Ferrol no informe sobre a contaminación das rías galegas

Os membros da Delegación do Parlamento Europeo ante as instalacións de Reganosa Dominio Público Comite Cidadán

"Non imos apoiar un informe descafeinado que teña como máxima aspiración contentar as autoridades e aos deputados do PP". Ana Miranda (BNG) foi rotunda á hora de descualificar a versión do informe sobre a contaminación das rías galegas presentada polo eurodeputado do PPE Philippe Boulland, presidente da delegación que hai cinco meses visitou Galicia. Este texto rebaixado, que deixa fóra as mencións á situación da Ría de Ferrol e que outorga "maior protagonismo ás autoridades en detrimento dos peticionarios", salienta Miranda, provocou que os outros dous membros oficiais da delegación, as eurodeputadas Angélica Werthmann do grupo liberal ALDE e Tatjana Zdanoka, do Grupo Verdes/ALE, presentasen un informe alternativo. Todo semella indicar que será este informe alternativo o que finalmente se aprobará.

O BNG confía en que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo aprobe un informe "realista e con propostas concretas que axuden a completar o saneamento integral das Rías galegas". "Espera máis de vostede colega Boulland, sobre todo despois das súas declaracións ante os peticionarios e os medidos de comunicación de Galiza, esperaba que liderase a elaboración dun informe a favor de dar solucións ás rías galegas, como reclaman os peticionarios desde 1999. É a eles a quen debe atender esta Comisión de Peticións, non ás autoridades nin aos seus compañeiros de partido", denunciou Miranda.

De igual xeito AGE denuncia a este respecto que "as presións dos europarlamentarios da dereita" sabotearon o texto "debido ás referencias críticas con Reganosa que inclúe". O informe menciona, entre outras cuestións, que a regasificadora non contou cun informe de impacto medioambiental axeitado nin se adecúa ás directivas europeas sobre tratamento de residuos. Yolanda Díaz denuncia a "actitude" do PP e a súa "toma de posición a prol da empresa de Reganosa e en contra da veciñanza do lugar". A vindeira semana AGE defenderá no Parlamento galego unha proposición non de lei sobre as "numerosas irregularidades" do Goberno galego ao longo do proceso que desembocou na instalación da planta de gas en Mugardos.

Pola súa banda os eurodeputados populares apoiaron a decisión do seu compañeiro Philippe Boulland e pediron un informe "obxectivo" que non prexudique "a imaxe de Galicia"como salientou Francisco Millán Mon

Os membros da Delegación do Parlamento Europeo ante as instalacións de Reganosa Dominio Público Comite Cidadán
Ana Miranda na Comisión de Peticións © Delmi Alvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.