Todo comezou na noitiña do martes, durante o celebración do pleno municipal. Nese momento a asociación Ponte Solidario ía presentar unha moción para o seu debate no Pleno, o Informe de Mínimos, unha análise da situación "de emerxencia social" que -denuncian- vive o Concello de Ponteareas, cun número crecente de persoas vivindo na pobreza e sen ver cubertas as súas necesidades básicas de alimentación, vivenda ou vestido. O informe tamén denuncia a ausencia de políticas sociais a nivel local e propón unha serie de medidas de choque, coma un comedor social, un banco de alimentos, un roupeiro municipal, cheques escolares ou accións para o acceso a unha vivenda digna e contra a pobreza enerxética.
Durante o Pleno, representantes de Ponte Solidario propuxeron, xunto cos grupos da oposición, a creación dunha Mesa Social aberta á participación de colectivos sociais para o cumprimento dos acordos da moción e o seguimento das axudas de emerxencia social. Porén, PP e ACIP votaron en contra. A oposición presentou entón unha emenda para axustar esa Mesa Social ao que o goberno municipal alegaba como necesario para cumprir coa legalidade e poder votar a favor. Porén, nese momento o alcalde da localidade, Salvador González Solla, suspendeu o pleno, "sen máis explicacións que unha mirada cara outro lado", denuncian dende a asociación.
Os colectivos e persoas que forman parte de Ponte Solidario decidiron entón ficar no interior do Salón de Plenos, para pasar aí a noite. Quixeron con este xesto chamar a atención da cidadanía sobre a falta de diálogo amosada polo grupo de goberno e tamén sobre a importancia e a urxencia das problemáticas sociais que denuncian e que analizan no seu Informe de Mínimos: "Os problemas de Ponteareas só se arranxan tratándoos coa importancia que merecen", sinalaban, Pasadas as dez da mañá deste mércores as ao redor de 50 persoas que pasaron a noite pechadas na Casa do Concello abandonaron o lugar.
Manuel, un dos membros de Ponte Solidario, destaca que o obxectivo era “visibilizar” este problema e deixar claro que esta acción é “o comezo”, “non imos parar ata conseguir os nosos obxectivos", engade. "Presentamos unha emenda, coa que eles non contaban, e daquela decidiron suspeder o pleno. Nós queriamos un órgano de traballo aberto e plural e eles querían unha mesa pechada", explica. “Quedaron retratados: non queren unha mesa social aberta, non queren a participación dos colectivos, nin que o problema se visualice nin darlle información á xente, non queren unha comisión aberta porque hai moita xente que cre que os servizos sociais deben ser horizontais e non verticais”, di.
“Quedaron retratados: non queren unha mesa social aberta, non queren a participación dos colectivos, nin que o problema se visualice nin darlle información á xente"
O 27 de marzo está convocada unha asemblea cos todos os colectivos que apoian este documento e todas as persoas que queiran participar, na que se decidirán as accións que se levarán a cabo para acadar o obxectivo inmediato: constituír unha mesa social aberta que debata a situación, as necesidades e as medidas urxentes a adoptar. Ademais, Ponte Solidario levará de novo a súa proposta ao pleno, con algunhas correccións para salvar algúns defectos de formas aos que o goberno municipal de Ponteareas se agarrou para evitar votar a favor da súa constitución.
A iniciativa de Ponte Solidario está apoiada por distintas forzas políticas (BNG, EU, Podemos, PSdeG-PSOE, CxG, NOS-UP), sindicatos e entidades sociais (PAH, Federación de Anpas, Asociación de emigrantes retornados a Asociación de Veciños Ribadetea ou a Coordinadora das Marchas da Dignidade). A asociación atende directamente 65 familias sen recursos na localidade.
O Informe de Mínimos
O 27 de marzo está convocada unha asemblea cos todos os colectivos que apoian este documento e todas as persoas que queiran participar, na que se decidirán as accións que se levarán a cabo para constituír unha mesa social aberta
Nas 13 páxinas do Informe de Mínimos elaborado por Ponte Solidario destácase que "non só é a conxuntura macroeconómica a que mantén na pobreza a estas familias, senón a ausencia a nivel local dunha política social que posibilite que estas poidan ver cubertas as súas necesidades máis primarias e gozar dunha calidade de vida aceptable". Por este motivo, propoñen unha serie de accións que -consideran- deben ser urxentemente postas en marcha polo Concello:
- Un Comedor Social co fin de garantir a provisión de almorzo, xantar e cea a aquelas persoas con ingresos insuficientes para custeala por se mesmas. As persoas destinatarias serán aquelas cuxos ingresos non superen o SMI.
- Un Comedor Escolar que subministre todas as comidas do día aos e ás menores de 18 anos.
- Un plan para a Subministración de Produtos Perecedoiros, a través de convenios co pequeno comercio ou da entrega de vales mensuais ás familias sen recursos.
- A Correcta xestión do actual Banco de Alimentos.
- Un Banco de recursos de uso infantil
- Un Roupeiro Municipal
- Medidas contra a Pobreza enerxética, asumindo o Concello as facturas daquelas familias que, tendo ingresos mensuais por debaixo do SMI e/ou en risco de desafiuzamento ou exclusión social, se vexan imposibilitadas en asumir este custo
- Medidas para o acceso a unha vivenda digna, coma a posta en marcha dun banco de vivendas municipal a disposición destas familias ou a creación de Cooperativas de Vivenda.
- Iniciativas de formación e emprego dirixidas especialmente aos colectivos máis desfavorecidos, por exemplo na agricultura ou no sector forestal, impulsando a creación de cooperativas e Sociedades Anónimas Laborais ou fomentando a cooperación coas Comisións de Montes do Concello
- Cheques escolares e clases de apoio para garantir un acceso en igualdade á educación
- Mellorar os recursos en saúde, en especial a atención en saúde mental.