Os profesionais do traballo social alertan da "destrución do Estado do Benestar"

Unha muller en situación de dependencia, en cadeira de rodas © ensociedad.es

En Galicia, os recortes "teñen un cariz que pode mandar a procesos de marxinalidade e pobreza a milleiros de familias" que xa están "nunha situación extrema de vulnerabilidade". É a alerta lanzada polo Colexio de Traballo Social de Galicia tras analizar o novo paquete de recortes do Goberno de Mariano Rajoy. Para esta entidade, as características propias da poboación galega, como a existencia de máis de 600.000 persoas maiores de 65 anos, os máis de 94.000 dependentes ou os case 300.000 homes e mulleres á procura dun emprego fan que o enésimo axuste impacte especialmente no país.

O Colexio lembra que "milleiros de familias subsisten das pensións" dos seus maiores

"Moitas familias galegas contan a dúa de hoxe con todos os seus membros en situación de desemprego" o que, lembran, leva a "milleiros de familias" a "subsistir das pensións" dos seus maiores. Neste contexto, din, "a suma e acumulación de recortes e copagamentos" non fai máis que "afondar na destrución do Estado do Benestar" e, por extensión, na "desestruturación dos fogares galegos, creando unha segmentación cada vez máis acentuada entre ricos e pobres" e "enviando á pobreza ás clases medias baixas".

Nomeadamente, entre os profesionais do trabalo social preocupa especialmente o forte recorte nas prestacións derivadas da Lei de Dependencia, con medidas como o "acordo de ampliar a 18 meses o prazo das autonomías para dar axudas sen atender á retroactividade". Nesta liña, o Colexio coida que "se conxelará a entrada de novas persoas" ao sistema e, do mesmo xeito, censuran, "moitas destas persoas falecerán antes de ter acceso ás axudas. Ao tempo, ven unha "inxustiza" na rebaixa das axudas para as persoas que "realizan coidados na contorna familiar". "Case a totalidade das persoas coidadoras son mulleres", lembran, o que virá agravar unha situación de "dificultade de acceso ao emprego que lles permita acceder a outro tipo de prestacións".

O recorte na dependencia prodúcese paralelamente a outra tesoirada, a do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais. A redución case á metade por parte do Estado, unida á retallada do 14% que efectúa a Xunta, pon, para o Colexio de Traballo Social, en serio perigo as redes de servizos socaiis municipais, "que deixarán de dispoñer de 4,6 de cada 10 euros". Isto, din, "pode implicar o despedimento do persoal técnico responsable" en servizos tan sensibles como resndencias de maiores, pisos tutelados, albergues para persoas sen fogar ou centros de acollida, entre outros.

Unha muller en situación de dependencia, en cadeira de rodas © ensociedad.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.