Os recortes da Xunta poñen en perigo o labor do Seminario Galego de Educación para a Paz

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

O Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) denuncia que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de comunicarlle oficialmente "que non prorroga a vixente Comisión de Servizos que viña mantendo" e xustifícao "ante a grave situación económica na que nos encontramos".

Manuel Dios Diz, actual presidente do SGEP, gañara a citada Comisión de Servizos en Concurso de Méritos, convocado no DOG, hai sete anos, en substitución de Calo Iglesias, o anterior presidente, e froito dun Convenio de Colaboración asinado polo Conselleiro Juan Piñeiro Permuy en 1995.

"A decisión corrobora a actitude hostil da Xunta cara ao Seminario"

Así, a xunta directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz considera que "tal decisión non fai máis que corroborar unha actitude hostil da actual Consellería por canto que, nesta lexislatura, non se recibiu axuda económica ningunha para as súas actividades", tales como as celebracións do Día Escolar pola Paz ou dos Dereitos Humanos, unidades didácticas e demais publicacións, cursos, iniciativas de mediación e resolución pacífica de conflitos ou convivencia escolar.

O convenio de colaboración que agora remata fora asinado en tempos de Juan Piñeiro e prorrogado polos conselleiros Celso Currás (PP) ou Laura Sánchez Piñón (PSOE) e permitía, ata a actual lexislatura, "a colaboración na formación do profesorado en servizo e noutras iniciativas, particularmente, en temas relacionados coa educación e a cultura da paz, a mellora da convivencia escolar ou a mediación"

"A retirada da Comisión de Servizos e a asfixia económica hipotecan seriamente a continuidade do labor do Seminario"

"A retirada da Comisión de Servizos, xunto coa asfixia económica comentada anteriormente, hipotecan moi seriamente, a continuidade da labor do Seminario Galego de Educación para a Paz, unha entidade que conta con perto de 200 asociados en toda Galicia e que, desde 1985, vén desenvolvendo unha moi meritoria actividade recoñecida e premiada en diversas ocasións, tanto no Estado como a nivel internaciona", recorda nun comunicado o SGEP.

Esta decisión da Xunta racha, segundo o Seminario, "cunha tradición que mantiveron todos e cada un dos titulares que pasaron por San Caetano, do PP e do PSOE, mesmo en circuntancias moi complexas, nomeadamente durante a guerra de Irak, momento en que o conselleiro Celso Currás aguantou as fortes presións do seu partido para retirar a Comisión de Servizos ao Presidente do SGEP, Manuel Dios, a persoa que lideraba a Coordinadora Galega pola Paz e actuaba de coordinador e portavoz da citada plataforma social de oposición á guerra".

"A coartada económica para non prorrogar a Comisión de Servizos contrasta coa dedicación de importantes recursos públicos a partidas que financian actividades privadas de entidades afíns, ou ensinos en centros educativos confesionais que, por exemplo, segregan por sexo o seu alumnado", remata o SGEP.

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.