Os seis reproches da ONU ao Goberno de España polas súas políticas de igualdade

CC-BY-SA Praza Pública

España conta cun "impresionante" marco lexislativo e institucional para loitar contra a discriminación das mulleres pero as políticas avanzan no sentido contrario. Así o apuntan as observacións das expertas do Grupo de Traballo da ONU sobre a discriminación contra a muller, que finalizaron este venres a súa primeira viaxe oficial a España. O obxectivo da visita: avaliar os progresos na eliminación das barreiras ás mulleres en distintos ámbitos. A delegación considera que algunhas da políticas estrela do Goberno central funcionan como obstáculos para a igualdade de xénero.

Baixo a lupa das Nacións Unidas pasaron a representación das mulleres nas institucións, as condicións ás que ven expostas no mundo laboral e os estereotipos e imaxes que difunden a cultura e a educación, entre outros aspectos. A delegación do Grupo de Traballo, presidido pola relatora Frances Raday, sitúa as raíces da discriminación "na cultura machista e nas actitudes patriarcais" que aínda perduran na sociedade española.

A relatora sitúa as raíces da discriminación "na cultura machista e nas actitudes patriarcais"

Tras varias reunións durante dez días con diferentes representantes das institucións públicas e membros da sociedade civil, Raday lamentou ante a prensa este venres que os plans "non conseguiron acabar coa desigualdade nin reducir o nivel de violencia contra as mulleres". A pesar dos "innegables esforzos" que adxudicou ás autoridades españolas, a presidenta do grupo tamén destacou algúns puntos negros na xestión do Executivo para combater esta secuela social.

O grupo de traballo presentará un informe coas súas conclusións e recomendacións ao Consello de Dereitos Humanos da ONU en xuño de 2015. "Antes da revisión periódica de España e os Estados si utilizan os nosos informes para facer as preguntas aos países avaliados", lembra Frances Raday.

1. Fragmentación dos órganos de Igualdade

Aínda que que o Instituto de Muller e as unidades de xénero en todos os ministerios merecen o recoñecemento da axencia internacional, algunhas reestruturacións no seo das institucións públicas nos últimos anos preocupan ás expertas. "En 2010, o Ministerio de Igualdade foi disolto e as súas funcións foron asignadas ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. E en 2014, o Instituto da Muller converteuse nun órgano cuxo mandato abarca todas as formas de discriminación ", apunta a axencia internacional.

En consecuencia, "a especialización das institucións sobre xénero é moito menos visible". Menos visibilidade e un menor enfoque desde unha perspectiva de xénero.

2. Sen a materia de Educación para a Cidadanía

Os estereotipos seguen vixentes no sistema educativo, segundo o que puideron comprobar as expertas da ONU. "Os libros de texto seguen sen revisarse a pesar das recomendacións do Comité da CEDAW (Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller)", expuxo Frances Raday.

"Os cambios educativos que se fixeron son contraproducentes", di a presidenta do grupo da ONU

Ademais, a difusión de valores a favor da igualdade de xénero quedou sen unha ferramenta nas aulas. A única materia que trataba o tema de maneira específica, Educación para a Cidadanía, foi unha das vítimas da nova lei de educación do Goberno, a LOMCE. "Os cambios educativos que se fixeron en España son contraproducentes", denuncia a presidenta do grupo da ONU, que considera que a materia debería ser obrigatoria.

Ao pasar a ser unha materia opcional, as familias que elixen Relixión non teñen acceso a estes contidos "porque a materia relixiosa non inclúe a teoloxía feminista", apunta a relatora. "Non se poden marxinar os dereitos humanos ao elixir o ensino relixioso", conclúe.

3. Os recortes en políticas sociais prexudican ás mulleres

As prestacións en materia de dependencia sufriron importantes reducións nalgunhas autonomías de España. En total, o Sistema de Atención á Dependencia perdera en setembro 33.077 beneficiarios desde xaneiro, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Cada día deixouse de atender a 140 persoas.

Os recortes en dependencia e atención á infancia prexudican ás mulleres, ratifica a ONU

"Todo isto dá lugar a unha privatización da asistencia que prexudica ás mulleres", sinalou Frances Raday. Elas son as que, nunha situación de precariedade económica na que o sistema público non cobre as necesidades da familia, deixan o mercado laboral para coidar aos seus familiares.

"Tamén pensamos que as medidas de austeridade reduciron os centros pensados para os nenos de cero a 3 anos". De novo, elas son as que máis apartan as súas carreiras profesionais para ocuparse dos seus fillos. Neste sentido, a delegación lembrou que o 70% das persoas que traballan a tempo parcial son mulleres. "E a maioría non están empregadas en postos de xornada completa porque non teñen acceso a eles, non porque prefiran coidar ás súas familias".

4. En contra dos cambios na lei do aborto

A retirada da reforma da lei do aborto promovida polo anterior ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, foi recibida cos brazos abertos polas expertas da ONU. "O borrador provocaba a restrición dos dereitos das mulleres", resumiu Frances Raday.

A relatora recomenda que o gabinete de Rajoy abandone definitivamente a súa contrarreforma do aborto

Con todo, a delegación das  Nacións Unidas recomenda ao Goberno que abandone unha das súas últimas apostas respecto diso: a modificación da actual lei do aborto para que as mozas de 16 e 17 anos necesiten obrigatoriamente o consentimento dos seus pais para poder interromper os seus embarazos. Na súa opinión, esta medida "restrinxirá aínda máis o acceso das nenas a un aborto seguro e legal".

5. Rexeitamento ao aumento das taxas xudiciais

Loitar nos xulgados contra as inxustizas que as expertas recollen no seu informe ten unha barreira máis desde 2012, grazas á reforma da administración de Xustiza, tamén de mans do exministro Gallardón. "Cóntannos que a subida das taxas xudiciais supoñen un serio obstáculo que limita a posibilidade de litigar en causas civís, familiares, laborais e administrativas", recollen.

Ademais, o Goberno aínda ten pendente responder á histórica condena da ONU a España por neglixencia nun caso de violencia de xénero. A filla de Ángela González foi asasinada polo exmarido da muller (e pai da pequena), despois de que González denunciase en varias ocasións o perigo que sufría a súa filla en mans do seu maltratador. A CEDAW sinalou a necesidade de formación de xuíces, fiscais, avogados e as forzas da orde pública para eliminar os estereotipos de xénero que detectara nos xulgados españois.

6. A exclusión sanitaria dificulta protexer contra a violencia machista

"As mulleres inmigrantes aproveitaban as visitas ao médico para buscar axuda se sofren violencia"

O real decreto 16/2012, coñecido como o decreto da exclusión sanitaria, levou a firma doutra exministra. Ana Mato abandeirou a exclusión sanitaria de máis de 800.000 persoas do sistema de saúde público, entre as que destacan en número os inmigrantes sen permiso de residencia, que xa non teñen dereito á asistencia sanitaria normalizada.

A política sanitaria do Executivo, defendida tamén polo novo ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, tamén levou un toque de atención das Nacións Unidas. "As mulleres inmigrantes cóntannos que non teñen acceso á asistencia sanitaria. Só cando están embarazadas. O impacto é importante porque elas aproveitaban as visitas ao médico para buscar axuda se sofren violencia de todo tipo, non só na súa contorna íntima", resume Frances Raday.

Mato entrégalle a Alonso a carteira de ministro de Sanidade © Ministerio de Sanidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.