Os sindicatos denuncian a actuación policial no interior do Hospital de Ferrol

Posta en liberdade dos dous sindicalistas da CIG que foron levados á comisaría por non querer identificarse CC-BY-SA Susete

A policía interveu este xoves no interior do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol para poñer fin á protesta dun grupo de traballadores, convocados por CIG e CC.OO., ante a visita da conselleira de Sanidade Rocío Mosquera. Mosquera chegou ao centro hospitalario ás 13 horas para manter unha xuntanza coa xunta de persoal. Nese momento os e as traballadores iniciarion unha ruidosa protesta e bloquearon a súa entrada con apupos e berros en favor da sanidade pública. A conselleira optou nese momento por pecharse no despacho do xerente do centro.

Despois dun tempo chegaron ao recinto once axentes de policía que, a empurróns, expulsaron os traballadores do vestíbulo do hospital, vivíndose momentos de tensión, como se pode ver neste vídeo de La Voz de Galicia. Xusto nese momento ao redor de trinta profesionais sumáronse á protesta en solidariedade cos traballadores que estaban sendo agredidos. Dous dos protestantes, sindicalistas da CIG, negáronse a ser identificados e foron trasladados á comisaría, onde foron liberados tempo despois. A conselleira abandonou finalmente o centro pasadas as tres e media.

Ao redor de trinta profesionais sumáronse á protesta en solidariedade cos traballadores que estaban sendo agredidos. Dous dos protestantes, sindicalistas da CIG, negáronse a ser identificados e foron trasladados á comisaría

Inmediatamente, a maior parte dos sindicatos con representación no hospital condenaron a actuación policial, sobre todo polo feito de terse producido no interior do centro de traballo. Por suposto, CC.OO. e CIG, convocantes da protesta e que dende un inicio criticaran a mesma convocatoria da xuntanza, ao tratarse “dun paripé, xa que as nosas reivindicacións xa as coñece a conselleira". De igual xeito, UGT (que si consideraba necesaria a xuntanza) esixiu "responsabilidades" pola presenza e actuación da policía no interior do hospital, e rexeitou o uso da forza, cando -di- o máis fácil tería sido "suspender o acto". Pola súa banda, CESM-O’Mega "lamentou" os incidentes e afirmou que aínda que "as protestas son lexítimas", "a coacción ou a violencia non son tolerables en ningún ámbito”. Tamén criticou que se suspendera a reunción coa xunta de persoal pero que no entanto, si se mantivera a que estaba prevista realizar cos cadros intermedios do centro, "ao parecer , máis importante".

As críticas que os sindicatos, sobre todo CC.OO. e CIG, lle realizan á xestión da Consellaría de Sanidade refírense á contratación de empresas para os servizos de esterilización e de electromedicina, o feito de non cubrir as ausencias de personal, a privatización do servizo de cita previa, a redución de persoal no servizode radioloxía, o desvío de servizos públicos aos centros concertados, o feito de manter pechada unha planta de hospitalización no Hospital Naval, ou a eliminación do plan de mellora de atención primaria.

O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda vén de reclamar a dimisión do xerente do CHUF, Ángel Facio, e da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por estes feitos. AGE denuncia "a provocación e a falla de sentido democrático por parte dun goberno que non sabe respectar unha protesta pacífica dos traballadores e traballadoras". Este venres está convocada no hospital unha concentración de protesta ante a actuación policial.

Posta en liberdade dos dous sindicalistas da CIG que foron levados á comisaría por non querer identificarse CC-BY-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.