Os sindicatos destacan o incremento da participación na segunda xornada de folga do Sergas

Centro de saúde baleiro, este martes, na Mariña © CIG-Saúde A Mariña

A segunda xornada de folga no Sergas está rexistrando un incremento da participación, segundo destacan os sindicatos convocantes, que cifraron por riba do 80% o impacto do paro o luns. Este martes, as cifras dadas polas centrais se sitúan arredor do 82%, mentres que a Xunta tamén eleva lixeiramente a súa estimación, do 21 até o 22 por cento. Un día máis, son as comarcas de Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Salnés as que viven unha maior mobilización. Para María Xosé Abuín (CIG-Saúde) "a participación do persoal sanitario e non sanitario" constata "até que punto están concienciadas as traballadoras e traballadores respecto das consecuencias das políticas deseñadas polo PP e impostas pola consellaría de Sanidade, que se traducen en privatizacións, recortes, repagamentos e diminución da calidade, tanto para as e os doentes como para o propio persoal".

Os sindicatos salientan que nos hospitais paralizouse a actividade cirúrxica programada, realizándose tan só a actividade urxente, mentres que nas consultas externas e no Servizo de Laboratorio "o paro foi practicamente total cuns mínimos que só atenderon voantes urxentes". Nos Centros de Atención Primaria, sinalan, "a parálises foi total, mantendo, como non pode ser doutro xeito, a demanda urxente de atención sanitaria". Abuín demanda que a Sergas "tome nota do grao de rexeitamento que están a suscitar as súas políticas e fai un chamamento ao conxunto da poboación para que participe masivamente nas mobilizacións convocadas en defensa da universalidade, gratuidade e calidade da sanidade pública".

Ademais, os sindicatos denunciaron, ao igual que fixeran na xornada do luns, as dificultades e obstáculos impostos ao dereito de folga pola Consellaría de Sanidade e as xerencias e direccións de varias áreas sanitarias. Neste senso, Abuín denuncia en concreto que o pasado xoves o Sergas, cando fixo os chamamentos ao persoal das listas de contratacións na área de Vigo, preguntáballe previamente se os días 9 e 10 ía secundar a folga. Se a resposta era afirmativa este persoal non era contratado, saltando a orde de prelación das listas. “Que a CIG-Saúde saiba, no pacto de contratacións do SERGAS non se inclúe no apartado de suspensións de chamamentos secundar unha folga como causa que xustifique esta decisión”, engade.

Abuín denuncia que o pasado xoves o Sergas, cando fixo os chamamentos ao persoal das listas de contratacións na área de Vigo, preguntáballe previamente se os días 9 e 10 ía secundar a folga. Se a resposta era afirmativa este persoal non era contratado

Xunto a isto denuncia que, tamén na área sanitaria de Vigo, este luns realizáronse "peonadas ou autocertación" no servizo de Oftalmoloxía. “Preguntado o xerente polo comité de folga sobre este asunto, e malia a súa dilatada experiencia de xestión, a súa resposta foi que non sabía que en días de folga non se facía este traballo e quedou en poñerse en contacto cos servizos centrais da consellaría”, explica a secretaria nacional de CIG-Saúde.

 

Manifestacións

Para esta tarde está convocada unha ducia de manifestacións noutras tantas cidades e vilas galegas

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa
Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios
Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa
Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral
Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.
Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiúsos da Xunta de Galicia
Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial
Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa
A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar
Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde
Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Centro de saúde baleiro, este martes, na Mariña © CIG-Saúde A Mariña
Concentración de persoal sanitario en Ferrol © CIG-Saúde Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.