Os sindicatos piden a dimisión da conselleira por "incompetencia manifesta" ante os lumes

Rosa Quintana e Feijóo, xunto a dous brigadistas © Xunta

Os principais sindicatos veñen de volver pedir a dimisión da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana -como xa fixeran o 31 de xullo-, pola súa "incompetencia manifesta" na loita contra a vaga de lumes que asola o país. Nunha comparecencia pública, as organización sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF lamentaron que "Galicia sexa un ano mais noticia polo temas dos incendios forestais" e condenaron "as presuntas prácticas intencionadas ou por outros motivos que están provocando que este ano xa haxa mais de 7.000 hectáreas de monte queimadas" no que vai de ano e máis de 1.000 desde a pasada fin de semana. 

Os sindicatos piden a dimisión da conselleira e apoian o traballo dos brigadistas malia ter "medios precarios e falta de persoal"

Os sindicatos amosaron o seu "apoio" ao persoal do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais), que "con medios precarios, con falta de cadro de persoal, pero con dedicación, compromiso e profesionalidade están evitando que se teñan queimado moitas máis hectáreas de monte". Ademais, denunciaron que os datos que dá Medio Rural sobre o Plan de Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) "non se corresponden coa realidade". "Hai unha merma de operatividade que fai que os incendios sexan máis grandes, se chegue máis tarde e se incremente o risco", din, tras asegurar que cos 1.500 millóns que leva gastados a Xunta nos últimos anos en extinción poderíanse ter contratado 13.000 bombeiros. 

"Os datos reais son que o dispositivo da Xunta conta nestes momentos 2.812 traballadores, fronte ao dato que aparece nas estatísticas oficiais de 3.952", din. Serían, en total, 1.140 traballadores menos dos que inclúe o Goberno galego, 177 no SPDCIF, 73 en Seaga e 890 dos concellos. "A conclusión é que a Consellería ou non di a verdade ou está sendo enganada polos responsables do seu departamento", din os sindicatos, que cren que "ou a conselleira dimite ou ten que destituílos a todos". 

Segundo os sindicatos, a Xunta "mente" ao falar de 5.777 os efectivos para esta campaña porque conta como propios os medios estatais que "colaboran" na extinción dos lumes cando son grandes, como a UME. Do número que figura no Pladiga, 4.000 pertencen aos equipos de primeira intervención, dos que 2.00 son de Medior Rural, 500 do Seaga e 1.500 das brigadas municipais. 

Del número que figura en el Pladiga, 4.000 pertenecen a los equipos de primera intervención, de los que 2.000 son trabajadores dependientes de la Consellería de Medio Rural, 500 pertenecen al Seaga y 1.500 a las brigadas municipales. O resto complétase con Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), as motobombas municipais e os parques comarcais. 

Ademais, tamén censuraron o peche do 30% dos postos de vixilancia nos últimos catro anos, aínda que as centrais aseguraron que, na práctica, a redución "foi do 50%", así como o emprego de materiais obsoletos. 

Os sindicatos cifran en varios miles de traballadores menos dos que di a Xunta o número de traballadores contra o lume en Galicia

As organizacións sindicais consideran "grave" que o operativo de loita contra os incendios forestais "siga cada vez máis fragmentado en múltiples colectivos que operan descoordinados e en moitos casos sen equipamentos, sen experiencia e baixo mandos diferentes". Hai brigadas municipais, brigadas de Tragsa, brigadas de Natutecnia, a UME ou brigadas de Seaga, entre outros."Seguimos demandando un gran pacto social (partidos políticos, axentes sociais, colectivos medioambientais, propietarios, industria, etc....), para quitar o tema dos incendios forestais da loita partidista, e acadar un gran pacto a favor do monte galego, para poñer en valor o ouro verde que temos en Galicia", din as centrais, que tamén reclamaron a dimisión do secretario xeral de Montes. 

"O operativo contraincendios segue cada vez máis fragamentdo en múltiples colectivos que operan descoordinados"

Ademais, esixen a convocatoria "inmediata" dunha mesa de negociación na que se trate "con urxencia" a convocatoria dunha oferta pública de emprego e cobertura de vacantes, o recoñecemento da categoría de bombeiro forestal e a defensa do servizo "público, único e profesional". 

 

BNG e AGE solicitan un pleno extraordinario

Por outra banda, os grupos parlamentarios do BNG e AGE solicitaron este xoves a convocatoria "urxente" da Deputación Permanente do Parlamento pola vaga de incendios que sofre Galicia. As dúas forzas instan á convocatoria dun pleno extraordinario no que compareza o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, no que explique a política ant-incendios para deter uns lumes que queimaron xa  unhas 6.000 hectáreas no que vai de ano, segundo datos que deu o propio xefe do Executivo. 

Mentres, o voceiro parlamentario do PP, Miguel Tellado, negou que a nova Lei de Montes permita a recualificación de terreos xa queimados e, ante as palabras de Yolanda Díaz, viceportavoz de AGE, que acusou a Xunta de darlle "o chisqueiro aos incendiarios", o deputado popular cualificouna de "pirómana da palabra que só quere confrontar e confundir". 

O BNG leva ao Parlamento Europeo a vaga de lumes en Galicia

Ao tempo, a voceira do BNG en Bruxelas,  Ana Miranda presentou, a través da coalición Os Pobos Deciden unha iniciativa urxente dirixida á Comisión Europea para alertar da “gravísisima situación que vive Galiza” coa vaga incendiaria dos últimos días e reclama da Comisión Europea esixir maior protección á Xunta e ao  Estado dos espazos da Rede Natura 2000.

O BNG transmitiu ao Executivo comunitario novamente a traxedia que afecta a Galiza, e que os incendios rexistrados   estes días está a ter   “consecuencias catastróficas” que afectan gravemente á disposición dos recursos forestais e naturais, e dada a recorrencia coa que suceden, explica Ana Miranda,  “son causa dun severo dano crónico nas condicións ecolóxicas e de biodiversidade”

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.