Recortar en asistencia sanitaria ou recortar en salarios. É a disxuntiva ante a que se atopan os sindicatos que representan o persoal do Servizo de Galego de Saúde, segundo explicaron os seus voceiros estes venres aos medios de comunicación. O vindeiro luns as centrais sindicais están convocadas a unha mesa sectorial no que, explica María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, "nos van facer unha proposta, a ver se nos convencen", para que sexa o cadro de persoal o que asuma un compromiso asumido pola Consellería de Sanidade ante a de Facenda: "aforrar 15 millóns de euros", isto é, aplicar un recorte ao seu orzamento por esta cantidade.
"Se non aforra 15 millóns", vainos retirar "do soldo dos traballadores", ilustra Abuín, que avanza ademais que ningún dos sindicatos "vai ser cómplice" do recorte, dado que "as retribucións teñen que quedar á marxe do gasto sanitario". En nome do resto de representantes sindicais Abuín realiza un "chamamento" para que o Goberno galego retire os artigos dos Orzamentos Xerais para 2013 que avalan esta práctica, consistente esencialmente en abrir a porta a reducir complementos salariais. "Non se nos pode retirar" esa cantidade do salario, pero tampouco "vincular" o recorte aos salarios, "retirar 15 millóns da asistencia sanitaria para pagar soldos".
"O obxectivo é desmotivar o persoal e xustificar a privatización", subliñan os sindicatos
"Para que non nos toquen parte do salario pídennos que aforremos 15 millóns de euros", abonda Víctor Crespo, do sindicato Omega, en cuxa opinión a Xunta xa cruzou todas "as liñas vermellas". "Nós temos que sacrificarnos para que outros poidan ter un salario que non é de obreiro", ironiza, xa que, asegura, os cartos que Facenda reclama aforrar poderían saír das retribucións "dos directivos" da sanidade pública galega. No entanto, reprocha Ángel Cameselle, de Comisións Obreiras, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo opta por afondar no "desmantelamento" da sanidade pública, aínda que isto provoque un incremento das xa "bestiais" listas de espera. Trátase, en definitiva, asegura, de "favorecer o negocio da sanidade privada": "o obxectivo é desmotivar o persoal e xustificar a privatización" para que "os mesmos que privatizan, acaben xestionando os sectores privatizados".
Complementos de carreira profesional ou achegas ao salario por atender gardas son alguns dos conceptos salariais que, avanzan os sindicatos, se van ver reducidos cunha medida que, sinala María Xosé Abuín, pode converter nunha verdadeira "tolería" a confección de nóminas do Sergas, xa que se pode dar o caso de que "dous profesionais coa mesma categoría cobren distintos salarios". "Pode ser ata ilegal". Por este motivo, tras a mesa sectorial do luns os sindicatos estudarán as medidas a tomar tanto no ámbito legal como no social. "O camiño é a confrontación", augura Cameselle, quen subliña ademais que, no caso de que Sanidade non recúe nas súas intencións, a resposta será "contundente".