Os taxis galegos únense á folga que o sector está a levar a cabo en Madrid ou Barcelona e que xa se estendeu por boa parte do Estado, de Euskadi ou Aragón a Valencia ou Andalucía. A asociación maioritaria en Galicia, Fegataxi, tomou a decisión na mañá deste luns nunha asemblea celebrada na Coruña. Os paros iniciaranse ás 12 do mediodía de hoxe e continuarán durante 36 horas, ata a medianoite do martes ao mércores. Estableceranse, iso si, servizos mínimos.
Os taxistas de Galicia súmanse á mobilización iniciada polos seus compañeiros de Barcelona o pasado sábado, á que despois se uniron os profesionais de Madrid. Protestan contra o incremento da actividade de vehículos con licenza VTC, operados por multinacionais como Uber ou Cabify. O Ministerio de Fomento manterá xuntanzas este luns e martes con representantes do sector do taxi. O taxistas esíxenlle ao Goberno central que non autorice novas licenzas de VTC e que modifique o regulamento de transporte terrestre para blindar a proporción dunha licenza deste tipo por cada 30 de taxis.
O taxistas esixen ao Goberno que non autorice novas licenzas de VTC, que blinde a proporción dunha licenza por cada 30 de taxi e que se transfiran ás comunidades autónomas as competencias na materia
O conflito iniciouse despois de que o director xeral de Transporte Terrestre, Joaquín del Moral Salcedo (nomeado polo PP en 2012) presentase un recurso contra o novo regulamento aprobado en Barcelona polo Goberno de Ada Colau, que buscaba limitar a expansión das licenzas VTC. O recurso foi presentado xusto despois da toma de posesión de Pedro Sánchez e foi unha decisión persoal do alto cargo popular, adoptada "sen avisar" nin tan sequera á secretaria xeneral de Transportes, María José Rallo. De inmediato o Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, cesou a Joaquín del Moral Salcedo, pero a presentación do recurso, que segue o seu camiño nos tribunais, imposibilita a aplicación do regulamento que conseguira un consenso no sector do taxi en Barcelona.
Hai dúas semanas a Xunta iniciou a tramitación da orde que regulará os distintivos identificativos dos vehículos dedicados ao arrendamento de vehículos con condutor cuxa autorización se atope domiciliada en Galicia. Na xuntanza co Ministerio de Fomento, os representantes do sector do taxi esixirán igualmente "a transferencia de competencias ás Comunidades Autónomas para que o equilibrio que determina o Tribunal Supremo na sentenza de xuño de 2018 sobre a proporcionalidade 1/30 se cumpra en todas as comunidades".
Hai algo menos de cinco mil taxis en Galicia (4.727), unha cifra que vén descendendo nos últimos anos, sobre todo no rural
Na actualidade hai algo menos de cinco mil taxis en Galicia (4.727), unha cifra que vén descendendo nos últimos anos, sobre todo nas zonas rurais. No ano 1994 superábanse as seis mil licenzas de taxi no país.
