Os técnicos de normalización pídenlle á Xunta que anule a actual convocatoria dos CELGA

Exame do CELGA © Xunta

Técnicas e técnicos de normalización lingüística das sete cidades galegas e das principais vilas e comarcas do país, encargadas de xestionar os cursos de galego Celga veñen de solicitarlle á Xunta que se anule "de xeito inmediato" a comunicación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lles remitiu aos concellos sobre a realización dos cursos preparatorios para as probas Celga 2014. Consideran que, coas instrucións que contén, supón "un grave paso atrás que empeora notablemente a xa mala planificación e xestión da formación lingüística da poboación adulta". E denuncian que "incrementa a dificultade, complexidade e incomodidade do método de inscrición", dá uns prazos "ridículos que dificultan a difusión da información" e carece de "criterios, obxectividade e transparencia para a adxudicación e programación dos cursos".

Piden que se faga "unha planificación anual da oferta formativa" que permita "saber que cursos hai en cada localidade ou comarca, e as súas datas e horarios, para poder desenvolver unha maior e mellor difusión da formación en lingua galega dirixida ao conxunto da cidadanía", coa finalidade de facilitarlle a asistencia a cursos a todas as persoas interesadas, pois agora a Xunta obriga as persoas interesadas a preinscribirse en cursos que non se sabe se vai haber e, en caso de habelos, non se sabe que días serán ou que horarios terán.

O colectivo de profesionais da lingua fai finalmenre un chamamento para que "desde a Xunta de Galicia se pense nas miles de persoas que queren ou teñen que formarse en lingua galega"

O colectivo de profesionais da lingua fai finalmenre un chamamento para que "desde a Xunta de Galicia se pense nas miles de persoas que queren ou teñen que formarse en lingua galega e que están pendentes das convocatorias dos Celga para poderen acceder a un posto de traballo, a unha convocatoria de emprego público, ou a un curso de inserción laboral, e que non poden facelo, nalgúns casos perdendo un ano enteiro e mesmo máis, por culpa da mala planificación e xestión da SXPL e polas escasas oportunidades de formación e de acreditación Celga que esta ofrece".

Segundo sinalan, "desde hai anos levamos solicitando unha mellora na xestión e planificación dos cursos de galego e, lonxe disto, a SXPL dá agora este grave paso atrás que empeora aínda máis a xa mala xestión que había". En 2012 presentáronlle á Xunta unha Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga, elaborada e consensuada desde os diversos ámbitos relacionados coa formación lingüística de persoas adultas, mais "a SXPL, a pesar das súas boas palabras, lonxe de tela en conta, aínda empeora máis a planificación e organización de cursos de galego".

Exame do CELGA © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.