Os traballadores do naval piden a dimisión do alcalde de Ferrol

Protesta do naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Os traballadores de Navantia manfiestáronse este mércores pola rúas da cidade, de maneira improvisada, entre as portas da antiga Bazán e o edificio administrativo da Xunta, fortemente protexido por ducias de policías e arredor de dez furgóns. Dende alí, os concentrados, entre 1.500 e 2.000, dirixíronse até o Concello, onde tiña lugar unha xuntanza da Mancomunidade.

Alí, unha representación dos traballadores foi recibida polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. A reunión improvisada acadou certo nivel de tensión, e os representantes dos traballadores, encabezados por Ignacio Naveiras, protavoz do Comité de Empresa, acusaron o rexedor e o Goberno municipal de "estar a rir de nós", chamáronos "sinvergonzas" e pediron a súa "dimisión", pois "xa non nos representan". Naveiras pediu que o alcalde de Ferrol "puxese o seu cargo a disposición" e pediulle que deixase de lanzar "mensaxes tranquilizadoras" nun momento no que os empregados e as súas familias viven "días de incerteza".

Os traballadores amosaron a súa incredulidade e falta de confianza ante as palabras expresadas nos últimos días por Cristóbal Montoro, nas que afirmaba que os traballadores do sector naval de Cádiz e Ferrol "podían estar tranquilos". Tamén sinalaron que, de concretarse finalmente a concesión da construción dun metaneiro nas instalacións da ría ferrolá, iso sería "unha boa nova, pero insuficiente".

CC-BY-NC-SA Susete
CC-BY-NC-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.