Os veciños de Figueiras culpan á falta de prevención do lume que obrigou a desaloxar vivendas

O incendio deste xoves nos arredores de Santiago © A.VV. Nova Xeira de Figueiras

Foi un xoves de lume en Galicia. Os incendios foron especialmente importantes no sur da provincia de Ourense, con máis de 100 hectáreas queimadas en Oímbra, outras 100 en Padrenda e máis de 20 en Trasmirás, con outro foco de menor tamaño en Xinzo. Arderon tamén 60 nos arredores de Santiago, 52 en Padrón, e outros incendios menores en Cambados, Guntín, Lugo e Vilaboa. Na mañá deste venres permanece activo o incendio de Padrenda, activo e sen control dende a noite do xoves. Ademais, a metade da superficie afectada pertence á Rede Natura. Neste momento están traballando no lugar tres axentes forestais, cinco brigadas, tres motobombas e unha pa, segundo os datos facilitados pola Xunta.

O incendio que afectou á parroquia de Figueiras, na zona rural de Compostela, foi o máis grande dos que se levan rexistrado no que vai de ano nas proximidades da capital de Galicia. Ademais, nalgúns momentos as lapas achegáronse moito a vivendas habitadas, obrigando a desaloxar tres delas na noite do xoves, aínda que finalmente o lume puido ser controlado antes de que as afectase por completo. Así mesmo, este incendio acadou moita visibilidade, xa que o fume podía ser apreciado en todo momento dende o centro da cidade.

A Asociación Veciñal Nova Xeira, de Figueiras, unha vez controlados os efectos deste incendio, difundiu unha nota de prensa na que denuncia que "non hai xestión do monte" e reclama a adopción de medidas no outono, no inverno e na primavera para minimizar os riscos do verán. José M. Quintáns Couselo, presidente da entidade, sinala que o monte está "abandonado, cheo de maleza, de restrollos, de xestas e de toxos que acadan a altura de árbores, e inzado de eucaliptos que medran salvaxes e espontaneamente sen cultivar, sen límite, e chegan ata os lindeiros das leiras na aldea, pegados ás casas". Engade que "os camiños e pistas forestais están sen limpar", malia "nós insistir perante o Concello da necesidade de rozar, de limpar, de minimizar riscos en caso de incendio".

Denuncia que "non hai xestión do monte" e reclama a adopción de medidas no outono, no inverno e na primavera para minimizar os riscos do verán

A asociación responsabiliza da situación á "Xunta de Galicia e o Concello de Santiago no seu desleixo no exercicio da responsabilidade de promover e poñer en práctica políticas que permitan o desenvolvemento socio-económico do medio rural galego". E propón como "unha das vías para empezar a posibilitar a rendibilización do monte" darlle "un impulso" e resolver "a concentración parcelaria que se iniciou no ano 2000 e que, 15 anos despois, está sen rematar".

Explican que "desde a publicación no Diario Oficial de Galicia das bases definitivas para a concentración parcelaria da zona de Roxos-Figueiras o 10 de decembro de 2009 esta asociación veciñal solicitou formalmente en distintas ocasións, a continuación do proceso de concentración parcelaria. Respostas: A calada". N"on imos facer aquí un eloxio da concentración parcelaria, como se fose a panacea dos incendios" -din- "pero trátase de facer algo, de dar pasos, e unhas parcelas ordenadas e explotadas racionalmente, con pistas de acceso acondicionadas, non cabe dúbida que posibilitarían a entrada aos equipos de extinción en caso de incendio. Un suposto este menos probable se o monte é produtivo". "Quen é o responsable de non avanzar nas concentracións parcelarias? Os incendiarios?", pregúntanse.

"Quen é o responsable de non avanzar nas concentracións parcelarias? Os incendiarios?", pregúntanse

"Nós pensamos e sabemos, sabemos porque vivimos na aldea, pegados ao monte, que é na prevención onde lle hai que dar a batalla ao lume. Unha vez que o lume vén é imparable", conclúe. "Falamos de vidas humanas, falamos das casas construídas con esforzo e que acollen vidas enteiras. Que fácil ordenar unha evacuación! Ala, veña, todos fóra! E toda a xente marchando, salvando a vida e asemade perdéndoa toda", di.

"Sabemos porque vivimos na aldea, pegados ao monte, que é na prevención onde lle hai que dar a batalla ao lume. Unha vez que o lume vén é imparable"

Piden que "as parcelas de monte preto dos núcleos de poboación estean rozadas" e que "non se lexisle achegando o lume á porta da casa da xente, permitindo plantacións de eucaliptos a 50 metros dunha vivenda, senón que se estableza un perímetro de seguridade mínimo de 200 metros". "Non é tanto pedir. Só pedimos que a administración vixíe e comprobe que todas as medidas se poñen en práctica e que se cumpre a normativa. Nada máis nin nada menos: o cumprimento da normativa vixente", engade.

O incendio deste xoves nos arredores de Santiago © A.VV. Nova Xeira de Figueiras
O incendio deste xoves nos arredores de Santiago © A.VV. Nova Xeira de Figueiras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.