Os veciños de Galeras volven protestar "contra a ocupación de espazo público para uso privado"

Concentración dos veciños e veciñas de Galeras, este sábado © EU Compostela

Ao redor de 200 persoas, o dobre que a semana pasada, concentráronse de novo este sábado contra o proxecto do Concello de Santiago de reducir a extensión dun parque público na zona de Galeras para construír un novo acceso a un aparcamento privado e unha rotonda. A orixe do proxectoestá nun convenio asinado o 22 de maio de 2013 polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e por José Luis Liñares, representante legal da empresa Tugalu, propietaria do aparcadoiro La Catedral. Neste convenio o Concello "permite a construción" dun novo acceso ao aparcadoiro", que "ocupará parte do espazo público", e a empresa asume a construción da rotonda.

O secretario da asociación veciñal Aqualume, José Manuel González, reiterou que as obras "son innecesarias" e ademais ocupan espazo público e poden provocar danos nos edificios da zona

O secretario da asociación veciñal Aqualume, José Manuel González, reiterou que as obras "son innecesarias" e ademais ocupan espazo público e poden provocar danos nos edificios da zona ao proxectar a construción dun novo túnel subterráneo para o acceso ao aparcamento. González sinala que "se os informes técnicos din que é necesaria unha rotonda, a veciñanza non ten ningún problema", pero destaca que "o máis grave é a apropiación indebida dun espazo público, dun parque polo que loitamos moito tempo". Os veciños denuncian tamén o malgasto de cartos públicos que supón esta obra, cando toda a rúa Galeras foi sometida a unha profunda reforma hai só catro anos, e unha parte daquelas actuacións serían modificadas ou destruídas. 

Ao contrario do que sucedeu a semana pasada, María Pardo, edil de Urbanismo, non se achegou este sábado á concentración convocada polos veciños. As boas palabras e argumentos que ofreceu hai sete días foron substituídos este martes por acusacións aos protestantes de estar sendo "manipulados politicamente" e de manexar información "falsa". Pardo afirmou que a veciñanza se está a basear en datos "proporcionados" por "intoxicadores profesionais", tales como membros da oposición municipal, persoal do Concello, membros do Colexio de Arquitectos "e mesmo sindicalistas". E engadiu que algunhas das persoas que protestan non viven no barrio e están movidas por "un interese moi grande en facer Gamonales en Santiago". Ademais, o PSdeG local asegurou que"o marido e a secretaria" da edil de Urbanismo "tomaron nota dos asistentes" á protesta.

Xa anunciaron que o sábado que vén se repetirá a protesta, e todos os sábados até que este proxecto se paralice

A veciñanza presentou xa unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente e nos vindeiros días farán o mesmo ante o Valedor do Pobo e ante a Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística. Estas actuacións, a necesidade de contar con asesoramento legal e, sobre todo, as onerosas taxas xudiciais impostas polo Executivo de Mariano Rajoy, no caso de que os veciños teñan que levar este caso a xuízo, van supor uns gastos que xa se cifran nos tres mil euros. Os veciños e colectivos contrarios a estas obras abriron ademais un perfil de Facebook para ir dando conta das súas demandas e protestas e incrementar o apoio social ás mesmas. Ademais, xa anunciaron que o sábado que vén se repetirá a protesta, e todos os sábados até que este proxecto se paralice.

Concentración dos veciños e veciñas de Galeras, este sábado © EU Compostela
Vista do parque co proxecto da rotonda superposto CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.