Mentres medio mundo só estaba pendente de Galicia polo inicio da Vuelta Ciclista a España, media Galicia estaba envolta no incendio máis grande no que vai de verán. Máis de 2.000 hectáreas, o equivalente a uns 3.000 campos de fútbol, arderon esta fin de semana en tres lumes na provincia de Ourense nos municipios de Cualedro e Monterrei onde as lapas chegaron a formar unha fronte de 9 quilómetros estendéndose até os montes de Vilar de Perdices, Portugal. O persoal contra incendios xa alertara antes de que comezara a temporada de risco que éste ía ser un "verán perigoso" pola "falta de medios, os recortes e a improvisación por parte da Xunta" cun "Pladiga que repite os males de todos os anos".
Máis de 2.000 hectáreas arderon esta fin de semana en tres lumnes na provincia de Ourense nos municipios de Cualedro e Monterrei onde as lapas chegaron a formar un frente de 9 quilómetros
Os dous primeiros orixináronse o sábado ás 12:50 horas en Cualedro, nas parroquias de Vilela e A Xironada. A intensidade, as altas temperaturas e o forte vento fixo o lume incontrolabel por momentos, o que levou á Consellería do medio rural e do mar a decretar o nivel 1 pola súa proximidade ás vivendas nos lugares de Carzoá, San Martiño e San Millán, en Cualedro, e Sandín, Flariz e Medeiros no Concello de Monterrei. Este incendio destrozou 1.280 hectáreas das que 350 corresponden a terreo agrícola. Nos traballos de extinción deste lume participan 2 técnicos, 8 axentes forestais, 29 brigadas, 11 motobombas, 5 palas, 8 helicópteros e 10 avións e mentres o concello de Cualedro vivía horas dramáticas, o seu alcalde, o popular Rivero Cuquejo, estaba de vacacións en Italia.
Un terceiro incendio comezou tamén sábado cerca da Xironda, que pronto se extendeu e chegou á fronteira con Portugal. Segundo as estimacións provisionais a superficia afectada é de 895 hectáreas, das cales preto de 200 son terreo agrícola. Porén, na mesma zona e en apenas 48 horas arderon preto de 2.200 hectáreas, un lume que se conseguiu estabilizar á última hora do domingo grazas a baixada das temperaturas e do vento. Segundo a Xunta, "entre os medios aéreos e terrestres que traballan na extinción destes lumes atópanse os municipais, autonómicos e estatais, coordinados baixo o mando único da Xunta de Galicia" e para a parroquia de Vilela "pediuse reforzo de medios á Unidade Militar de Emerxencia, UME". Os veciños viviron horas de angustia co lume pegado as súas casas e foron eles mesmos quen en moitas zonas se enfrentaron ás lapas. En varios puntos a estrada estivo cortada pola acción do lume e varios grupos de animais tiveron que ser desaloxados.
Tamén en Ourense, no Concello de Xinzo de Limia, arderon 20 hectáreas segundo o primeiro balance provisional, nun incendio que quedou controlado á medianoite de onte.
No mediodía deste luns continuaban activos un lume forestal en Nogueira de Ramuín, Ourense, cunha superficie afectada provisional de arredor de 60 hectáreas e en Pontevedra, no Concello de Rodeiro parroquia de San Paio de Senra, no que permanece controlado un incendio que afecta a cerca de 100 hectáreas segundo as últimas informacións do servizo 085 da Consellería do Medio Rural e do Mar.
A conselleira, Rosa Quintana, afirmaba ante esta vaga de lumes que non cree nas "casualidades" en referencia aos incendios desta fin de semana nos Concellos de Cualedro e Monterrei xa que os dous primeiros focos surxiron "con apenas 500 metros de distancia" e durante o día tamén empezaron en A Xironda e en Montes, tamén en Cualedro. Quintana pediu "colaboración da cidadanía" para deter aos culpábeis e recordou o "trámite da reforma do Código Penal para aumentar as penas a incendiarios" e que a Xunta de Galicia "non parará ata que todo o peso da ley caiga sobre eles".