A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) prevé manter unha xuntanza coa Fiscalía para que actúe de oficio e abra investigación sobre o trato dado a mulleres que sofren abortos euxenésicos en varios hospitais públicos de Galicia. Despois de que o ministerio público arquivase en tan só dúas semanas o caso desde a Fiscalía Provincial da Coruña polas denuncias xurdidas no Hospital Materno Infantil da Coruña, a PGDA quere agora incrementar a presión achegando testemuños individuais e ampliando o proceso ás eivas no tratamento denunciadas no conxunto do sistema sanitario público de Galicia.
A Plataforma reuniraxe xunto ao Defensor do Paciente coa Fiscalía para achegarlle casos individuais e ampliar o caso
A pasada semana, a Fiscalía Provincial da Coruña arquivou as dilixencias informativas abertas logo do escrito presentado polo Defensor do Paciente sobre o trato dado a mulleres que sofren abortos euxenésicos polo persoal do Hospital Materno Infantil da Coruña. Estas foran remitidas pola Fiscalía Superior de Galicia á Provincial para que abrese a correspondente investigación, pero o caso arquívase agora menos de dúas semanas despois de comezar as pescudas.
O ministerio fiscal xa advertira de que os feitos, tal e como estaban relatados, non tiñan encaixe no precepto penal. O Defensor do Paciente asegurara que había "presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres, con coñecemento de que este se está producindo". Pero mentres non houbese unha denuncia individualizada coa que se puidesen acreditar prácticas ilícitas, os feitos relatados non encaixaban en ningún precepto do Código Penal.
Agora, a PGDA, que foi quen sacou á luz varias denuncias públicas, apaña xa diferentes casos individuais e xa contactou cos avogados do Defensor do Paciente, que solicitará unha xuntanza coa Fiscalía na que estea presente a Plataforma para achegar denuncias particulares e datos que permitan que o ministerio fiscal "poida actuar de oficio, xa que non o fixo aínda".
O colectivo mobilizarase para volver reclamar que se cumpran os protocolos internacionais en Galicia no caso dos abortos euxenésicos
Desde o colectivo entenden que os múltiples casos feitos públicos deberan ser dabondo para a intervención da Fiscalía, pero entenden que a achega de "casos concretos" e a ampliación destes testemuños sobre eivas no tratamento a varios puntos de Galicia e do sistema sanitario público farán que se dea paso a unha investigación. Ao tempo, a PGDA apoiará a todas aquelas mulleres que leven a cabo tamén unha denuncia individual e prepara xa novas accións de protesta e mobilizacións para reclamar "que se cumpra no Sergas cos protocolos internacionais" á hora de aplicar abortos euxenésicos pasadas as 14 semanas de xestación.
"Porque seguen sen cumprirse os protocolos internacionais, tal e como denuncian desde os Centros de Orientación Familiar (COF)", destaca Margarida Corral, da PGDA na Coruña. Así, este mesmo martes, o director do COF da Coruña, Xosé Anxo Vidal, adveriiu que "o protocolo do Sergas non coincide cos protocolos internacionais" por moito "que o diga o señor Núñez, Feijóo". "É falso, é mentira que se cumpran os protocolos internacionais", insistiu.
Ademais, e tal e como denuncia a PGDA ante o traslado a Madrid de pacientes ás que non se lle facilitan os abortos euxenésicos en Galicia, "é máis barato" contratar profesionais que atendan as mulleres no sistema sanitario público galego que trasladalas á capital do Estado.
A polémica xurdiu cando a PGDA denunciou que en varios hospitais públicos galegos -cando menos na Coruña e Ferrol- non se garante a asistencia necesaria aos abortos euxenésicos que superan as 14 semanas, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou que mesmo as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño. Varias afectadas relataron as súas duras experiencias e ducias delas contactaron co colectivo para contar tamén o seu caso.
A Xunta anunciou unha investigación ante o recoñecemento, incluso desde o CHUAC, de que a asistencia médica completa non estaba garantida e de que puido haber eivas, pero négase a cambiar a protocolo e rexeita que os problemas se deban aos recortes ou á obxección de conciencia por parte dos profesionais. A alternativa que dá o Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid, opción que tamén é censurada polo que supón de trastorno para as implicadas.