Pancartas a prol do aborto libre, non; simboloxía fascista, si

Pancarta despregada en Riazor Dominio Público @josinhobesti

A polémica pola simboloxía nos recintos deportivos galegos ou con equipos da terra polo medio volveu este domingo a Riazor. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto despregou no descanso do encontro entre o Deportivo e o Sporting unha gran faixa que reclamaba o "aborto libre e gratuito" e que chamaba á manifestación que contra a reforma normativa que prepara o ministro Gallardón se desenvolverá o vindeiro 9 de marzo en Compostela a partir das 12 do mediodía. Tan só durou uns cinco minutos pendurada, xa que membros da seguridade privada do estadio, supervisados pola Policía Nacional, decidiron retirar e requisar o cartel entre os asubíos de parte da bancada, que aplaudira a acción reivindicativa pouco antes. Ao tempo, bandeiras filonazis colocada por algún seareiro do equipo asturiano -e que imitaban as do III Reich- permaneceron durante todo o partido colgadas nun lateral do campo.

A pancarta a prol do "aborto libre e gratuíto" foi retirada mentres a poucos metros penduraba unha filonazi de ultras do Sporting

Non é a primeira vez que cousas semellantes lle acontecen a seareiros galegos. Foron varios os vetos ás bandeiras nacionalistas que afeccionados deportivistas, do Celta ou do Obradoiro sufriron en numerosos estadios da península ou incluso no Multiusos Fontes do Sar. As denuncias levadas a cabo por centos de cidadáns provocara incluso que o Valedor do Pobo lle tirara das orellas ao Goberno central nun informe no que aclaraba que para prohibir bandeiras independentistas explicitamente habería que reformar a lei e permitir unicamente a entrada a eventos deportivos de símbolos estritamente deportivos ou con recoñecemento e uso oficial.

Rocío Fraga, unha das activistas que pendurou a pancarta en Riazor, asegura que o único argumento que lle deron os gardas de seguridade que retiraron a faixa foi que "era ilegal", pero advirte de que a normativa para os espectáculos deportivos prohibe unicamente a simboloxía "que incite ao odio, o racismo ou a xenofobia". Non era o caso do seu lema, pero si podería aplicarse ás bandeiras filonazis dos ultras do Sporting de Gijón.

Os axentes de seguridade tan só argumentaron que a pancarta era "ilegal"

Falta saber se a decisión de retirar a pancarta foi iniciativa dos gardas de seguridade, da Policía ou do propio Deportivo, algo que non cre a afectada. "Parecía decisión propia dos axentes de seguridade", conta. A faixa foi colocada no momento do descanso, xusto cando as directivas abandonaban o palco para o tempo de lecer. En todo caso, Rocío Fraga pedirá explicacións ao club, ao que acudirá tamén para intentar recuperar a pancarta que lle foi requisada, e consulta xa a normativa para coñecer que puido levar á retirada dun lema que foi apoiado por boa parte da bancada de Riazor. O feito de que o partido fose declarado de alto risco puido influír nunha decisión que, no entanto, non foi tomada con símbolos colocados a tan só uns metros.

Pancarta despregada en Riazor Dominio Público @josinhobesti
Captura de televisión con bandeiras filonazis en Riazor Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.