Unha concentración diante da oficina central do BBVA na cidade conseguiu evitar o desafiuzamento do café bar O Carballo, situado no barrio de Caranza. Os afectados denuncian que a entidade adquirira un compromiso verbal cun dos empregados do establecemento, Pedro Bastida, polo cal se comprometían a venderlle o negocio se este ingresaba os cartos da hipoteca, cantidade que conseguiron mediante un crédito con outra entidade, chegando a hipotecar unha vivenda.
Porén, o BBVA pareceu retractarse nun principio do compromiso adquirido, continuando coa súa intención de facerse co local, que era propiedade de Bernardo Bastida, ex patrón maior da Confraría, o que deixaría sen traballo, ademais, a catro persoas. O prazo expiraba o mércores 11 de abril.
O BBVA pareceu retractarse nun principio do compromiso adquirido, continuando coa súa intención de facerse co local
Nos últimos días o grupo municipal de Esquerda Unida reclamara publicamente a mediación no caso do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, reclamándolle que o Concello deixase de ser un espectador pasivo e actuase activamente -coma outros gobernos municipais, coma o de Cangas- para evitar o embargo, mediando ante a entidad bancaria e convocando unha comisión de seguimento para arbitrar una solución de compromiso.
Finalmente, este martes ao mediodía unha numerosa concentración na Praza do Callao, diante da oficina central do BBVA en Ferrol, conseguiu que a entidade cumprise a palabra dada por parte do Director da sucursal, aceptando un talón bancario por valor de 66 mil euros que saldaba a débeda con este banco. Na concentración participaron cidadáns de todo tipo, convocados unhas horas antes, e tamén representantes de colectivos sociais, como a Asociación Fuco Buxán ou as Mesas de Converxencia.