Nas últimas semanas o Exército instalou arame con concertinas no perímetro do campamento militar de Parga (Guitiriz). A medida, tanto polo perigo que poden supor as coitelas deste arame, como pola relación que este novo peche establece co espazo que o rodea, espertou dende o primeiro momento as críticas da veciñanza e tamén dos comuneiros que xestionan os montes veciñais neste lugar. Ademais, pídese información sobre o obxectivo desta medida e sobre os novos usos e funcións que se lle van dar a estas instalacións militares.
De feito, xa o pasado venres o BNG presentou no Parlamento Galego unha iniciativa para coñecer "as causas da instalación de concertinas" nunha actuación "que nós entendemos que resulta desproporcionada, desafortunada e que non responde a criterios obxectivos de seguridade”, sinalaban. O deputado Cosme Pombo afirmou que “ata o de agora os veciños de Santa Cruz viñan tendo unha relación de convivencia co propio campamento en tanto que o cerramento perimetral do mesmo consistía nun ribazo de terra e pedra, sen nin tan sequera un valado que impedira o paso e sen que houbera problemas maiores”.
"O vecindario está alarmado e reclama a inmediata retirada polo perigo que representa para animais e persoas; reclama ademáis que se rebaixe a potencia do tiro que están a empregar os militares por canto que resulta moi prexudicial para a saúde das persoas, para as súas propiedades e para os animais das granxas da zona”, engadiu Pombo.
De igual xeito, Antón Tenreiro, veciño do lugar, denuncia "a actitude prepotente, mesmo chulesca, do mando militar de Santa Cruz de Parga", que se ve "alimentada polo pasotismo dunha institución municipal de Guitiriz que debera recorrer esa alambrada pola xustiza ordinaria para preservar os dereitos e a seguridade dos seus veciños e mesmo negociar a reversión dunha cesión gratuita que tería hoxe mellor uso como monte público e uso civil".
O campamento foi creado no ano 1944 en terreos cedidos pola comunidade de montes de maneira gratuíta e forzosa
Tenreiro lembra a orixe da función militar deste campamento, "creado no ano 1944 en terreos cedidos pola comunidade de montes de maneira gratuíta e forzosa (era o franquismo), aínda que figuran como mercados. Foron 100 hectáreas cedidas e 25 mercadas a posteriori". Tenreiro subliña que "comezou con soldados hospedados en casas de veciños e posteriormente foi evolucionando até contar con arredor de 4000 soldados no seu período máis puxante", o que "repercutíu positivamente na economía das parroquias colindantes".
Tenreiro destaca que "na cesión dos terreos aos militares non se negociou a reversión dos mesmos aos seus propietarios naturais" e propón que o Ministerio de Defensa ceda "todo ese monte de 125 hectáreas para o uso público orixinario", con moita máis razón "en tempos de abolición do servizo militar forzoso" cando "hai moitas instalacións militares que pechan e pasan a ter un uso social e civil, a ser aproveitadas polos cidadáns con usos pacíficos e aproveitamentos culturáis e mesmo económicos públicos". Porén, semella que o camiño escollido en Parga é moi outro.
Antón Tenreiro: "O exército debe explicar que vai facer alí e os veciños teñen dereito a saber que vai pasar a carón das súas casas e a non ter unha instalación clandestina e militarizada"
Sinala a este respecto que "as concertinas de guerra" non son "un antollo do mando de turno, responden a unha decisión do Ministerio para un novo destino dese destacamento que todos descoñecemos". "Eses arames con coitelas agochan algo máis que soldados e illan a parroquia ademáis do negativo e violento impacto visual", engade. "O exército debe explicar que vai facer alí e os veciños teñen dereito a saber que vai pasar a carón das súas casas e a non ter unha instalación clandestina e militarizada. Os veciños deben ter dereito á libre circulación en tempos de paz e á devolución dos terreos que lles foron usurpados para o seu uso civil e social e que a explotación económica do monte compense esa expropiación franquista", conclúe.
Cosme Pombo: “Existen sospeitas de que o Ministerio de Defensa ten previsto un cambio de uso para o recinto militar e este pode ser o primeiro paso”
Unhas sospeitas que xa eran apuntadas por Cosme Pombo o pasado venres, cando afirmou que “existen sospeitas de que o Ministerio de Defensa ten previsto un cambio de uso para o recinto militar e este pode ser o primeiro paso”. Pombo anunciou que o BNG presentará iniciativas no Congreso dos Deputados para saber cales son as verdadeiras intencións do Ministério e se existe pretensión de utilizar o campamento militar para outros fins diferentes aos actuais.