Parón nos tribunais para que a Xustiza siga sendo "de toda a sociedade"

Mobilización de persoal da Xustiza CC-BY-NC-SA CIG

"O problema da Xustiza é un problema da sociedade". É un dos treitos dun dos manifestos consensuad entre xuíces, fiscais, a plataforma Xustiza para todos e as centrais sindicais que representan o persoal ao servizo do tribunais. Lido en Pontevedra, este documento "condensa" boa parte dos motivos que levaron a unha significativa parte da xudicatura e da fiscalía a protagonizar este mércores unha inédita folga que no conxunto do Estado superou o 60% de seguimento e que en Galicia ficou arredor do 50%, segundo datos de Xuíces para a Democracia (XPD), coa reivindicación fundamental de que a Xustiza siga sendo "de toda a sociedade".

A folga deste mércores chega despois de que, o pasado outubro, as asociacións da xudicatura e da fiscalía instasen o Goberno central, a través do Ministerio de Xustiza, a adoptar unha serie de medidas que avanzasen cara á "calidade" no servizo, tales como o "incremento da planta xudicial" para avanzar "cara a estándares europeos", o "mantemento dos investimentos en Administración de Xustiza" ou a non aprobación da Lei de Taxas que "impide o acceso á Xustiza". "O Ministerio non só non atendeu ningunha destas peticións -explican-, senón que agravou aínda máis o que xa anunciaba" en materia, por exemplo, das devanditas taxas, impoñendo unhas tarifas "absolutamente desproporcionadas e unxistas".

A folga foi seguida en Galicia por unha media do 50% dos colectivos convocados, segundo Xuíces para a Democracia

Neste contexto, medidas como o despedimento "de case mil persoas que actuaban en funcións de substitución" ou o "incremento da carga de traballo" súmanse "ao incremento do drama social da crise", que leva a xuíces e fiscais a teren que resolver "procedementos hipotecarios ou de desafiuzamento que non dotan de protección ás persoas afectadas". Estes, explican, son os motivos que levaron a unha folga que, dende o punto de vista do coordinador de Xuíces para a Democracia en Galicia, Luís Villares, tivo un seguimento "moi positivo", máis tendo en conta "que non é un colectivo acostumado ás mobilizacións" e que, a última hora, algunhas das asociacións maioritarias "se desmarcaron da convocatoria".

"Conseguimos que se visualizase o conflito", explica Villares en conversa con Praza Pública, nun contexto no que o que  "está en cuestión" non son "simplemente unhas condicións de traballo ou unha determinada cantidade de cartos" para investir en Xustiza, "senón o propio modelo de Xustiza e de control ao poder", di. En opinión do maxistrado, "a pretensión do PP é un cambio de modelo" no que os tribunais teñan "maior dependencia do Ministerio", coa conseguinte "merma da independencia xudicial" e cun "Poder Xudicial máis dócil, que poida controlar peor". A estar circunstancias estruturais súmanse outras como a redución do cadro de xuíces e xuízas ou a supresión das substitucións, configurando unha "situación bastante dramática, tanto no atraso na administración de Xustiza como na calidade das resolucións xudiciais" a causa do propio atraso, explica.

"O PP pretende un cambio de modelo, cun Poder Xudicial máis dócil que poida controlar peor"

Neste escenario, a petición unánime dos colectivos que representan o sector encamíñase a esixir un "incremento do investimento público en Xustiza", a "paralización inmediata" do proxecto de lei que vai reformar o Consello Xeral do Poder Xudicial", a "derrogación" da normativa que "elimina os suíces substitutos" e a "derrogación da lei de taxas" para que estas "non supoñan unha vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva". Estas peticións, segundo estima XPD, levarón á folga ao mencionado 50% de xuíces e fiscais no conxunto de Galicia, chegando ao 70% en cidades como Pontevedra e mesmo ao 100% en localidades como Cangas do Morrazo ou Redondela.

Mentres, dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se ofrecen as cifras de seguimento en termos porcentuais, senón que só se comunica cantos xuíces e xuízas foron á folga en cada localidade. Así, por exemplo, o alto tribunal galego explica que na provincia da Coruña pararon 49 xuíces e xuízas, en Lugo fixeron o propio 12 profesionais da xudicatura, en Ourense 16 e na provincia de Pontevedra, 32.

 

Mobilización de persoal da Xustiza CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.