Paus e cinta illante para (non) evitar os cortes de luz

CC-BY-SA Praza Pública

A sucesión de temporais das últimas semanas non so trouxo consigo auga, vento pólas e mais mobiliario urbano polos aires. Unha das consecuencias máis habituais no amplísimo rural galego ante fenómenos meteorolóxicos coma estes son os cortes de luz, que nas últimas cicloxéneses afectaron especialmente a comarcas como A Mariña de Lugo. Un dos puntos do país con problemas no subministro eléctrico é a parroquia de Mandaio, antes no Concello de Cesuras e agora, no de Oza-Cesuras. Os cortes de luz veñen de vello e agora a veciñanza sorpréndese, cunha mestura de indignación e retranca, da "tecnoloxía punta" aplicada por Unión Fenosa Distribución para amañar o problema.

Paus, bridas e cruces de PVC apareceron en varios puntos do tendido eléctrico para, supostamente, evitar os cortes. "Aínda despois de utilizar tan importantes recursos procedentes do incremento constante do prezo do servizo e malia estarmos a falar dun concellos unificado para a modernidade a trinta quilómetros da Coruña, a realidade é terrulana e seguimos a ter constantes cortes de luz", din representantes veciñais, que constantan que "os carabullos e as cruces de pvc non solucionan o problema".

A compañía instalou paus e cruces de pvc no tendido eléctrico para, supostamente, paliar os cortes

Xa no ano 2008 Unión Fenosa admitía que entre xaneiro e agosto se produciran "22 cortes de diferentes duracións polos que debían descontar parte do recibo". En maio de 2010 a Consellería de Industria remitiulle un escrito a Biblos Clube de Lectores, que se atopa na parroquia, respondendo ás súas reclamacións polos problemas co subministro. A resposta da Xunta, afirman, era "unha nota de esperanza", porque "recollía de Unión Fenosa Distribución" a afirmación de que xa realizara "a limpeza e a poda" no entorno das liñas eléctricas, "polo que os cortes destas situacións se reducirán".

Pero o problema "non estaba nin está" solucionado. "Nas últimas semanas son moitas as horas sen abastecemento eléctrico" que acumula a veciñanza. Isto acontece en Mandaio mentres "outros moitos núcleos" da zona "non sofren estas carencias". A "tecnoloxía punta", polo momento, semella non dar resultado.

"Tecnoloxía punta" contra os cortes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.