Persoal de Dependencia recibe orde de resolver 1.500 axudas no rural antes das eleccións

A conselleira de Benestar, nun acto con maiores © Xunta

Foi nunha xuntanza en Santiago, celebrada o pasado luns. A ela estaban convocados "todos os xefes do servizo de Dependencia e Autonomía Persoal das provincias" e tamén os "coordinadores" desta área. Quen o conta é Deli Lamas, que dende a Confederación Intersindical Galega fai público o que, sinala, foi o contido deste encontro con responsables da Consellería de Benestar. Consistiu, esencialmente, en "dar orde" de "incrementar as horas" para resolver expedientes de axuda a domicilio da Lei de Dependencia "durante a vindeira semana e media", notificacións por correo incluídas, que deberán chegar ás casas das persoas beneficiarias "antes do día 20", isto é, como moi tarde na xornada de reflexión previa ás eleccións do 21 de outubro.

A CIG sinala que as concesións de axudas deben ser notificadas ata o día 20, xornada de reflexión

Este incremento de horas, que aínda debe ser "aceptado" ou non por parte do persoal, estará encamiñado a converter en "prioritarias" durante estes días as solicitudes pendentes de axuda a domicilio. Concretamente "a orde é que sexa non rural, non nas cidades" e ademais, subliña a CIG, impóñense cifras: "esíxese que antes día 17 de outubro -as cartas certificadas poden tardar ata tres días en chegar- se resolvan 500 expedientes na Coruña, 200 en Ourense, 400 en Lugo e 400 en Pontevedra". Isto farase, di o sindicato, aínda que "os compañeiros e compañeiras do serivzo vaian traballar polas tardes", isto é, fóra do seu horario laboral.

Explica Deli Lamas en conversa con Praza Pública que esta voráxine de concesión de axudas non se corresponde en absoluto co ritmo normal de traballo, menos aínda tendo en conta que as solicitudes "se van resolvendo en función do crédito do que se dispón". "Ata agora estaban paradas porque non había cartos para incrementalas", igual que non os hai "para nada da Lei de Dependencia". Pero "de repente aparece o crédito", explica, o que na súa opinión amosa unha clara intención de "utilizar a Lei de Dependencia con fins electoralistas".

Outras "chanchulladas"

Non é esta a única, en verbas da CIG, "chanchullada" sobre a que alerta o sindicato nacionalista nos últimos meses. Hai escasos días a central sindical subliñaba que a estafa das preferentes das antigas caixas se "están a converter nun choio para privilexiados da Xunta". O Goberno galego, din, "está a destinar gran cantidade de recursos humanos, pagando produtividades a persoal posto a dedo" para xestionar as reclamacións das persoas afectadas ante o Institugo Galego de Consumo, aínda que "en conivencia coa entidade bancaria", acusan.

O sindicato denuncia o xeito en que a Xunta xestiona as reclamacións das preferentes

"Hai un colectivo que ten claramente a consideración de beneficiaron con estas reclamacións: os árbitros das preferentes", explica a CIG. A través dun comunidado remitido á prensa o sindicato detalla que "cada árbitro cobra 20 euros por laudo emitido en concepto de produtividade". Trátase, din, dun colectivo "formado por 23 persoas" no que figuran "altos cargos da Xunta e amigos e afíns" a eles. Este plus de produtividade non o cobran "os bolseiros e bolseiras" que, "aínda que teñen que recibir formación na Dirección Xeral de Comercio" en materia de "actividade comercial, pequena e mediana empresa ou artesanía", teñen "a orde de traballar para Consumo, facendo fotocopias dos expedientes das preferentes".

Segundo a CIG "a desfeita non remata aquí", xa que "para xestionar os expedientes das preferentes a Xunta utiliza unha aplicación facilitada" por Novagalicia Banco, "onde figuran todos os datos e o seu estado actual". "É o banco quen cita aos reclamados" e "posteriormente, Consumo concreta a hora". Mentres, "dende as altas instancias da Xunta hai unha orde clara "a respecto das reclamacións que calquera cidadán pode presentar en Consumo: toda outra cousa que non sexa relacionada coas preferentes ficará no caixón", advirten.

A conselleira de Benestar, nun acto con maiores © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.