Persoal do Sergas esixe máis formación que "un vídeo" ante posibles casos de ébola

Mobilización do Hospital da Costa, en Burela, este venres CC-BY-SA Xunta de Persoal do Hospital da Costa

"Só hai un procedemento xeral que che di que, se recibes un paciente de risco, lle tes que dicir amablemente que poña unha máscara e avisar o 061". Quen fala é Carmen Aira, traballadora do Hospital Lucus Augusti (HULA) de Lugo e voceira da CIG Saúde. Faino dende a preocupación reinante entre amplos sectores do persoal do Servizo Galego de Saúde ante a posibilidade de teren que atender algún paciente que poida ter síntomas de ébola. Mentres o sistema sanitario da Comunidad de Madrid segue sumido na descoordinación en Galicia "remitíronnos un vídeo que colgaron na intranet" do Sergas e que "debe ser o da propia fábrica dos traxes, que indica como quitalos". "Non houbo adestramento" e iso, precisamente, é o que esixen.

As carencias, segundo o sindicato, comezan nos centros de saúde e chegan ata o Hospital Meixoeiro de Vigo, designado polo Sergas como centro de referencia ante posibles casos da enfermidade. Alí, di Aira, "a día de hoxe ninguén sabe se lle vai tocar atender unha persoa" que poida ter o virus. "Só saben que serían os traballadores da UCI", pero "non saben quen nin os formaron" especificamente. No caso do persoal de atención primaria "chegáronlles uns traxes, pero non sabemos a calidade dos mesmos". Para o persoal de urxencias "os traxes son algo mellores, pero son permeables" e, polo tanto, "tamén pasaría o virus". "Segundo lin en Médicos sen Fronteiras, os traxes teñen que ser impermeables", subliña.

Ás dúbidas e descoñecemento xeral únese a circunstancia de que "nos centros de saúde non hai habitáculo ningún destinado a recibir pacientes potenciamente infectados" e a que os poucos datos dos que dispoñen son "información, pero non formación". Eses datos, ademais, fóronlles transmitidos por "persoas que non son expertas" no tratamento deste tipo de doenzas e "mesmo amosan versións contraditorias" entre si. Mentres fontes sanitarias consultadas por este diario explican que algúns profesionais practican pola súa conta o xeito de poñeren e quitaren os traxes de protección Aira salienta que "non houbo prácticas" nin se mencionarion elementos "fundamentais" como "a desinfección con hipoclorito sódico, con lixivia", que "aquí, nin se nomeou".

"No 061 houbo un motón do persoal e por iso veu un home de Médicos sen Fronteiras"

Segundo a CIG Saúde as únicas prácticas que se realizaron "foron no 061" e porque "alí houbo un motín do persoal", que "ameazou con non facerse cargo" dos posibles casos "se non tiñan antes un adestramento". Por iso, sinala, "veu un home de Médicos sen Fronteiras". Asemade, no caso concreto do HULA, xurden incógnitas sobre o lugar ao que habería que mandar pasar unha persoa con síntomas: "o único habitáculo posible" é un "con dúas portas que dan ao corredor", polo que se "hai que achegarse ao paciente, despois non habería sitio para quitar o traxe" sen contaminar o traballador ou o corredor hospitalario.

Feijóo garante o cumprimento dos protocolos e insta a distinguir entre traxes

Fronte aos temores expresados polo persoal sanitario, que este venres se mobilizou en diferentes centros do Sergas para esixir medios e tamén para solidarizarse coa súa compañeira enferma, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garante o cumprimento "dos protocolos para evitar o contaxio". Ante "esta situación nova, descoñecida" no Sergas "estamos cumprindo os protocolos dos que temos coñecemento a través da Organización Mundial da Saúde e do Ministerio de Sanidade", afirma. Ademais, subliña, o Meixoeiro está "equipado" como "hospital de referencia" e "temos unha ambulancia medicalizada específica para prever calquera tipo de incidencia", sempre tendo en conta que "o 100% de seguridade nunca é posible en sanidade".

A Xunta di que os traxes empregados ata agora son "para ensaios"

Entre chamadas á "prudencia" o titular da Xunta retruca tamén ás críticas sobre a seguridade dos traxes que chegan dende diversos centros da sanidade públcia do país. "Unha cousa é utilizar un traxe para facer algúns ensaios de todo o persoal e outra, utilizar uns traxes definitivos ante a eventualiade de persoas que teñen un virus". "Estamos ensaiando", sinalou, a preguntas da prensa tras o Consello da Xunta. "Segundo a información que teño, unha cousa é utilizar un traxe para distintos profesionais e outra, os traxes específicos para tratar calquera incidencia". "Con todos os respectos, estamos cumprindo os protocolos da OMS", resaltou, ante as reiteradas preguntas dos xornalistas.

Feijóo, sobre o conselleiro de Madrid: "É un profesional da medicina e ten todo o meu respecto"

Nestes contexto Feijóo apela tamén a "deixar as confrontracións políticas para cando teñamos superado o episodio". Nesta liña, ao ser preguntado polas palabras do conselleiro de Sanidade madrileño, Javier Rodríguez, que chegou a acusar de mentir á sanitaria enferma, o presidente asegura poder "asegurar" que "o conselleiro é un xefe de servizo dun hospital, foi vicedecano da Facultade de Medicina" é "dende o punto de vista dos coñecementos médicos é un excelente profesional". Mentres outros dirixentes do PP esixen o seu cesamento Feijóo reitera que "é un profesional da medicina, un profesional da ensinanza médica e ten todo o meu respecto". "Sobre políticas de comunicación, saben vostedes máis ca min", conclúe.

Solidariedade de persoal do Sergas coa compañeira enferma CC-BY-SA Xunta de Persoal do Hospital da Costa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.