Piden "explicacións" e "responsabilidades" polo asasinato machista do hospital de Ourense

Concentración contra a violencia machista, o pasado domingo en Ourense © Revista Andaina

Entidades feministas concentráreonse este mércores pola mañá ás portas da Consellería de Benestar, en Compostela, onde o Observatorio Galego da Violencia de Xénero mantiña unha xuntanza de traballo. O obxectivo era demandarlle "explicacións" e "responsabilidades" á Xunta de Galicia polo asasinato machista o pasado 8 de maio de María Isabel Fuentes nun hospital de Ourense a mans do seu marido; un asasinato que, segundo estas mulleres, se podería ter evitado. “É preciso identificar os erros nas medidas e protocolos de protección ou cáles non se adoptaron para protexer a María Isabel”, destacaron.

A concentración expresou o "rexeitamento" ás políticas que está a desenvolver o Goberno galego en materia de violencia de xénero, "marcadas polos recortes e na redución de medios para combater esta lacra". Leron, así mesmo, un manifesto no que se esixen medidas concretas para loitar contra a violencia machista e que representantes de organizacións que forman parte do Observatorio lles entregaron aos representantes da Xunta no marco da reunión de traballo.

Pilar Estévez, como voceira da concentración, denunciou a gravidade do sucedido en Ourense, pois as forzas de seguridade do Estado dispuñan dun informe que alertaban do perigo real de que algo así sucedese, un informe que non chegou ao poder da xuíza, indicou. Estévez subliñou que "fallou toda a cadea" e sinalou que "non se lles pode pedir ás mulleres que denuncien cando despois elas se senten soas e desprotexidas".

"Non se lles pode pedir ás mulleres que denuncien cando despois elas se senten soas e desprotexidas"

Os colectivos feministas concentrados pediron tamén a comparecencia "extraordinaria e urxente" no Parlamento do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, para que dea explicacións do que aconteceu en Ourense. E reclamaron que se "depuren responsabilidades" e se fagan as "correccións necesarias" para que estes feitos non acontezan de novo.

 

A CIG decidiu non asistir á xuntanza

Pola súa banda, a CIG ​decidiu non asistir á xuntanza, sinalando que o asasinato machista o pasado día 8 de María Isabel Fuentes "puido evitarse". "Non abonda con condenar os feitos, é preciso que a Xunta se faga responsábel dos recortes e da redución dos medios para combater esta lacra", indicaron, engadindo que "é preciso identificar cales foron os erros nas medidas e protocolos de protección ou cales non se adoptaron para protexer a María Isabel".

"Non abonda con condenar os feitos, é preciso que a Xunta se faga responsábel dos recortes e da redución dos medios para combater esta lacra"

O sindicato subliña que "non abonda coas campañas publicitarias, cos actos institucionais, con minutos de silencio. É preciso poñer un marcha un Plan de actuación integral contra a violencia de xénero que implique a todas as institucións, onde a xudicatura, a fiscalía e as forzas de seguridade poidan poñer en práctica todas as medidas cautelares que consideren apropiadas para evitar erros como este, que poñen en perigo a vida das mulleres".

A CIG afirma que xuntanzas coma a de hoxe "son utilizadas por parte do Goberno galego como unha tapadeira, como unha escusa de que está facendo algo"

A CIG afirma que xuntanzas coma a de hoxe "son utilizadas por parte do Goberno galego como unha tapadeira, como unha escusa de que está facendo algo, cando na realidade o que existe é unha falta de compromiso real coa igualdade de oportunidades" e "unha falta de aprecio ás vítimas". Así mesmo, reclama a incorporación ao Observatorio Galego Contra a Violencia de Xénero e ao Consello Galego das Mulleres "de colectivos e asociacións feministas que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero".

Concentración contra a violencia machista, o pasado domingo en Ourense © Revista Andaina
Xuntanza do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, este mércores © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.