Piden máis de 45 anos de cadea para doce detidos por manifestarse contra Galicia Bilingüe

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

Doce persoas serán xulgadas a vindeira semana por organizar unha contramanifestación durante a marcha que en febreiro de 2009 -a menos dun mes das eleccións autonómicas- Galicia Bilingüe convocou para protestar "contra la imposición del gallego". A Fiscalía pide para os mozos, a maioría deles afiliados a Causa Galiza e a Nós-UP- máis de 45 anos de prisión e máis de 36.000 euros por desorde pública e agresión á autoridade.

A Fiscalía pide máis de 45 anos de prisión e máis de 36.000 euros

"É un conflito político", asegurou este xoves unha das persoas que será xulgada, Aurelio López, nunha rolda de prensa na que lembrou que os acusados fixeron "unha manifestación contra Galicia Bilingüe polo seu odio cara ao galego". "Entendemos que era unha provocación grandísima e quixemos manifestar a nossa desconformidade", logo de denunciar as cargas sufridas pola Policía que, segundo os denunciados, identificou a varias persoas, algunhas delas só "por falar galego".

"As doce persoas podemos entrar en prisión por defender o galego", denuncia un dos mozos que será xulgado

"As doce persoas podemos entrar en prisión por defender o galego", insistiu López, que cre que o proceso intenta "facer pasar por verdugos aos defensores da lingua". "Os cidadáns deste país que defendemos a nosa lingua estamos sentados no banco dos acusados", explicou logo Xoán Pérez Lourenzo, que cargou contra a política lingüística da actual Xunta.

BNG e AGE amosaron o seu apoio ás doce persoas denunciadas

O BNG, a través de Bieito Lobeira, e Alternativa Galega de Esquerda, con Cristina Amor, amosaron o seu apoio ás doce persoas que serán xulgadas coa súa presenza na rolda de prensa.  O xuízo comezará o martes, día 23, ás 9.30, coa declaración dos acusados, mentres que o día 25 está previsto que declaren os policías. Un día despois declararán as testemuñas da defensa e da acusación, entre os que se atoparían membros da Falange e Rosa Díez, líder de UPyD, unha das asistentes a aquela manifestación.

Alfonso Rueda, Ana Pastor e Rosa Díez asistiran a aquela polémica manifestación

Naquela polémica marcha, que marcou a precampaña das últimas eleccións autonómicas, tamén asistiron destacados membros do PP, como o actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, ou a ministra de Fomento, Ana Pastor.

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.