Piden que a ampliación do barrio vigués de Navia respecte unha das últimas carballeiras da cidade

Unha das novas rúas do barrio de Navia © Google

O barrio de Navia é un dos máis novos de Vigo. Nos últimos anos construíronse na zona, na parte máis meridional do concello, un gran número de edificios, un proceso que se viu freado nos últimos anos. Porén, o pasado mes de xaneiro a Xunta de Goberno Local aprobou a modificación do Plan Parcial de Paio de Navia, que permitirá que o Goberno galego poida licitar e iniciar a urbanización da nova fase do polígono. Esta incluirá a construción de 1.595 vivendas e 1.230 prazas de aparcamento, así como a transformación de 24.000 metros cadrados en zonas verdes e edificios dotacionais e unha superficie esquivalente destinada a equipamiento comercial.

Varias alegacións alertan dos efectos negativos que a construción do polígono terá para o medio, nomeadamente no que respecta ás carballeiras existentes na zona e tamén á rede hidrolóxica e humidais

Que hai agora mesmo no espazo que será construído? Pois, esencialmente, campo e leiras, con vexetación e arborado en mosaico e a típica poboación dispersa do rural galego, "un ámbito de urbanización agrícola difusa", como a define o Documento Ambiental Estratéxico do Plan Parcial. Varias alegacións presentadas nas últimas semanas contra a modificación do Plan Parcial alertan dos efectos negativos que a construción do polígono terá para o medio, nomeadamente no que respecta ás carballeiras existentes na zona (algunhas das últimas existentes no espazo urbano do Concello de Vigo) e tamén á rede hidrolóxica e humidais.

"Son ecosistemas dunha gran riqueza en flora e fauna e forman parte do ecosistema do río Lagares, tendo zonas húmidas tamén. Hai carballos centenarios, bidóns, bidueiros, piñeiros e salgueiros. Ademais hai unha gran riqueza ornitolóxica, de réptiles e insectos", sinala unha veciña do barrio. "Segundo este plan, van tallar toda a masa forestal. Xa o fixeron na parte xa construída do Pau de Navia, creando un parque inhóspito e horrible onde antes había unha carballeira chea de vida", engade.

Pola contra, o Documento Ambiental Estratéxico cualifica de "baixo e medio" o valor ambiental da zona e afirma que "os previsibles efectos ambientais xerados pola actuación pública non son significativos, todo o contrario, representa unha oportunidade única de revitalizar unha área urbana da Cidade de Vigo", engadindo que "o desenvolvemento deste ámbito permitirá tamén corrixir a situación de degradación dos terreos nas parcelas abandonadas e sen uso, que perderon no seu momento a función previa de terreos de cultivo".

O Documento non fai case mención á vexetación autóctona reivindicada, e só comenta que "o máis destacado en canto ás formacións vexetais existentes é o seu alto grao de degradación. Xunto algunha zonas de matogueiras e eucalipto, predominan as zonas incultas cubertas por vexetación ruderal e arvense de escaso valor ecolóxico. Destacan algúns conxuntos de masas arbóreas (formadas por carballos, eucaliptos e piñeiros)".

"Nas actuacións previas ás da actualidade non quedou nin unha soa árbore das existentes. Os terreos de Poza Cabalo, Os Limpiños ou Lamelas estaban ocupados dunha importante masa forestal"

O plan especifica que "o desenvolvemento da Modificación do Planeamento vai encamiñado a respectar na medida do posible estes conxuntos arbóreos". Porén, esta veciña denuncia que "a realidade constatable é que tal norma, nas etapas ata agora desenvolvidas foi totalmente incumprida. Nas actuacións previas ás da actualidade non quedou nin unha soa árbore das existentes. Os terreos de Poza Cabalo, Os Limpiños ou Lamelas estaban ocupados dunha importante masa forestal. Non ficou nin un en pé". Neste senso, unha das alegacións esixe "a adecuación das zonas verdes, lecer, edificacións e viarias ás masas forestais aínda existentes. Nomeadamente, a eliminación do viario-continuidade da rúa As Teixugueiras na Etapa IIIB en dirección a rúa Tomada, para salvar na súa integridade a carballeira existente".

 

As zonas húmidas

Salientan que "os edificios xa construídos teñen que bombear auga dos seus sotos para que non se lles inunden"

Outra das alegacións fai fincapé no tratamento que reciben as zonas húmidas existentes na contorna, a rede hidrolóxica, acuíferos e demais. O Plan recolle que "o ámbito non esta atravesado por ningún elemento da rede hidrográfica superficial e na contorna non se aprecian valores naturais que merezan unha especial protección". A alegación lembra que "a rede hidrográfica superficial eran multitude de regatos que chegaban até o Lagares e que foron desaparecendo coa urbanización da zona" e subliña que "esta zona", pertencente ao esteiro do río Lagares, "é húmida, estaba asolagada pola auga gran parte do ano (segue estando)" e salienta que "os edificios xa construídos teñen que bombear auga dos seus sotos para que non se lles inunden".

A alegación destaca "a desaparición da zona de A Gándara, que se perdeu pola urbanización de anteriores fases da execución de Navia”

O propio Plan recolle que "a unha distancia aproximada de 170 metros ao leste do ámbito delimitado localízase o humidal de Gándara, e a outros 930 metros ao surleste o da Xunqueira do Lagares, ambas zonas húmidas catalogadas". A alegación destaca "a desaparición da zona de A Gándara que aparece indicada no Inventario de Humidais de Galicia, que na actualidade se perdeu pola urbanización de anteriores fases da execución de Navia”. E sinala, así mesmo, que segundo o POL (Plan de Ordenación do Litoral) de Galicia "os límites do esteiro do Lagares están dentro da ampliación a desenvolver e non a 930 metros como indica o texto mencionado".

A alegación pide a modificación do plan para asegurar a protección destas zonas húmidas e dos acuíferos existentes e que teña en conta "as implicacións que ten o feito de que a edificación permitida sexa case a tripla da considerada nun inicio, coa sobrecarga que este feito supón para o medio ambiente e especificamente para o solo".

 

Algúns dos espazos verdes que serán transformados nesta nova fase do Plan Parcial de San Paio de Navia © Concello de Vigo
Zonas afectadas polo desenvolvemento do Plan Parcial de Navia © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.