Nos últimos trinta anos producíronse en Galicia máis de 250.000 incendios que arrasaron unha superficie equivalente a case dous terzos do territorio. Sebastián Hernández, secretario de Apropiga, afirma que até o de agora está a ser “un verán normal con respecto aos incendios, con varios focos que lamentar pero o normal para esta época do ano”. A pesar de isto, Hernández afirmou que “o peor pódese producir en agosto, coma no ano 2006, que empezaron os focos máis fortes na primeira quincena de agosto”.
“O peor pódese producir en agosto, coma no ano 2006, que empezaron os focos máis fortes na primeira quincena do mes”
Serafín González, investigador do CSIC experto en recuperación de solos e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, afirma que as condicións climatolóxicas de choiva e humidade en Galicia durante a primavera facilitaron o crecemento natural da natureza. “Agora atopámonos con altas temperaturas e con ventos do nordés que axudan a resecar. Hai moita biomasa que medrou coa humidade e agora está moi seca polo que se dan 2 das 3 condicións de risco precisas para o lume. O terceiro factor é o humano, xa que as fontes de lume en Galicia son case todas desta orixe”. González, ao igual que Sebastián, tamén afirma que pode haber un verán complicado para os montes “de darse as condicións sempre se pode producir outro 2006. O risco de incendio en Galicia xa existe cando se leva unha semana sen choiva, con dúas aumenta e con tres xa se produce a vaga de lumes” e recalca o factor humano: “na maioría dos casos son provocados polo home, xa sexa directa ou indirectamente, as condicións provocan a difícil extinción e a súa propagación”.
“Na maioría dos casos son provocados polo home, xa sexa directa ou indirectamente, as condicións provocan a difícil extinción e a súa propagación”
O investigador afirma que un dos principais problemas é a falta de medidas de prevención: “levamos anos con medidas de extinción pero apenas nada de prevención. Unha das formas de reducir a vaga de lumes que se produce ano tras ano é cunha potente campaña de prevención durante todo o ano, erradicando o problema de raíz” Ademais, incide na restauración de zonas queimadas: “non sempre é necesario pero hai sitios nos que é imprescindible e apenas se inviste en restauración”.
"Unha das formas de reducir a vaga de lumes é con unha potente campaña de prevención durante todo o ano, erradicando o problema de raíz”
Pola súa parte, Adega resalta a importancia dalgunhas das causas estruturais que están detrás dos lumes. “A Lei de Montes de Galiza aprobada en solitario polo PP sen consenso e contra o criterio do Consello Económico e Social, pon as bases para que os incendios sexan máis frecuentes, extensos, intensos e perigosos en Galiza”. Coa modificación da lei de prevención contra os lumes de 2007, “a Feijóo xa só lle queda o populismo das medidas penais e confiar na meteoroloxía e na providencia” afirma a asociación. “O pasotismo da Xunta co noso medio rural provocarán lumes de récord: máis rápidos, altos e fortes”. Fixéronse 43 modificacións na lei “ e sen base técnica que o xustifique, como indica o informe do Consello Económico e Social”. Entre as modificacións atópase a diminución das distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas, de 50 a 30 metros, a redución dos anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados, de 3 a 2 anos, a eliminación de parcelas, a prohibición de establecer masas monoespecíficas de más de 25 hectáreas continuas e a desviación cara os concellos de parte das responsabilidades de control. Isto xunto aos recortes en persoal de extinción e a ausencia de orzamentos para prevención “deixa os montes galegos e á poboación nunha situación de risco da que sen dúbida poden derivar lamentábeis consecuencias” afirma Adega.