Pontevedra lanza unha plataforma de intercambio de libros de texto

Banco de libros de texto CC-BY-SA Anpa San Francisco Xavier (A Coruña)

O Concello de Pontevedra vén de lanzar Trocalibros, unha plataforma de intercambio de libros escolares para familias que teñan os seus nenos e nenas en centros de ensino da localidade. A iniciativa está pensada para todas as familias dispostas a permutar os manuais pero que non entran no Banco de libros escolar. Os requisitos para participar son moi sinxelos: estar matriculado ou matriculada nun centro de Pontevedra; cursar entre 3º de Primaria e 2º de Bacharelato; que os libros estean en bo estado; e, finalmente non pedir contías económicas. O Goberno local salienta que se trata "dunha experiencia novidosa en todo o Estado" e o seu éxito "será maior cantas máis familias participen".

A iniciativa está pensada para todas as familias dispostas a permutar os manuais pero que non entran no Banco de libros escolar

O proxecto xurdiu despois de que as concellarías de Benestar Social, Educación e Novas Tecnoloxías detectaran a existencia dun grupo importante de poboación que quedaba fóra do sistema de préstamo de libros da Xunta de Galicia (e do banco de libros escolares, polo tanto) pero que estaban en disposición de intercambiar os libros dos seus fillos e fillas, ampliando, polo tanto, a vida útil dos manuais. O Concello de Pontevedra creou hai uns anos un banco de libros de intercambio, obtendo bos resultados. Porén, o proxecto tivo que ser desmontado unha vez que a Xunta de Galicia implantou o sistema de préstemo de libros e de bancos de libros nos centros de ensino, cos manuais subvencionados ás familias que si cumprían os requisitos.

Aquel banco deixou fóra un grupo amplo de poboación que está en disposición de seguir intercambiado os libros dos escolares, polo que o Concello realizou ao longo deste curso unha plataforma dixital na que os pais e nais interesados poderán intercambiar os manuais de balde. Ademais do aforro económico, o intercambio de libros ten, ademais, outras vantaxes, como reducir a cantidade de refugallo, crear unha conciencia social (e escolar) fronte ao consumismo, e construír unha sociedade máis sustentable e solidaria.

O funcionamento da plataforma é moi sinxelo: As familias deben facerse usuarias da plataforma e introducir no sistema os libros que ofrecen e os libros que solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia, o sistema facilita os datos de contacto para proceder á cesión. O Concello de Pontevedra pídelles a todas as familias que o necesiten que fagan uso da plataforma, subliñando que "cantas máis familias e cantos máis libros se ofrezan, máis oportunidades terán todas elas".

Os requisitos: estar matriculado ou matriculada nun centro de Pontevedra; cursar entre 3º de Primaria e 2º de Bacharelato; que os libros estean en bo estado; e, non pedir contías económicas

Os requisitos

  • Os e as escolares deben estar cursando estudos en centros educativos da cidade.
  • O intercambio abrangue os cursos dende 3º de primaria e ata 2º de bacharelato.
  • Os libros deben estar en bo estado.
  • Non se pode pedir ningunha cantidade económica polos manuais. O intercambio é de balde.

 

Web de Trocalibros © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.