A pasada semana o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, asinaba con directivos do grupo portugués CUF, propietario da planta química de Elnosa, a continuidade da factoría en Lourizán, no interior da ría de Pontevedra, até 2017, fronte á data de abandono prevista e prometida dende hai anos, xaneiro de 2014. Inmediatamente, os grupos da oposición e, nomeadamente, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) denunciaron o cambio de plans e Antón Masa (APDR) afirmou que o acordo "marca a política ambiental na ría son directamente Ence e Elnosa, a cuxos intereses está vendido o Goberno galego".
A Plataforma 2018, formada por 32 organizacións, convoca unha manifestación para o vindeiro sábado 23 de novembro para denunciar os intentos de consolidación do complexo de Ence-Elnosa na súa actual localización máis aló de 2018
As reaccións convertéronse xa en mobilizacións. A Plataforma 2018, formada por 32 organizacións, convoca unha manifestación para o vindeiro sábado 23 de novembro para denunciar os intentos de consolidación do complexo de Ence-Elnosa na súa actual localización máis aló de 2018. A plataforma sinala nun comunicado que a permanencia de ELNOSA na ría mais alá do 7 de xaneiro do 2014 (data fixada pola Xunta do PP na AAI para o cese definitivo e irrevogábel da actividade industrial) "non só vai supoñer o medre da contaminación por metais pesados das augas da ría e dos recursos marisqueiros, senón tamén a comisión dun posíbel delito de prevaricación por parte dos responsábeis da Consellería de Medio Ambiente da Xunta".
Engaden, ademais, que "todo fai pensar que esta prórroga gratuíta de tres anos á fábrica de cloro non é máis que o primeiro paso para decretar a súa consolidación definitiva en Lourizán". A pasada semana o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera (BNG) xa puxo en dúbida que 2017 sexa a data na que Elnosa abandone a ría: "É tan só unha fórmula para seguir gañando tempo e traspasar este asunto á próxima lexislatura", unha “patada a seguir” para que o tema non prexudique os populares nas vindeiras eleccións".
"Todo fai pensar que esta prórroga gratuíta de tres anos á fábrica de cloro non é máis que o primeiro paso para decretar a súa consolidación definitiva en Lourizán"
A reforma da Lei de Costas aprobada hai uns meses polo Partido Popular abre unha porta á posibilidade de que Ence poida obter unha prórroga de 75 anos. Esa é a vía na que a empresa está concentrando os seus esforzos, tentando conseguir que o Goberno central declare a súa actividade de interese xeral e prorrogue a súa concesión, unha concesión sobre a que a Xunta non tería poder de decisión. Esta manobra "impediría definitivamente a recuperación do dominio público e o saneamento e recuperación da nosa Ría para a explotación da pesca de baixura e o marisqueo", denuncia a Plataforma 2018.