Por que outro Primeiro de Maio por separado?

Manifestación do 19 de xullo na Coruña © Daniel Candal

Será un novo Primeiro de Maio con diferentes e variadas marchas. Os principais sindicatos de clase galegos volverán manifestarse por separado o vindeiro mércores, malia o éxito de convocatoria que a unidade de acción provocou na última folga xeral ou en diversas mobilizacións celebradas en Galicia nos últimos meses. O pasado 14 de novembro, as marchas conxuntas de CCOO, UGT e CIG volveron situar o país na vangarda do descontento social no conxunto do Estado, con medio millón de persoas nas rúas e un éxito que todos coincidiron en cualificar de "histórico".

A unidade de acción sindical resultou un éxito na última folga xeral ou en mobilizacións anteriores

Un mes antes, conformárase en Galicia a Alianza Social Galega, que uniu nunha mesma plataforma a unhas 60 organizacións sociais, civís e sindicais opostas ás políticas de austeridade e aos recortes económicos e de dereitos impostos polo Partido Popular. Tamén se incluíron neste colectivo as tres principais centrais galegas, que coincidiron en destacar que é "moito máis" o que as une que "o que as separa". As exitosas manifestacións unitarias do verán contra as duras medidas de axuste convenceran a CCOO, UGT e CIG da necesidade e idoneidade dunha unidade de acción que non se repetirá este 1º de Maio.

Porque seica o Primeiro de Maio é diferente. Tampouco houbo esa unidade de acción o pasado marzo na conmemoración do Día da Clase Obreira Galega. Aínda que desta vez se intentou. "Falamos con compañeiros da CIG poñendo en valor a importancia da unidade de acción e de que é moito máis o que nos une que nos separa, pero rexeitaron o ofrecemento", asegura Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO de Galicia, que cre que "se algunha vez estaba xustificada a unidade era agora, con case 300.000 parados en Galicia e máis medidas de axuste e recorte".

"Se algunha vez estaba xustificada a unidade era nestes momentos", di CCOO

"Na CIG consideramos que é importante que cadaquén se presente abertamente coa súa mensaxe, pero esta non é a razón principal neste Primeiro de Maio, senón o feito de que ante conflitos laborais en moitas empresas nos esteamos atopando con posicionamentos moi diferentes entre a nosa central e CCOO e UGT", asegura Suso Seixo, secretario xeral do sindicato nacionalista, que entende que a unidade sindical "é necesaria" pero que "non pode reducirse a unha convocatoria determinada ou ao acordo entre as direccións".

"Se dous queren e un non quere, é difícil convencer a quen non quere", asegura José Domingo Barros, secretario de Formación e Emprego de UGT-Galicia, que lembra que "a liña de acción" da CIG na última década no Primeiro de Maio é "a de diferenciarse e convocar por separado as manifestacións". "Eles cren que é a decisión máis axeitada e teñen as súas razóns, pero nós cremos que non é o idóneo", insiste, tras lembrar que houbo "intentos" por lograr manifestacións conxuntas, pero que "non foi posible" lograr un acordo.

Así, e malia os achegamentos entre as organizacións, tampouco este ano haberá manifestación unitaria. UGT e CCOO programaron o seu acto central na Coruña, a partir das 12 do mediodía na praza da Palloza, mentres que a CIG celebrará a súa mobilización principal en Vigo, a partir das 11.30 no cruce da Doblada con Urzáiz.

UGT e CCOO percorrerán as rúas de nove localidades (as sete cidades máis Viveiro e Arousa) baixo o lema Non teñen límites. Loita polos teus dereitos, mentres que a CIG manifestarase tamén nas sete urbes -ademais de Ribeira, A Estrada, Vilagarcía e A Mariña- co lema Partido Popular-Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza.

"Cando chegue o momento de estar unidos, estaremos unidos", asegura UGT

"Desde CCOO vimos traballando na unidade de acción e a Alianza Social é a mostra de que ese é o camiño, un camiño ao que non renunciamos", di Sánchez Aguión, que asegura que aínda que a convocatoria conxunta "non foi posible" para este mércores, o seu sindicato "seguirá traballando para que a resposta sexa unitaria". "Máis alá das diferenzas e dos pequenos matices, que son moi cativos, as forzas sociais e sindicais deben unirse para acabar con estas políticas do PP e esa é unha coincidencia unánime", insiste o líder de Comisións en Galicia.

"Non só cremos que a unidade é o máis efectivo, senón que é o que reclama a maioría de traballadores e a maioría social do país", insiste Sánchez Aguión, lembrando o éxito das últimas convocatorias conxuntas e da última folga xeral. Malia todo, tanto CCOO e UGT entenden que a decisión da CIG cínguese unicamente a este Primeiro de Maio e confían en que a unidade de acción seguirá adiante. "Cando chegue o momento de estar unidos, estaremos unidos", asegura José Domingo Barros, que cre tamén que a unión é o desexado pola cidadanía.

"A unidade sindical ten qeu darse desde abaixo, tamén nos centros de traballo", reivindica a CIG

Desde a CIG, Suso Seixo insiste en que a unidade de acción "é moi valorada" na súa central, tal e como demostrou en anteriores ocasións, pero lembra que esta unidade "ten que darse desde abaixo, tamén nos centros de traballo". "CCOO e UGT incluso seguen a falar dese gran pacto co Goberno e contra a crise... Que pretenden acordar co PP e co Executivo que goberna contra a clase traballadora?", pregúntase. "Hai quen segue crendo nos paxariños preñados e nós non cremos niso", remata.

Por outra banda, a CUT, a CNT, a Asemblea Aberta e as Asembleas Abertas de Estudantes convocan a súa manifestación do Primeiro de Maio en Compostela baixo o lema Na defensa das nosas vidas, seguimos na loita!. A marcha sairá da praza 8 de marzo ás 12.30 horas, pero haberá outras moitas marchas lideradas pola central nacionalista CUT noutras cidades galegas.

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo © CC.OO.
Manifestación da CIG en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.