Por un clamor "maior e plural" contra as touradas na Coruña

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Unha manifestación "transversal e plural" contra as touradas e a subvención por parte do Concello deste "espectáculo de tortura animal" na Coruña. O voceiro da plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST), Rubén Pérez, presentou este martes a marcha que percorrerá a cidade contra as corridas de touros o vindeiro domingo 4 de agosto. Sairá ás 12 do Obelisco e marchará ata a praza de María Pita, onde se lerán diversos manifestos antitaurinos.

A marcha está apoiada por máis de corenta colectivos veciñais, ecoloxistas e políticos da cidade

GMST, a Fundación Franz Weber e o colectivo animalista Libera son os convocantes dunha manifestación que está apoiada por máis de corenta colectivos veciñais, ecoloxistas ou políticos na que pretende ser a marcha máis multitudinaria celebrada na cidade contra as touradas, logo das que se levaron a cabo os dous últimos anos e que lograron xuntar sobre un milleiro de persoas. "Sabemos que non son as mellores datas nin os mellores tempos, pero confiamos en superar esa afluencia", asegura Rubén Pérez, consciente de que "o rexeitamento a este espectáculo é cada vez maior na Coruña". A crise e o feito de que o Concello gaste 90.000 euros na organización duns festexos de tres días que non logran nunca encher o Coliseo explican o incremento das voces contrarias a unhas touradas nas que o goberno local deixou máis de medio millón de euros nos últimos anos.

"Cos 90.000 euros que o Concello dedica ás touradas pódese manter unha gardería pública durante 18 meses"

"Con eses 90.000 euros que se dedican a estes tres días de touradas poderíase manter unha gardería pública durante 18 meses ou dedicar eses cartos a uns servizos sociais cada vez máis recortados", insiste o voceiro de GMST, que destaca que todos os grupos da oposición amosaron o seu apoio á manifestación, na que haberá concelleiros, pero tamén deputados do Parlamento galego, do que destacou o bo facer da Fronte Antitaurina que xunta parlamentarios de AGE, BNG e PSdeG.

Por todo isto, Rubén Pérez agarda "un maior clamor popular contra a tortura animal" nunha cidade onde na última edición dos festexos tan só se venderon uns 500 abonos e onde a metade do público asistente accede ao Coliseo de maneira gratuíta grazas aos convites. Ademais, GMST lembra que o Concello nada opuxo a que a empresa organizadora das corridas presentase fóra de prazo o cartel deste ano e destaca tamén o feito de que un dos participantes nos festexos sexa o toureiro portugués João Moura, protagonista dun escándalo no seu país por publicar fotos de varios cans na súa finca atacando a un touro e que levou a que fose denunciado polas autoridades lusas.

Así, e malia o veto que sufriron os carteis da manifestación, os convocantes agardan unha resposta importante da cidadanía coruñesa que, segundo as últimas enquisas realizadas sobre o tema, rexeita masivamente a subvención das touradas por parte do goberno local. Máis do 73% dos habitantes están en contra,  unha porcentaxe que se achega ao 90% se nos referimos á franxa de idade entre os 18 e os 30 anos. "Este espectáculo non pode sobrevivir sen subvencións e menos cando cada ano comprobamos como a metade do público accede porque vai convidado e de balde", remata Rubén Pérez.

Cartel contra as touradas que forma parte da campaña © GMST
Presentación da manifestación antitaurina na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.