Por unha transición xusta a unha economía sen carbón

Dominio Público Ecoloxistas en Acción

Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade de Praza, salienta o comunicado publicado por Ecoloxistas en Acción, que reclama "garantir o emprego nas concas mineiras", pero avanzando "cara a un futuro sen carbón", que é "o maior inimigo do clima".

O peche das nucleares e das centrais de carbón son as prioridades máis urxentes na construción dun sistema eléctrico sustentábel. Polo exceso de potencia instalada, o Estado español está hoxe en condicións de prescindir tanto do carbón como da enerxía nuclear, mais falla vontade política e sobran presións dos lobbies nuclear e do carbón. Ecoloxistas en Acción salienta “as graves consecuencias ambientais que ten a xeración eléctrica a partir do carbón” e demada nun comunicado Unha transición xusta a unha economía sen carbón. “Cómpre garantir o emprego nas concas mineiras, mais a proposta non pode ser a de seguir extraendo o mineral para o seu uso como combustíbel, senón para o avanzo cara a un futuro sen carbón”.

As centrais de carbón duplicaron a súa produción a respecto de 2010, o que fixo que aumentasen un 25% as emisións de gases causantes do cambio climático do sector eléctrico

Segundo os datos provisionais de Rede Eléctrica de España (REE), en 2011 baixou a demanda de electricidade, até situarse nun nivel similar ao de 2006. Porén, as centrais de carbón duplicaron a súa produción a respecto de 2010, o que fixo que aumentasen un 25% as emisións de gases causantes do cambio climático do sector eléctrico. En Galicia tamén aumentou a produción de electricidade a partir de carbón, nas térmicas das Pontes e Meirama, o que seguramente -aínda non hai datos oficiais- provocou que se invertese a tendencia dos últimos anos á redución das emisións do sector eléctrico galego e, por extensión, do país. Desde 2008, após o esgotamento das minas das Pontes e Meirama, as centrais galegas só queiman carbón de importación. Ao longo de 2011 ENDESA descargou no porto exterior de Ferrol 27 barcos con 3,7 millóns de toneladas de carbón procedente de Indonesia e destinado á central das Pontes.

 

O carbón é o maior inimigo do clima

A xuízo de Ecoloxistas en Acción,  “é urxente deixarmos de utilizar carbón, a fonte que máis emisións de gases de efecto invernadoiro xera, para produción de electricidade, comezando polo carbón de importación, extraído moitas veces sen as mínimas garantías laborais, sociais nin ambientais, e seguindo polo procedente da minería a ceo aberto dentro e fóra das nosas fronteiras, a forma de minería que máis impactos ambientais ten e menos empregos xera”.

...

 

Segue lendo en Un claro no bosque

Dominio Público Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.