Preparando as Letras Galegas do 2050

Cartaz da iniciativa CC-BY-SA Semente

No ano 2050 as nenas e nenos que agora van á escola estarán a piques de facer 40 anos e as súas mestras e mestres, na contorna do que hoxe é a idade de xubilación. Naquela altura o alumnado da Semente, a escola de ensino galego de Compostela promovida pola Gentalha do Pichel, terá unha cita o 17 de maio. Ese día volverán "ao lugar em que tantas cousas aprendêrom no seu primeiro lustro de vida" para desenterrar a "cápsula da língua no tempo" que van soterrar este sábado, Día das Letras Galegas.

Coa compaña de representantes do mundo literario como Teresa Moure, Séchu Sende, Rosa Aneiros, Carlos Quiroga ou Carlos Callón na cápsula recolleranse "reflexons e desejos que diferentes persoas faram sobre a situaçom da língua no 2050" e, a mediados de século, irase recuperar. "Para entom -din dende a Semente- talvez nom exista o lugar em que nasceu a primeira Escola de Ensino Galego" aínda que "temos a certeza de que a Semente continuará viva noutras localizaçons e com mais centros de aprendizagem". "Até é possível que a memória do primeiro espaço físico da Semente esteja já a esmorecer", mais "ali terá ficado algo que será necessário resgatar".

Teresa Moure, Séchu Sende, Rosa Aneiros ou Carlos Callón colaboran na iniciativa

Esa "arca com as nossas prediçons e desejos para a língua para a metade do século XXI" está preparada para ser introducida na terra ás dez e media da mañá deste Días das Letras e tanto a Semente como a Gentalha do Pichel convidan a participar ás persoas interesadas e aos medios de comunicación, a asistir. Ambos colectivos enmarcan a iniciativa na súa aposta polo "trabalho cultural, lúdicio e reivindicativo em defesa da língua e da cultura galega".

No caso da Semente a cápsula do tempo responde ao modelo de "ensino laico, em galego e com umha pedagogia transformadora" que levan desenvolvendo dende a súa apertura. Nesta escola "a compreenson e empatia com as crianças é fundamental, assim como a interacçom com a natureza e o entorno mais inmediato". Está situada no barrio compostelán de Vista Alegre, onde se soterrará a cápsula do tempo, e dende alí "defende os valores da coeducaçom, interculturalidade e educaçom interactiva que respeite os diferentes ritmos de aprendizagem", explican.

Cartaz da iniciativa CC-BY-SA Semente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.