Presente e futuros do territorio, a análise no Instituto de Estudos Miñoráns coa colaboración de Praza Pública

José González, portavoz do PP en materia de montes, e os portavoces parlamentarios de En Marea, PSdeG e BNG, Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón Dominio Público Parlamento de Galicia

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) vén de facer pública a programación dos seus Faladoiros 2018 que durante os próximos venres, sempre ás 20.30 horas, acollerá a súa sede en Gondomar, pola que pasarán portavoces de PP, En Marea, PSdeG e BNG para achegar as súas visións sobre o presente e os futuros posibles do territorio. Os faladoiros serán conducidos por David Reinero, xornalista de Praza Pública.

Portavoces de PP, En Marea, PSdeG e BNG exporán en Gondomar ao longo dos próximos venres as súas visións sobre as leis de montes e de fomento da implantación de iniciativas empresariais

Se nos faladoiros do ano pasado os catro grupos con presenza no Parlamento de Galicia ofreceron unha visión xeral sobre o “presente e futuros posibles” da política galega para esta lexislatura, este ano o IEM, cunha longa traxectoria de iniciativas de protección e recuperación dos montes e do patrimonio que neles hai, centrarase en cuestións relacionadas co territorio, en particular nas novidades que introducen as leis de montes e de fomento da implantación das iniciativas empresariais.

O primeiro faladoiro será o venres día 16 de febreiro e correrá a cargo da portavoz do BNG, Ana Pontón. O segundo celebrarase o venres día 2 de marzo e nel intervirá o portavoz de En Marea, Luís Villares. O terceiro faladoiro terá como protagonista ao portavoz parlamentario en materia de Agricultura, Gandaría e Montes do PP, José González Vázquez, e será o venres día 9 de marzo. O cuarto e último faladoiro será o do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e celebrarase o venres día 16 de marzo. Todos os faladoiros serán ás 20.30 horas na sede do IEM na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira, 10, Gondomar.

Ao longo da semana seguinte a cada faladoiro, Praza Pública recollerá un resumo do máis significativo de cada intervención.

Cartel dos Faladoiros do IEM 2018, Galicia, presente e futuros Dominio Público IEM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.