"Preto de nós hai moitas mulleres que queren facer oír as súas voces. E non poden"

Ilustración de Elena Agrelo para o primeiro número de Revirada © Elena Agrelo

A Revista Feminista Revirada publica estes días na rede o seu número 1, continuación do número piloto que xa puidemos ler hai uns meses. Acompáñano dun editorial, titulado Feminismos Take-Away, no que se preguntan "Que estamos realmente a fazer para a coletividade com todas estas transformações individuais? Estamos a contribuir para a revoluçom ou para a transiçom a um novo estado neoliberal?". E tamén dunha enquisa realizada entre as súas lectoras e lectores, na que pedían unha valoración da situación actual do movemento feminista.

A revista inclúe unha ampla sección de arte e cultura e literatura, contidos de lecer e entretemento, un apartado dedicado aos feminismos doutros países e espazos dedicados a sexualidade ou política e sociedade. Ademais, mantén a súa aposta polo vídeo, cos consultorios de Fernanda e Doña Virtudes ou as achegas das Queeravengers. Falamos a través do e-mail coa súa equipa de editoras: Giada Maria Barcellona, Mariola Mourelo e Pablo Andrade

Por que é necesaria unha revista como Revirada, aquí e agora?

Pablo: Unha revista feminista é necesaria porque o feminismo segue a ser necesario. Aquí e agora os procesos de institucionalización e cooptación que está a vivir o feminismo ocultan parte das realidades mais ás marxes, ou mais incómodas á hora de ser asimiladas pola cultura dominante, visibilizar a forza e a diversidade do feminismo na política, na cultura, no sexo, nas rúas, na vida é uns dos retos mais importantes para a equipa da Revirada Feminista.

"Unha revista feminista é necesaria porque o feminismo segue a ser necesario. Os procesos de institucionalización e cooptación que está a vivir o feminismo ocultan parte das realidades mais ás marxes ou mais incómodas á hora de ser asimiladas pola cultura dominante"

Giada: Revirada nasce da tomada de consciência, nom só da necessidade de difundir feminismo, de ¨feministizar¨ cada vez mais âmbitos da sociedade, mas também da segurança de que perto (e nom tam perto) de nós há muitas mulheres que querem dizer e agir, fazer ouvir as suas vozes, manifestar mal-estar, desconformidade ou alegria fora do que se considera ¨aceito¨ ou ¨comum¨ para todas. E nom podem, porque nom encontram ferramentas de comunicaçom idóneas para poderem se expressar. Revirada é necessária para difundir todas estas vozes feministas diversas e é necessária como referente, para tecer redes, para juntar forças, para sabermos que nom estamos sozinhas, que as inquietudes, a vontade de rebeldia e mudança que temos som de todas.

Que estrutura tedes, como vos organizades?

Mariola: A nosa estrutura ten tres áreas de traballo fundamentais: comunicación e divulgación comercial, xestión administrativa e emocional e Creatividade e Contidos. Cada unha de nós ten como unha área que representa mais, aínda que todas facemos tarefas en todas. É bon para ter estes tres aspectos en conta durante todo o proceso. As colaboradoras son parte imprescindíbel de Revirada. Elas son as que enchen de contido a carcasa que nós construímos. E as lectoras son as vitaminas enerxizantes que nos dan vida. Entre todas formamos unha comunidade feminista. Unhas sen as outras non facemos sentido. Unhas coas outras somos imparábeis.

Este último ano, desde o número piloto estivemos a falar moito e procurar asesoramento e formación para encontrar un modelo de organización que se adaptara ás necesidades do proxecto e das nosas vidas. Simplificar sería a chave que concluímos nos funciona mellor. Realmente aprender a xestionar a nosa páxina web fixo unha grande diferencia. Deunos moita autonomía e rapidez. Foi un cambio enorme. Estamos en proceso, aprendendo así que imos facendo. Adaptando a estrutura a como o proxecto se desenvolve. Ser conscientes das nosas fortalezas mais tamén das nosas limitacións. Non é doado pero aí estamos.

Cal vai ser a periodicidade de publicación?

Pablo: Na rede temos o número 1 e o número piloto, entre eles transcorreu un ano e dous páxinas web diferentes, e polo medio, como di Mariola, tivemos diferentes procesos para formarnos na edición da web, para compaxinar as nosas vidas con este proxecto, a intención é facer dous números ao ano e poder facer unha versión en papel, principalmente para achegar a Revirada feminista á xente que non utiliza, as redes sociais, ou non ten conta de correo, ou simplemente non ten acceso a internet.

"Fernanda e Doña Virtudes falan do feminismo dende o humor. É importante utilizar unha linguaxe moi próxima. Chegar a xente dende o feminismo é fundamental"

Incluídes unha sección de vídeo, cos consultorios de Doña Virtudes e Fernanda. Van continuar? Tedes algunha outra sección nova que pensades incorporar nun futuro?

Pablo: A linguaxe audiovisual está a ter unha importancia moi grande á hora de viralizar contidos polas redes sociais, internet,etc. Fernanda e Doña Virtudes ademais falan do feminismo dende o humor. É importante utilizar unha linguaxe moi próxima. Chegar a xente dende o feminismo é fundamental, e para nós é un dos obxectivos primordiais da Revirada, así que mentres elas queiran e sigamos coa revista Doña Virtudes e Fernanda teñen, desexamos, moitos vídeos por facer...

"Pensar e construír discurso é fundamental, mais tamén divertirse e compartir informacións que melloren a vida cotiá. Talvez sobre viaxes, cociña, mecánica, xogos, etc"

Mariola: En canto as seccións novas, temos pendente o deporte. Xa temos un contacto e esperamos publicar algún artigo no próximo número. Tamén no apartado de Fai-no-ti-mesma. Gustaríanos que as lectoras de Revirada, como nós mesmas puideramos encontrar na revista indicacións prácticas para aplicar no noso día a día. Pensar e construír discurso é fundamental, mais tamén divertirse e compartir informacións que melloren a vida cotiá. Talvez sobre viaxes, cociña, mecánica, xogos, etc. Eu teño na cabeza unha sección tipo Feministas style of life, como viven as feministas, como son as súas casas, o seu día a día… pode ser moi interesante. En realidade os contidos de Revirada dependen moito das propostas que cheguen. Así que se non vedes algunha área representada do voso interese collede papel e lapis ou cámara e enviade propostas á revista. Revirada somos todas.

Notades que unha vez que o feminismo acadou conquistas (legais) moi importantes en España entrou nunha fase 'acomodaticia', cunha certa sensación de ter acadado os obxectivos, pero aínda con evidentes barreiras (e agresións) machistas que derrubar?

Giada: Como tem que ser a luita feminista? Através da conquista do poder político e com avances reformistas? Desde as margens, longe das batalhas políticas, com ativismo de rua? Pode já deixar as armas e tornar−se umha ferramenta de desenvolvimento pessoal, privado, íntimo para melhorar as nossas vidas? Ou há outras vias? Todas estas perguntas estám a cima da mesa desde há tempo, e neste numero 1 da Revirada queríamos falar disso, mas sobretudo escutar as opinions das leitoras. Por isso preparámos umha sondagem online com perguntas concretas sobre o que achavam está a acontecer no feminismo atual. Achamos importante escutar, porque a gente somos nós, e as contradiçons, dúvidas e desejos para com o feminismo som um espelho da realidade e também do caminho que temos que percorrer para continuar com o ativismo feminista.

"Achamos importante escutar, porque a gente somos nós, e as contradiçons, dúvidas e desejos para com o feminismo som um espelho da realidade e também do caminho que temos que percorrer para continuar com o ativismo feminista"

A loita contra o intento do PP de recortar o dereito ao aborto, ou a mobilización contra as violencias machistas conseguiron nos últimos anos reagrupar e impulsar a loita feminista?

Mariola: Penso que si. Un tema tan global como o dereito ao aborto seguro, legal e gratuíto funciona como obxectivo claro e común para moita xente e moi diversa. Na Coruña, por exemplo, no verán do 2013 fíxose unha convocatoria a través das listas de emails e xuntámonos mulleres de colectivos con mulleres da casa okupa e mulleres que nunca antes tiñan participado co movemento de rúa. Foi un momento moi interesante porque a xente mais nova e mais alternativa trouxo novas formas de facer. Xuntabámonos nas prazas, no paseo marítimo, nos mercados, facíamos roteiros reivindicativos, e moita acción lúdico-festiva por toda a cidade. Tamén se creou a Plataforma polo Dereito ao Aborto talvez mais convencional e con mulleres das institucións mas crucial para colocar esta loita en todos os ámbitos da sociedade. Todas estas accións e grupos foron fundamentais para visibilizar a nosa loita común e facer fronte, neste caso ao PP. Aí ves que é un tema global pola diversidade que se vía representada nesta loita.

"Un tema tan global como o dereito ao aborto seguro, legal e gratuíto funciona como obxectivo claro e común para moita xente e moi diversa"

Ora ben, tamén é certo que no momento en que esta “ameaza” desaparece a actividade feminista tamén aminora. Os grupos vanse facendo mais pequenos. É complicado manter a unidade e a actividade continua se non hai obxectivos comúns claros. Tampouco temos porque estar todas xuntas. O importante é que encontremos algo no que nos enfocarnos e xente que teña similares inquedanzas ás nosas. Para min Revirada é un pouco iso, querer facer un espazo de encontro da diversidade de formas e sentires dos feminismos da Galiza, Portugal e alén, encontrar ás persoas que lles interesa e lle queren dar parte do seu tempo e enerxías vitais ao proxecto, e para adiante.

"É complicado manter a unidade e a actividade continua se non hai obxectivos comúns claros"

Que retos e loitas debe afrontar o feminismo galego (e internacional) neste momento?

Giada: Acho que um dos elementos mais evidentes da revista é a consciência de que nom existem parêntesis que primam um feminismo -neste caso o galego- diante doutro, internacional, nom existem feminismos ¨prioritários¨, uns mais importantes ou urgentes que outros. Por isso, queremos que a revista seja abrangente, desde o local para o internacional, porque na realidade os desafios do feminismo estám ligados com os direitos humanos, com a qualidade da vida, com a sustentabilidade das nossas sociedades, com a ecologia, com a microeconomia, micro no sentido de pessoal e incluinte. Porque quando as feministas falamos de microeconomia, falamos da vida e da qualidade dela.

"Quanto mais lemos e nos interessamos das luitas feministas em paises que parecem terem pouco a ver com a Galiza, reparamos mais na similitude das opressons"

Quanto mais lemos e nos interessamos das luitas feministas em paises que parecem terem pouco a ver com a Galiza, reparamos mais na similitude das opressons, de quanto outras lutas podem servir às nossas causas e vice-versa. De feito, a globalizaçom neoliberal − que tanto insiste em ter convertido o mundo em pequeno, graças as redes sociais, à tecnologia que recorta as distancias das viagens, etc. − em realidade fai todo o possível para nos tornar mais ilhadas, fechadas na nossa ostra, com medo a todo o que nom podemos controlar. Os desafios dos feminismos som os desafios mais ambiciosos porque estám vinculados à justiça social e, como citava Pablo, à interseccionalidade, é dizer as consequências da interaçom entre diversas formas de opressom e discriminaçom: racial, sexual e de classe.

Como se relaciona e debe relacionarse a loita feminista noutras loitas e procesos sociais (de todo tipo) que se están a dar nas nosas sociedades?

Pablo: Non somos quen de dicir como debe relacionarse a loita feminista con outros movementos e procesos sociais, pero evidentemente o feminismo debería ser intrínseco en calquera proceso de cambio social, non esquezamos que as mulleres conforman mais do 50% da poboación, pero ademais dos números están os exemplos de unión con outros movementos de liberación que nos deixa a historia feminista, que ten estado coa poboación negra estadounidense loitando xuntxs pola abolición da escravitude, ou outro exemplo mais próximo e achegado no tempo son as primeiras manifestacións lgtb na Galiza, que foron organizadas principalmente por colectivos feministas, tamén na actualidade a irrupción do transfeminismo retoma a loita de mulleres feministas queers como Gloria Andalzúa ou Audre Lorde, feministas que non se corresponden có feminismo europeo branco, colonial, de clase media, heterosexual. Elas entenden a interseccionalidade das loitas e sinalan ao patriarcado como o principal inimigo a derrubar pero tamén visibilizan nos seus corpos, orixes e desexos moitas outras opresións que non son contempladas dende o feminismo occidental ou cando menos non forman parte prioritaria das súas axendas políticas.

"A trasversalidade da nossa revista é mostrar a realidade nas suas formas mais diversas, deixar que apareça tal como é, quitando o véu de invisibilidade típico do processo normalizador dominante"

Observo unha gran transversalidade nos contidos da revista. É importante que o feminismo estea presente en todos os ámbitos para combater a masculinización dos discursos?

Giada: Normalmente quando escutamos falar da transversalidade, estamos a pensar em políticas públicas, nom é? De facto, a definiçom inclui a (re)organizaçom, a melhora, o desenvolvimento e a avaliaçom dos processos políticos para incluir a perspectiva de igualdade de género em todos os níveis das políticas. Entom, falar de transversalidade supom também a consciência de que existe um pensamento e açom androcêntrica dominante. O masculino nom só é omnipresente, mas é ainda o referente de ¨normalidade¨ social. A verdade é que a trasversalidade da nossa revista é mostrar a realidade nas suas formas mais diversas, deixar que apareça tal como é, quitando o véu de invisibilidade típico do processo ¨normalizador¨ dominante. A uniformidade androcéntrica é umha ficçom esmagadora e está nas nossas maos libertar vozes. Nom se trata dumha estategia esporádica e pontual, mas dumha mudança estrutural e social.

"A óptica masculina leva reinando durante toda a historia da humanidade e vai sendo hora de cambiar as lentes e darlle a radical importancia que supón o feminismo na cultura como motor de cambio social"

Tedes unha sección de arte e cultura bastante ampla. Percibides unha eiva importante no tratamento que os medios (xeneralistas ou especializados) lle dan ás autoras? Hai un nesgo (unha óptica masculina) no xeito en que se tratan as temáticas culturais?

Pablo: A óptica masculina é omnipresente no xeito en que se tratan as temáticas culturais e todo tipo de temáticas, a presenza das mulleres nos medios é anédotica, a dirección dos medios de comunicación mais importantes do estado e do país son “todos pirolos”, a maior parte de tertulianos políticos ou culturais son homes, e ademais especificamente na arte axuda moito tamén a falta de mulleres nos circuítos culturais, como artistas, comisarias ou directoras de museos, a súa presenza as veces é anecdótica, e aínda que xa o denunciaran as Guerrilla Girls nos anos 80, pouco ten modificado o establishment da arte a súa actitude en canto a presenza, ou mesmo a cotización das mulleres na arte ou nas diversas industrias culturais. A óptica masculina leva reinando durante toda a historia da humanidade e vai sendo hora de cambiar as lentes e darlle a radical importancia que supón o feminismo na cultura como motor de cambio social.

"Os homens podem desempenhar um papel no desmantelamento do sistema de privilégios masculinos, podem ser aliados inestimáveis para o movimento feminista, desde que se ¨desafiem¨ a si mesmos e aos outros a reconhecer as desigualdades de género"

Que papel deben adoptar os homes na loita feminista?

Giada: Para responder a essa pergunta, acho necessário aclarar alguns conceitos-base. Em primeiro lugar, o patriarcado atinge todes, ainda que oprima as mulheres e as pessoas não-binárias de forma profundamente diferentes e de maneira mais forte que os homens cis. Sabemos que o feminismo é um movimento para combater a opressom dum sistema, que tem um poder ¨institucional¨, que esmaga desproporcionalmente os grupos sociais mais desfavorecidos na nossa sociedade, com o foco principal nas mulheres. Portanto, trata–se dum movimento onde todas a gente, de todos os sexos, pode ser feminista, se está disposta a contribuir para desmantelar a opressom patriarcal. Entom, para responder à pergunta, temos de insistir nos homens (e as comunidades em que estám) compreenderem o papel do feminismo para com a justiça.

Quando ouvimos falar de homens na luita feminista, é frequente ouvir debates acesos sobre a presença e o rol masculino e periodicamente ouvimos histórias de homens que lamentam nom ¨ser bem aceitos¨ como feministas, ou precisarem de ajuda para esclarecer questons feministas, como se as companheiras nom ¨vissem de bom olho¨ a presença/opiniom masculina em questons feministas. Temos de esclarecer isso. Os homens podem desempenhar um papel no desmantelamento do sistema de privilégios masculinos, podem ser aliados inestimáveis para o movimento feminista, desde que se ¨desafiem¨ a si mesmos e aos outros a reconhecer as desigualdades de género na nossa sociedade. E isso nom é um caminho dum dia. Significa, por exemplo, entenderem que som as mulheres, nom eles, que estám liderando: a masculinidade cis ainda é privilegiada, e os homens têm que lembrar que a palavra dum homem, em geral, é percebida como mais legítima, ainda que nom esteja falando com precisom ou conhecimento sobre questons relacionadas com as mulheres.

"Ser homem feminista nom implica receber umha medalha cada vez que fai algo considerado feminista. Polo contrário, implica assumir a responsabilidade para abordar questons de masculinidade com outros homens"

Além disso, ser homem feminista nom implica  receber umha medalha ou um bravo! cada vez que fai algo considerado feminista. Polo contrário, implica assumir a responsabilidade para abordar questons de masculinidade com outros homens, em vez de esperar e aguardar que as mulheres no feminismo façam todo o trabalho. É importante os homens usarem os privilégios masculinos para incentivar outros homens a trabalhar para a igualdade de género sob a liderança das mulheres. Ser feministas, portanto, nom é uma tarefa isolada, mas um compromisso ao longo da vida. Implica também educar-se sobre a história do feminismo, e como as mulheres de diferentes origens têm abordado o movimento. Garantir que o feminismo seja interseccional significa lembrar que a voz do feminismo institucional nom fornece umha fotografia completa do movimento, e que a luita pela igualdade de género é inclusiva e consciente de todes, incluindo as pessoas GODI (LGTBQI+), com diversidades funcionais, de classe, doutras identidades e situaçons. Dito e considerado tudo isso, a Revirada está aberta a colaboraçons dos homens. Os homens som bem–vindos.

Que importancia lle dades á sección internacional? Avanzouse nos últimos anos no coñecemento e traballo conxunto dos movementos feministas duns e doutros países?

Pablo: Nos tempos nos que estamos a editar unha revista feminista online non facela internacional non tería sentido ningún. O feminismo non entende de fronteiras. Temos seccións fixas que falan dun feminismo fora da pel de touro. O feminismo chinés ten un claro protagonismo na Revirada, tan lonxe xeograficamente e tan próximas e próximas as súas loitas e vindicacións. O artigo das 5 activistas chinesas do número 1 de Revirada escrito por Giada, ten unha forza brutal ao ser lido dende o noso contexto, rachando con rotundidade as barreiras culturais que nos temos/teñen imposto. O feminismo latinoamericano o temos como referente de loita e cheo de vida en constante cambio: é o feminismo que está á vangarda e que supón un aprendizaxe constante para o feminismo mais europeo e acomodado, e nos queremos telo presente tamén na Revirada. Contamos ademais con colaboracións que permítenos ter un contacto permanente có feminismo luso   As linguas nas que podes participar na revista falan  tamén desta internacionalidade, que queremos expresar e visibilizar, e que queremos que forme parte da identidade da revista.

"Plataformas como a Marcha Mundial das Mulheres fixeron un traballo excepcional en traer á Galiza a perspectiva internacional dos grupos de mulleres de base de diferentes partes do mundo"

Mariola: Plataformas como a Marcha Mundial das Mulheres fixeron un traballo excepcional en traer á Galiza a perspectiva internacional dos grupos de mulleres de base de diferentes partes do mundo. E de colocar a Galiza, ao feminismo galego, no ámbito internacional ao mesmo nivel que as nacións con Estado. Isto non sempre lle é recoñecido infelizmente. Ás veces sabemos mais de movementos feministas da Latinoamérica ou de Madrid do que dos que están ao noso carón. Está óptimo poder contar coas referencias doutras partes do mundo, como di Pablo, agora mais do que nunca, porque son as que están a liderar os procesos e desenvolvemento do movemento feminista. Latinoamérica, África e Asia son os referentes, así como os feminismos de grupos minoritarios, aínda que non gosto de chamalos así porque de minoritarios non teñen nada, como o feminismo xitano, o feminismo migrante, feminismo negro… Este bule bule de actividade contrasta cos feminismos Europeos e brancos que podíamos dicir estamos mais aletargados, ou polo menos non estamos como noutra altura na cabeza da transformación feminista e do feminismo. Tócanos ser alumnas.

Cando pensamos en feminismo internacional con frecuencia nos ven á cabeza un evento multitudinario, un acto ou acción impactante e espectacular, ou nomes das “grandes” feministas, das mediaticamente mais coñecidas. Iso está ben, mas en Revirada tamén e especialmente nos interesan as historias mais pequenas, que con frecuencia son as que nos conectan coas outras, as que nos abren os ollos a posibilidades que non eramos quen de imaxinar. Como o artigo sobre a República das Marias de Coimbra, ou a sección de Rádios Daqui e Dacolá. Incluso cando se fala de feminismo chinés ou da Caravana Feminista da Marcha faise desde a conexión, a proximidade, sempre podes encontrar que o que lles acontece a elas che está tamén a acontecer a ti dalgún xeito. Ser feminista, como unha persoa respondeu na enquisa do artigo central de Feminismos Take-away, é unha actitude a tempo completo. Alá onde vas, fagas o que fagas, es feminista e sempre vas ver as cousas desde unha perspectiva moito especial. Esta é a perspectiva que nos interesa en Revirada.

 

Ilustración de Elena Agrelo para o primeiro número de Revirada © Elena Agrelo
Doña Virtudes é unha das protagonistas da canle de vídeo da revista © Revirada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.