Prohibir xudicialmente a asistencia a calquera manifestación é ilegal

Reconstrución de Can Vies © Elena Martín Lores

O pasado xuño o desaloxo do centro social ocupado de Can Vies, no barrio barcelonés de Sants, derivou en numerosas mobilizacións e tamén en duros incidentes entre a policía catalá e parte dos manifestantes. No marco daquelas protestas varias persoas foron detidas e, nalgúns casos, ao pasaren a disposición xudicial saíron en liberdade pero coa prohibición xenérica de asistiren a manifestacións. Nun destes casos o veto chegou a petición da Fiscalía, que dicía ter indicios da participación da persoa afectada nun delito de desordes públicas con actos de, "cando menos, obstaculización da vía pública e lanzamento de obxectos suceptibles de causar danos". A prohibición foi obxecto dun recurso ante a Audiencia de Barcelona, que vén de ditaminar que prohibir a asistencia a calquera tipo de manifestación é ilegal, sentando así un precedentes para futuros casos.

A través dun auto ao que tivo acceso Praza Pública, co maxistrado José Luis Ramírez Ortiz como relator, a Audiencia lembra que o xulgado de instrución acordou "impoñerlle ao imputado a prohibición de acudir a calquera manifestación pública ou concentración reivindicativa que poida producirse na vía pública de calquera cidade ou vila de Catalunya" ata que houbese "sentenza firme". En caso de quebrantar a orde, a Fiscalía enviaríao a "prisión provisional sen fianza a fin de evitar a súa reiteración delitiva". Entre  as razóns esgrimidas o xulgado de isntrución "parece marcar unha distinción entre a 'vida normal' e o 'exercicio do dereito de manifestación', no sentido de que a privación temporal do segundo non afectaría á primeira", di a Audiencia, a cuxo xuízo "tal privación constitúe un preocupante indicio dun contexto de anormalidade democrática".

"Tal privación constitúe un preocupante indicio de anormalidade democrática"

O dereito de reunión e manifestación, explica o maxistrado, constitúe "un instrumento para transmitir ideas e propostas, par aintentar convencer a cidadanía das mesmas e amosar a quen decide o apoio social co que conta cada proposta". "É, polo tanto, unha forma básica de control social do pder político" e, ademais, "un dereito universal básico, vinculado á dignidade humana". As leis, sinala, admiten o exercicio deste dereito "tanto nun lugar fixo ou de forma estática (concentración) como dinamicamente ou discurrindo a través dun itinerario (manifestación)". En calquera caso, "a mera ocupación do espazo público non constitúe por si soa unha alteración da orde pública, que non se define polo silencio nin pola observancia abúlica da vida colectiva, senón polo respecto aos dereitos fundamentais que, nos Estados democráticos, limitan os poderes".

A Audiencia conclúe que a prohibición "carece de soporte legal" e advirte de que, aínda que a lei o prevese, "tería severos problemas de encaixe constitucional"

Coa súa decisión, abonda o ditame, o xulgado "compromete nuclearmente o dereito de reunión e manifestación", toda vez que "unha manifestaicón pública ou unha concentración non son meros lugares físicos, senón modos de exercicio dun reteio fundamental". "Polo tanto, ao prohibir a asistencia a 'manifestacións públicas ou concentracións reivindicativas' ante todo se lamina o contido do dereito de reunión e manifestación". A isto, profunda o maxistrado, debe engadirse que esta prohibición "desbordaría a natureza de toda medida cautelar penal, converténdose en puro instrumento de control social, pois non estaría destinada a facilitar o proceso penal en curso, senón a conseguir resultados concretos alén deste".

Para tombar a decisión a Audiencia barcelonesa engade aínda un argumento máis. A medida acordada "carece do imprescindible soporte legal, o que só pode traducirse na súa radical nulidade". Pero, ademais, aínda que houbese "unha hipotética pretensión reguladora desta sorte de medida cautelar", isto é, se o Goberno central acorda darlle cobertura legal a unha prohibición coma esta, "tería severos problemas de encaixe constitucional" por atentar contra os devanditos dereitos fundamentais.

Reconstrución de Can Vies © Elena Martín Lores

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.