Protestas e carga policial no desaloxo da Comandancia na Coruña

Dúas persoas subidas no tellado da Insumisa CC-BY-NC-ND GzContrainfo

Mantense a tensión no desaloxo do edificio da Comandancia de Obras, na Coruña, un inmoble público que dende hai ano e medio está ocupado baixo o nome de CSOA A Insumisa. Os enfrontamentos deixaron  varias persoas feridas entre a Policía e os ocupantes das Naves de Metrosidero, nos intentos dos axentes por completar o desaloxo. 

A primeira hora da mañá a Policía Local conseguira recuperar o edificio, ao entrar e atopalo baleiro, e o Concello deuno por "recuperado" contra as 10 da mañá. A pesar de facer garda na súa porta para impedir a entrada dos e das integrantes do CSOA A Insumisa, dúas mulleres conseguiron subir ao tellado, onde se encadearon. Pouco despois produciuse unha carga policial na que varios manifestantes resultaron feridos e algúns deles, atendidos por servizos sanitarios.

Os enfrontamentos deixaron  varias persoas feridas entre a Policía e os ocupantes das Naves de Metrosidero

Á tarde deste mércores, o edificio volveu estar ocupado por este colectivo, que se resiste a marchar, mentres crecía a tensión pola chegada de varios furgóns da Policía Nacional con axentes antidisturbios. Ás 20 horas celebrouse unha nova concentración ante a Comandancia para protestar contra o desaloxo, na que efectivos antidisturbios da Policía Nacional cargaron contra os manifestantes, como recollen as imaxes recollidas por Radio Coruña.

O Concello busca iniciar coas obras de rehabilitación da Comandancia de Obras, de cara á súa constititución en centro dotacional -Naves do Metrosidero- para actividades dirixidas á mocidade, con especial importancia para a veciñanza de Monte Alto e a Cidade Vella, pero pensado para o seu uso por parte da poboación de toda a cidade. O edificio, previamente propiedade do Goberno Central, foi cedido ao Concello e nun comezo ía acoller o Centro de Producción de Diseño Cidea. Coa chegada ao Goberno municipal da Mareal Atlántica, reformulouse o proxecto para dedicar o inmoble público a usos diversos, pensando sobre todo na mocidade. O colectivo ocupante defende que esas funcións xa as está a realizar o actual CSOA A Insumisa.

Carga policial na protesta de apoio á ocupación do edificio, no serán do mércores

A Marea Atlántica di que é "un día escuro" e "un sinal de fracaso colectivo"

A Marea Atlántica emitiu á tarde un comunicado no que asegura que a xornada deste mércores fora "un día escuro" e o vivido "un sinal de fracaso colectivo". "Falamos sen medias tintas e desde a sinceridade, porque nos afecta", di a formación, que se amosa "preocupada" porque "hai persoas feridas e porque falou a forza, cousa que ninguén quería, e non o diálogo" que, aseguran, o espazo de confluencia buscou "desde o inicio en todo este proceso". 

"Falou a forza, cousa que ninguén quería, e non o diálogo", di a Marea Atlántica

Desde a Marea aclárase que non se foi capaz de "lograr chegar a un entendemento, por máis" que tentaron "falar". E insisten no día "escuro" porque, din, non foron "quen de incluír". Así, a formación decidiu suspender o acto programado para este venres na Fundación Luís Seoane no que se buscaba a reflexión sobre as diferentes formas de xestionar espazos para o común.  "Por doloroso e sincero que sexa, non podemos quedar no lamento", insiste a Marea, que di ter "os brazos máis abertos que nunca e os oídos dispostos a escoitar, o mesmo que todos estes meses". "Cremos que a única alternativa é construír pensando na cidadanía e cremos que a luz só poderá entrar se entre todas nos poñemos a tarefa de deseñar ese espazo de futuro que serán as Naves do Metrosidero, que dende un principio se pensou como un espazo que puidese acoller moitas das actividades que se estaban a levar a cabo na Insumisa", aclara. 

Contra o mediodía, integrantes do colectivo ocupante do edificio subiron ao tellado para encadearse alí Dominio Público Isca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.