Próxima estación: solidariedade obreira

Cartaz na cafetaría CC-BY-SA Praza Pública

En corenta anos dá tempo a que unha cafetaría acumule moitas historias. Moitas máis se está ubicada nunha estación. Máis aínda se está nunha cidade cun importante peso do turismo e da universidade, como é Compostela. E aínda unhas poucas máis se está enfronte da sede dun Goberno. Estas son algunhas das características que definen á cafetaría da estación de autobuses de Compostela, onde peregrinos toman café ao carón de estudantes ou cargos da Xunta. Catro décadas de historia que o pasado 11 de febreiro tentaron ser cortados de raíz: a empresa municipal Tussa ía botar o ferrollo se ninguén o evitaba. E os seus seis traballadores decidiron evitalo.

A causa do peche hai que buscala na renovación da concesión da estación. A empresa, dependente do Concello de Santiago, impuxo como requisito para a concesión que o contratista asumise unha obra de mellora das instalacións cifrada nuns 150.000 euros. Ao concurso só concorreu unha empresa e esta renunciou pola combinación do elevado custo da intervención e o curto período de explotación, só oito anos. Neste contexto, o consistorio compostelán considerou que tal servizo non era esencial -tampouco os empregos que mantén- e decidiu o peche. Acto seguido, os traballadores decidiron resistir e facelo vinte e catro horas ao día, sete días á semana.

Ante a posibilidade de peche, os traballadores mantivéronse permanentemente nas instalacións

A actividade normal da instalación hostaleira, que tamén funciona adoito como restaurante, substituíse por unha autoxestión na que só se viñeron servindo café e leite de balde. Cando as reservas destes produtos se esgotaron, os cartos que se xuntaron a través dun "bote solidario" permitiron seguir funcionando día e noite. "Loitamos para que isto se saque de novo a concurso", resume un dos traballadores, José Villar, que dende a veteranía no oficio non concibe como o propio presidente da Xunta pode "estar promocionando o turismo" e mentres un Concello do seu partido pensa en ter "unha estación de autobuses sen servizo de cafetaría".

Un chisco de esperanza

En plena mobilización os sinais da empresa municipal non parecían augurar nada bo. Mesmo chegou a instar a anterior concesionaria, Santiago Dos, a despexar o local dos "moradores" que continuaban nela para clausurala definitivamente. Pero no pleno municipal deste xoves un rogo do BNG para "demandar a convocatoria urxente dunha reunión" do consello de administración de Tussa para evitar o peche serviu para empezar a endereitar a sitaución. O concelleiro responsable, Luis Bello, falou por primeira vez da posibilidade da "subrogación" do persoal, explica José Villar. "Para a semana temos unha xuntanza con Tussa e co concelleiro e espero que haxa unha vía de arranxo deste conflito", explica.

O persoal agradeceu con viño e petiscos o apoio da CIG, dos medios e da clientela

Visiblemente aliviado polo novo escenario, Villar fala dende detrás da barra da cafetaría mentres nas mesas non só se servía café e leite, senón viño e petiscos, tamén de balde. A razón de ofrecer estas viandas era "agradecer" ao sindicato CIG, "aos clientes, á xente e aos medios" a súa "solidariedade" nestas semanas. "Todo o mundo quedaba estrañado con que a cafetaría fose pechar, parecíalles estraño suplentar persoas por máquinas" e "grazas a esa presión, esta loita vai ater un fin positivo". "Un viño para agradecer á xente que nos apoiou", resume José Villar, indicando o lugar no que se podía coller unha copa. E se a protesta serve de algo?

Petiscos e reivindicación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.