Despois de catro anos e medio, Público pechará esta fin de semana a súa edición en papel. Mediapubli, a empresa editora, non foi quen de reunir os nove millóns de euros que necesitaba para manter a edición impresa diaria, aínda que vén de indicar que o xornal si continuará na rede, onde conta con 5,5 millóns de usuarios únicos mensuais. Porén, a web non figura no plano de viabilidade, polo que se especula con que o seu mantemento buscaría, principalmente, favorecer a venda da cabeceira.
A web non figura no plano de viabilidade, polo que se especula con que o seu mantemento buscaría, principalmente, favorecer a venda da cabeceira.
Actualmente, e despois das preto de 35 baixas que se rexistraron nos últimos meses, Público conta con ao redor de 110 xornalistas, aínda que se descoñece cantos continuarán nesta edición dixital. Os traballadores veñen de decidir en asemblea que o xornal xa non sairá este sábado. Si, continuará editándose, de momento, La Voz de Asturias, do mesmo grupo, que dispón de máis tempo para atopar investidores.
Mediapubli contactou con case todas as entidades financeiras, pero só acadou un empréstito do Banco Santander
Mediapubli presentou concurso de acreedores o pasado 3 de xaneiro, despois de que xa en setembro se iniciara un ERE consistente nunha trintena de baixas incentivadas e unha rebaixa salarial. A empresa xustificouno pola "intensificación da crise publicitaria, a profunda transformación que está sufrindo o sector da prensa escrita e as dificultades para acceder a novo financiamento". A empresa parece que ficou moi lonxe de acadar os nove millóns necesarios, ao non acudir ao chamamento ningún investidor de peso, e ao non contar apenas co apoio das entidadade financeiras, a pesar de que se contactou con todas elas. De todas, só o Banco Santander aceptou apoiar a Público cun empréstito de tres millóns de euros.
"A economía non dixital da información está fóra do alcance de sectores que non conten co apoio dos poderes bancarios"
Como indica Víctor Sampedro, catedrático de Opinión Pública e activista social, "a economía non dixital da información está fóra do alcance de sectores que non conten co apoio dos poderes bancarios. A situación de Público, a crise publicitaria, é exactamente a mesma pola que atravesan todos os xornais do Estado. Case todas as cabeceiras do Estado pasaron ou van pasar por EREs e suspensión de pagamentos. O que sucedeu foi que aos voceiros dunha opinión pública moito máis acorde co establishment, séguenselles dando apoios publicitarios, institucionais e corporativos e facilidades de refinanciamento das súas débedas".
O futuro de Público
O futuro pasa pola edición dixital, unha das cinco máis lidas do Estado, pero que até o de agora se construía en boa medida coas achegas da redacción do xornal impreso. Fontes da redacción, consultadas por Praza, desconfían desta solución até coñecer o número de xornalistas que continuarían no cadro de persoal, e polas dúbidas que xera a actual ausencia de publicidade na páxina. Ademais, a web non figura no plano de viabilidade, polo que se especula con que o seu mantemento buscaría, principalmente, favorecer a venda da cabeceira.
Entre os traballadores había unha sensación incómoda de falta de información
Séguese barallando a solución, apuntada nalgún momento, de converter Público nun semanario ou nun xornal editado unicamente na fin de semana, pero debería aparecer un investidor urxentemente e resulta dubidoso que os investidores que non quixeron achegar cartos para financiar un diario o fagan para apoiar un semanario.
Os traballadores e traballadoras
Os traballadores levaban meses de traballo en condicións precarias xeradas tanto pola propia incerteza do seu futuro, coma pola multiplicación de tarefas cunha redacción cada vez menor, coma polos atrasos nos pagamentos, que chegaron a ser de dous meses (aínda que finalmente a nómina de xaneiro foi abonada e a de decembro foino en parte). Había, ademais, unha sensación incómoda de falta de información, á que se suma agora a constatación de que os traballadores que continuaron no xornal son os grandes prexudicados, fronte aos que decidiron acollerse ás baixas incentivadas.
As alternativas para o xornalismo libre e de calidade
Nos últimos meses vimos asistindo en Galicia ao peche daquelas iniciativas máis afastadas do establishment e dos círculos de poder empresarial e institucional, e tamén no conxunto do Estado, a pesar de que a crise económica e publicitaria afecta a todas as cabeceiras, é o xornal Público o que pecha, a pesar de contar con cifras de difusión moi elevadas e crecentes. En opinión de Víctor Sampedro, "a alternativa ten que vir por medios apoiados por unha economía non lucrativa, de autosostenibilidade, e mesmo que dea perdas. De aí a importancia de contar con colectivos e entidades que non sexan empresas nin a administración pública, hoxe xa cunha dimensión grande, estou pensando nas ONGs, nas fundacións culturais, nas fundacións de promoción da transparencia. Estes actores téñense que involucrar asumindo as perdas que loxicamente vai ter un xornalismo rigoroso e comprometido".
"Ten que haber unha implicación activa dos públicos. Non podemos confundir libre con gratuíto"
Sampedro engade: "Os custes de facer información son moi elevados e alguén quen ten pagalos, pensando que son procomún, pois é de circulación libre. Hai que recuperar iso, o mecenado, o mesmo que os editores de prensa foron mecenas, querían cambiar a sociedade, procurando beneficios colectivos".
Tamén é fundamental, para Sampedro, a implicación do público lector: "Ten que haber unha implicación activa dos públicos. Non podemos confundir libre con gratuíto, esta é unha idea que hai que desterrar, porque precisamente son os grandes actores económicos os que poden manter unha oferta superflua, a xeito de catálogo electoral e de produtos. A prensa hoxe non se sostén só con publicidade. A implicación dos públicos ten que ser tamén económica, temos que pagar por aquilo que queremos ver, escoitar e ler. Iso implica remover as estruturas de xestión empresarial, dando protagonismo a un corpo de colaboradores, de difusores de contidos, e de apoiantes económicos".