Que pasa coa Lei do Voluntariado?

Encontro de voluntariado celebrado en Compostela CC-BY-NC-SA Cruz Vermella

O pasado 23 de xaneiro o Consello de Ministros aprobou os anteproxectos das novas leis de Voluntariado e do Terceiro Sector de Acción Social, cruzais para a actividade da maior parte das ONG. No caso da Lei do Voluntariado, a norma vén substituír á aprobada en 1996, e que quedara moi obsoleta nalgunhas cuestións. A nova lei, de feito, era unha longa demanda das entidades sociais e moitos dos seus puntos supoñen un avance e facilitan o seu traballo e funcionamento, como destacaba Eroski Consumer neste texto. Ademais, fora consensuada coa maior parte do sector e contaba co seu apoio. 

A norma ofrecía maior protección xurídica, cobertura legal e recoñecemento cidadán ás ONG e melloraba a súa capacidade de interlocución coas administracións públicas. Tamén se protexía dunha maneira máis acertada a propia figura do voluntario ou voluntaria. Ademais, uníase á reforma dos incentivos fiscais ao mecenado, aprobada en decembro, que aumentou as deduciones ás que se poden acoller os e as doadoras. A partir de agora, as persoas físicas que realicen achegas económicas ás ONG recibirán ata un 50% de dedución na declaración do IRPF en 2015 para os primeiros 150 euros e un 75% en 2016 e nos anos seguintes. Para cantidades superiores a 150 euros, a dedución sitúase ao redor do 30%.

Ata aquí todo ben. Porén, durante o seu paso polo Congreso, o anteproxecto foi sufrindo cambios, algúns pequenos e outros moi relevantes, que fixeron que dende as ONG se erguese unha voz de alarma. A norma "sufriu unha serie de cambios que decepcionaron profundamente o sector", denuncia a Plataforma do Voluntariado, que pide "maior concreción" e presentou un amplo conxunto de emendas para tentar virar o rumbo da lei. "O sector pasou da risa ao choro, case sen transición. Do aplauso ao temor pola aprobación dun texto que, ao final, non nos represente", engaden.

As súas críticas céntranse en dous aspectos. Por unha banda, critícase que a norma "volve esfumar a fronteira entre emprego e voluntariado". A directora da Plataforma do Voluntariado, Mar Amate, sinalou que a lei abre a porta a que se poidan substituír traballadores por voluntarios, convertendo un labor social nunha escusa para conseguir "man de obra de balde" "Debe quedar moi claro que ninguén pode amortizar postos de traballo, nin as empresas nin as administraciónes públicas, con voluntarios. Non podes suprimir postos de traballo dicindo que tes persoas que o fan por colaborar. Iso é ao final man de obra gratis e non un exercicio de participación social", explica.

A directora da Plataforma do Voluntariado, Mar Amate, sinalou que a lei abre a porta a que se poidan substituír traballadores por voluntarios, convertendo un labor social nunha escusa para conseguir "man de obra de balde"

A Plataforma critica tamén "o estraño papel das empresas na nova Lei", recoñecendo que "as empresas responsables poden ser un importante axente social de cambio" e que "unha das vías de participación pode ser o impulso do voluntariado entre os seus cadros". Porén, indica, "se se trata de exercer a tarefa voluntaria hai que establecer con moita claridade cal é o papel das compañías comerciaos e cal o das ONG". Segundo a Plataforma, "o texto actual concédelles o mesmo rango ás empresas e ás ONG. E é evidente que as ONG e as empresas non son, nin fan o mesmo". Mar Amate insiste insiste en que "cando a lei di que as empresas deben fomentar o voluntariado, debe engadir que sexa no marco dos programas das ONG". "Que non se abra a porta. A empresa se quere promocionar o voluntariado dentro dos seus traballadores ten que entrar en contacto cunha ONG", engade.

O outro gran elemento de crítica procede da prohibición, introducida na lei, de que as persoas con antecedentes penais realicen labores de voluntariado. O Goberno introduciu, especificamente, a referencia aos delictos por violencia de xénero e por terrorismo, pero que despois se amplía a outros delictos. "É absurdo considerar que alguén que cometeu un delicto no pasado perda para sempre o dereito a participar na sociedade facendo voluntariado. De feito, centos de ONG contan con persoas que tiveron problemas (tamén coa Xustiza) e iso capacítaaa para axudar e entender moito mellor ás demais", sinala a Plataforma. 

A principal crítica das ONG procede da obriga, tamén introducida na lei, de que sexan as propias entidades as encargadas de investigar o pasado dos seus voluntarios e voluntarias

A principal crítica das ONG procede da obriga, tamén introducida na lei, de que sexan as propias entidades as encargadas de investigar o pasado dos seus voluntarios e voluntarias, facéndose responsables da limpeza do seu expediente. "O papel das entidades de voluntariado non é investigar antecedentes, senón promover a solidariedade e o compromiso co mundo que nos rodea", destaca a Plataforma.

Ademais de enviar o xa referido conxunto de emendas, a Plataforma do Voluntariado de España está realizado unha rolda de encontros con distintos grupos do arco parlamentario para informalos de todos os aspectos que preocupan ao sector e pedirlles o seu apoio.

Encontro de voluntariado celebrado en Compostela CC-BY-NC-SA Cruz Vermella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.