Que se agocha detrás de FEXUGA?

Presentación da candidatura da Coruña a se converter en Capital Europea da Xuventude 2016. Francisco González Mariño é o primeiro pola esquerda © Concello da Coruña

Cando hai unhas semanas o Concello da Coruña anunciou que a cidade era candidata a se converter en Capital Europea da Xuventude 2016, unha distinción que concede a Unión Europea a través do Youth Forum, foron moitas as voces críticas, sobre todo entre os colectivos xuvenís, molestos por non ter sido consultados e estrañados, ademais, polo destacado papel xogado por Fexuga (Federación de asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude de Galicia), que promove a iniciativa. Fexuga non é unha entidade moi coñecida e os 32 colectivos e asociacións que a compoñen non teñen unha actividade moi destacada.

Algunhas destas asociacións son Acción Social, O Vinculeiro, Arrecó, Dagda, Dumbria Xoven, Observatorio do Tambre, Raiña Lupa, A Crega, Axuma, Cruce de Camiños, Dobre Espacio, Xoecer, A Sombriza, As Minas, O Castelo, AMA Galicia, Sementeira, Terra Celta, A Eira, Eiravella, San Carallás, Apoio ou Amigos do Camiño de Santiago da Peroxa. Varias delas nin sequera teñen unha páxina web e mesmo na propia páxina de Fexuga non se poden atopar os seus datos de contacto, os seus responsables ou a actividade que realizan.

Moitas das entidades que compoñen Fexuga están vinculadas dun ou doutro xeito co Partido Popular

Porén, entre as que si ofrecen información atópanse algunhas coincidencias. Moitas delas están vinculadas dun ou doutro xeito co Partido Popular. Esta relación é evidente no caso do máximo responsable de Fexuga, Francisco González Mariño, concelleiro de Xuventude do Partido Popular en Vilagarcía de Arousa e ademais presidente da asociación Dobre Espacio. Pero tamén en varias das asociacións: a presidenta da Asociación Cultural O Vinculeiro C.D.SAR é Elena Romero Fabeiro, concelleira popular en Padrón; a presidenta de Dagda é María González Gómez, concelleira do PP en Ames (agora no grupo mixto); o presidente de Dumbría Xoven é Manuel Louro Díaz, número 2 do PP en Dumbria; o presidente de Observatorio do Tambre é Alexander Doval responsable de Novas Xeracións en Oroso; o presidente de Raiña Lupa é Pascual Villaverde, da Novas Xeracións de Boqueixón; o presidente de Axuma é Pablo Novas Caballero, concelleiro do PP en Marin; a máxima responsable de Cruce de Camiños é Rocío Blanco Mosquera, presidenta de NNXX na Estrada. E o mesmo tipo de coincidencias atopámolas en Xoecer (Lalín), As Minas (A Pontenova), O Castelo (Alfoz), Ama Galicia ou Cultura e Deporte (Ourense). 

Estas asociacións poden non ter en xeral unha actividade moi importante pero si que nos últimos anos veñen recibindo importantes axudas da Xunta para o financiamento das súas actividades

Estas asociacións poden non ter en xeral unha actividade moi importante pero si que nos últimos anos veñen recibindo importantes axudas da Xunta para o financiamento das súas actividades. Na resolución de 7 de octubre de 2011 da Consellería de Traballo e Benestar pola que se procede á publicación das subvencións concedidas a entidades xuvenís de ámbito autonómico e cun orzamento total de 175.000 euros podemos ver como Fexuga recibe 4.360 euros, unha cifra semellante á concedida a Novas Xeracións (4.122 euros), Xuventudes Socialistas (3.967 euros) ou Galiza Nova (3.889 euros). Pero ademais varios dos colectivos que a compoñen recibiron en conxunto máis de 50 mil euros desta partida da Xunta. E o mesmo podemos atopar na resolución do ano seguinte, cun orzamento total de 138.760 euros. De novo Novas Xeracións ou Galiza Nova recibiron catro mil euros cada unha, mentres que as entidades que compoñen Fexuga sumaron case 30 mil euros.

Captura de pantalla da web de Fexuga © Fexuga
Presentación da candidatura da Coruña a se converter en Capital Europea da Xuventude 2016. Francisco González Mariño é o primeiro pola esquerda © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.