"Queremos emprego, traballo xa temos"

Imaxe da acción realizada este sábado na Coruña © BNG

A comisión de Acción Feminista do BNG e de Galiza Nova levou a cabo unha acción este sábado na Coruña para denunciar que "as medidas regresivas do PP conducen as mulleres ao fogar" e para dar conta "de todo o traballo invisíbel que realizan na esfera doméstica". Deste xeito, no Obelisco instalouse unha oficina de emprego á que acudían mulleres para selar a tarxeta do paro, levando nos brazos ferros de pasar e camisas engurradas, plumeiros para sacar o pó, potas, a caixa da costura ou a vasoira, así coma bonecos no colo, a xeito de bebé. Tamén puido verse un mandil coa frase “traballo imprescindíbel e unisex".

Denunciaron que "as medidas regresivas do PP conducen as mulleres ao fogar" e para dar conta "de todo o traballo invisíbel que realizan na esfera doméstica"

BNG e Galiza Nova fixeron fincapé, igualmente, en que "os recortes do PP, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta de Galiza, provocan máis desigualdades entre homes e mulleres, o aumento do desemprego feminino, a precarización laboral das mulleres e, de xeito parello, o seu traballo invisíbel na esfera doméstica e feminizan da pobreza". As nacionalistas advirtiron de que detrás de todas as medidas do PP (lei da familia, inminente derrogación da lei do aborto, a reforma laboral e os recortes en servizos sociais) está o afán por recuperar unha sociedade onde as mulleres fiquen na casa. Sinalaron, en concreto, que na comarca da Coruña, do total de 23.196 persoas no paro, 12.272 son mulleres e 10.924 son homes. E lembraron que este "traballo invisíbel e non remunerado que realizan no fogar" correspóndese a "tarefas que o sistema patriarcal lles adscribe ás mulleres".

As nacionalistas advirtiron de que detrás de todas as medidas do PP (lei da familia, inminente derrogación da lei do aborto, a reforma laboral e os recortes en servizos sociais) está o afán por recuperar unha sociedade onde as mulleres fiquen na casa

A Comisión de Acción Feminista do BNG e de Galiza Nova puxeron de manifesto con esta performance que as mulleres son as máis afectadas polos recortes do estado de benestar e dos servizos públicos. Salientaron que, cando se recorta e se empeora o funcionamento da educación, da sanidade e da atención á dependencia, son as mulleres as que se ven na obriga de asumir ou de ter que compensar ese déficit, incrementando a carga de traballo non remunerado no fogar para garantir o benestar do ámbito familiar.

Imaxe da acción realizada este sábado na Coruña © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.