Queremos Galego chama a manifestarse para "non ser estranxeiros na propia patria"

Queremos Galego presenta os actos do 17 de maio CC-BY-SA A Mesa

Non queremos ser estranxeiros na propia patria. Queremos galego. Con este lema a plataforma que xunta ducias de colectivos sociais en defensa da lingua chama "ao conxunto da sociedade" á manifestación que como cada ano percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Aproveitando os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, a organización a prol do idioma propio homenaxeará a Rosalía e reivindicará "a bandeira levantada por ela" con esa obra, a primeira monolingüe en galego.

Queremos Galego denuncia "trinta anos de incumprimento" da Lei de Normalización Lingüística

Así, Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego, lembrou que a obra de Rosalía foi "un punto de inflexión na historia de Galicia" que "aínda está en vigor". Ademais, lamentou tamén que as reivindicacións da plataforma seguen "tristemente intactas" logo de "trinta anos de vulneración e incumprimento" da Lei de Normalización Lingüística.

Callón tamén lamentou os "pasos atrás" que se están a dar na política lingüística e insistiu en destacar que o ensino en galego non chega ao 20% e que tan só un 4% das escolas infantís nas cidades ensinan na lingua propia. "A sociedade non quere que se sigan vulnerando os seus dereitos", asegurou, tras reparar tamén na escasa presenza do idioma nos medios ou na Xustiza. "É lamentable", engadiu.

"O único que reivindicamos é o cumprimento da lei de Normalización e do PXNL"

Por todo isto, Callón recorda que a única reivindicación é "o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL)", que foron aprobados por "unanimidade" do Parlamento galego. Mentres, segundo denuncia Queremos Galego, seguen impulsándose normas que pretenden "erradicar" o galego, como a Lomce, "que segue a liña" marcada por Núñez Feijóo, de quen denuncia a dobre moral. "Se Feijóo ama a cultura e a lingua galega que o demostre a través de políticas a prol do galego", dixo.

A manifestación sairá o vindeiro 17 de maio ás 12 horas desde a Alameda de Compostela e percorrerá a cidade ata a praza da Quintana, onde Queremos Galego espera que non haxa "atrancos" como os que, segundo denuncia, puxo o Concello de Santiago noutras ocasións para instalar o palco.

O manifesto da convocatoria será presentado nos vindeiros días e terá como idea central o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos. "A bandeira que levantou Rosalía e que aínda seguiremos sostendo", rematou Callón.

Queremos Galego presenta os actos do 17 de maio CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.