Queres pagar menos pola factura do lixo? Produce menos lixo!

Vertedoiro de Areosa © Adega

A meirande parte dos galegos e galegas, 2,3 millóns, van pagar máis polo tratamento do lixo, arredor dun 34% máis. Serán todos aqueles que viven en concellos que envían os seus residuos á planta incineradora de Sogama. Os concellos, que até agora pagaban 61,5 euros por tonelada de refugallos tratada, pasarán a abonar 82,1. Polo tanto, para reducir a factura do lixo, o primeiro paso é reducir a cantidade de materiais que son desbotados, optando ademais por modelos de xestión que primen a reutilización e a reciclaxe.

Denúnciase que Sogama "só queima o lixo" para reducir o seu volume e para despois acumulalo no gran vertedeiro da Areosa e lembrábase que en 2020 este tipo de vertedoiros estarán prohibidos en Europa

O día que se comunicou a inminente suba do recibo do lixo para os concellos adheridos a Sogama, Adega instou publicamente ás administracións públicas que seguen apoiando esta planta a "rebelarse contra a ditadura de Sogama" e a "desengancharse" da incineración. De igual xeito, acusou a Xunta e Sogama de "fixar un prezo político para o tratamento do lixo e poder así competir artificialmente cos sistemas alternativos baseados na compostaxe" e concluíu que "por moito que a propaganda intoxicadora da Xunta apresente a SOGAMA como a opción máis barata, a realidade é que nunca o foi, e agora moito menos".

Sogama é unha modalidade de xestión dos residuos máis cara por varios motivos, comezando polos centos de quilómetros que ten que percorrer o lixo dende os catro recantos do país para chegar á centralizada planta de Cerceda, e pasando pola escasa eficiencia enerxética demostrada por Sogama á hora de xerar electricidade a partir da combustión de residuos. De feito, a prevención e a reciclaxe deses residuos terían aforrado máis enerxía da que Sogama produciu, pois a súa eficiencia enerxética rolda o 0.3, moi por debaixo do 0.6 esixido por Europa. Pero tamén porque esta planta apenas recupera materiais, non os revaloriza, incumprindo todas e cada unha das recomendacións da Unión Europea, o que levou a que varios grupos presentasen unha denuncia ante as instancias comunitarias. Nesa denuncia salientábase que Sogama "só queima o lixo" para reducir o seu volume e para despois acumulalo no gran vertedeiro da Areosa e lembrábase que en 2020 este tipo de vertedoiros estarán prohibidos en Europa.

Galicia incumpre as normativas europea, estatal e galega en varios aspectos, comezando polas esixencia de que cando menos o 50% por cento dos materiais se recuperen e reciclen. En Galicia recíclase apenas o 11% dos materiais

Na actualidade, por culpa de Sogama, Galicia incumpre as normativas europea, estatal e galega en varios aspectos, comezando polas esixencia de que cando menos o 50% por cento dos materiais se recuperen e reciclen. En Galicia recíclase apenas o 11% dos materiais e non se chega ao mínimo esixido nin sequera no vidro ou no papel. Os datos de 2011 amosan que o 46% do lixo galego se incinera sen valorización e outro 43% vai directamente a vertedoiros.

Sogama recupera só o 8% dos materiais que lle chegan, fronte ao 34% das alternativas en marcha en Galicia, nas comarcas do Barbanza e Coruña

Os últimos datos oficiais fornecidos por Sogama, correspondentes a 2008, revelan que a planta de Cerceda é completamente ineficiente no que respecta á recuperación e reciclaxe de materiais. Case todos os residuos orgánicos que recibe, que constitúen o groso do lixo, son queimados directamente, ao contrario do que sucede nas plantas de Nostián ou Lousame (que recuperan o 47% do total), e o resto son depositados en vertedoiros. De igual xeito, Sogama só recupera o 10% dos envases lixeiros (fronte ao 41% das outras dúas plantas) e o 21% do papel e cartón (25% nas plantas de compostaxe). En total, Sogama recupera só o 8% dos materiais que lle chegan, fronte ao 34% das alternativas en marcha en Galicia, nas comarcas do Barbanza e Coruña. Mentres, a media da UE en 2009 ofrece datos moi diferentes: 24% de materiais reciclados, 18% de compostaxe, 20% de residuos incinerados, e un 38% acumulados en vertedoiros.

Hai uns meses Xosé Veiras lembraba que "a empresa semipública Sogama non sería viábel sen a adhesión dos concellos. Creouna en 1992 a Xunta, da man da hoxe Gas Natural Fenosa, mais aliméntana os concellos co lixo que recollen e o diñeiro que pagan" e denunciaba que "a Xunta e case todos os Concellos deixaron o problema do lixo en mans de SOGAMA. E non só os gobernados polo PP. Os partidos de esquerda comprometéronse pouco cos tres erres desde o poder municipal".

Entre outras alternativas están a recolla selectiva porta a porta, remunicipalizar a recolla (e o tratamento) do lixo, impulsar a compostaxe e as plantas locais de reciclaxe, ou fixar as taxas do lixo en función da produción real de residuos, e non, por exemplo, do consumo de auga

Tamén sinalaba que "non é pouco o que poden facer os gobernos locais a prol da prevención e a reciclaxe dos residuos, sempre que non renuncien á autonomía municipal, abandonen a comodidade das políticas dominantes hoxe e promovan a participación cidadá". Entre outras alternativas estaban a recolla selectiva porta a porta, remunicipalizar a recolla (e o tratamento) do lixo, impulsar a compostaxe e as plantas locais de reciclaxe, ou fixar as taxas do lixo en función da produción real de residuos, e non, por exemplo, do consumo de auga.

 

A experiencia de Lousame

Lousame, convertida na principal alternativa en Galicia ao modelo Sogama, comezou funcionando coa xestión do lixo de tres concellos e agora atende a nove, dando servizo a unhas 87 mil persoas, e cumprindo o criterio de proximidade

Lousame, que celebrou xa os seus primeiros dez anos de actividade, convertida na principal alternativa en Galicia ao modelo Sogama, comezou funcionando coa xestión do lixo de tres concellos e agora atende a nove, dando servizo a unhas 87 mil persoas, e cumprindo o criterio de proximidade, pois o lixo apenas ten que viaxar, sendo Carnota o concello máis afastado, a uns 60 quilómetros. Hai uns meses, na xornada sobre Defensa do Territorio organizada polo BNG, Marta Domínguez, técnica de Lousame, destacou que a planta "simplemente segue a actual lexislación e recomendacións" e defendeu que "só despois de poñer todo o esforzo de prevención e reutilización se pode falar de valorización e eliminación". 

Tamén salientou que, alén da redución, a clave é o correcto tratamento dos residuos orgánicos, que supoñen ao redor da metade de todo o lixo xerado en Galicia. En Sogama todos os residuos orgánicos son incinerados, ao contrario do que sucede en Lousame, o que explica que a taxa de recuperación sexa dez veces superior. Tamén lembrou que unha parte moi importante das vivendas galegas -sobre todo fóra das zonas urbanas- teñen posibilidade de realizar compostaxe: "hai unha gran capacidade para mellorar a situación sen necesidade de grandes infraestruturas".

Vertedoiro de Areosa © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.