"Rajoy pode acabar co carbón; cada vez creo máis que non quedará nada"

Mineiros, durante unha mobilización en Ciñera (León) CC-BY-SA Olmo Calvo / Diagonal

"Queda marchar de España, acaban con todo". A sentenza demoledora é de Plácido Álvarez Agra, mineiro berciano e na rúa desde outubro. É un daquela morea de mineiros da Marcha Negra que entrou a pé en Madrid en xullo ao berro cidadán de "esta é a nosa selección" tras 19 días a pé desde Bembibre. Hoxe é un do seis millóns de parados.

Placi, como o coñecen en Matarrosa del Sil, onde reside, naceu hai 38 anos en Santa Cruz del Sil. É a vila que se fixo soada o verán pasado porque oito compañeiros permanecían pechados nun pozo. Quería defender "o futuro da zona e do país, porque isto é de todos".  Pero aquel berro de "si se pode" co que cruzaron entre miles de persoas non parou a política de acelerar a liquidación do sector por parte do Goberno do PP, que "xa o tentou en 1996", nin prácticas empresariais decimonónicas. Como vítima, narra a desunión do sector e un desgarro en España.

Fixo a Marcha Negra e agora está na rúa.

A realidade é que se fixo todo o que se fixo para outros, para o politiqueo. Foi acabar a marcha, chegar aquí, coa xente pechada en Santa Cruz e desconvocar a folga... Non contaron con ninguén para facelo. E eses que din que apoian, os alcaldes, chuparon fondos do plan do carbón. Tanto que apoian, que dimitan. Están a calar, ninguén sabe nada, pero están a botar xente e non pasa nada.

"Había unión entre os mineiros, pero iso hase ir perdendo"

Que foi da mítica forza dos mineiros?

Había unión, pero iso hase ir perdendo. Non sei moi ben por que. Igual é pola corrupción que hai, empezando por sindicatos, alcaldes, o Goberno... É o que explica que se perdese a unión.

Xa participou nunha marcha mineira en 2010. Como se chega a este punto?

Eu hai dous anos estaba a traballar nunha mina, con Victorino (en referencia a Alonso, o maior empresario mineiro privado de España) en Santa Cruz. Estaba nunha subcontrata. Cando as eléctricas deixan de queimar carbón, en 2010, facemos a folga, fannos facer a marcha, chegamos a León... Logramos o que queriamos. Pero os das subcontratas quedamos na rúa. No meu caso, 30 compañeiros. Estiven en ERE tres meses e na rúa un ano. Busqueime a vida e logrei volver á mina no Grupo Viloria, no alto Bierzo. Alí estaba contento.

Cando parecía todo estabilizado, chega o cambio de Goberno de Rajoy e?

Si, e os recortes. Pasáronse polo forro todo o que estaba asinado. Terían que cumprilo. Entón volvemos ás rúas. Empeza a Marcha Negra, chegamos a Madrid, cando volvo traballo un mes e medio, pero como o Goberno non solta a pasta, largáronnos. Dixéronnos que nos volverían a chamar cando isto tomase rumbo. Levo no paro seis meses.

"Xa non miro só por nós: queu lles queda oas que veñen por detrás?"

Até onde estaba disposto a seguir tras a marcha?

Cando cheguei a casa de volta de Madrid decateime que se desconvocou a folga e aínda había compañeiros pechados. Eu seguiría o que fixese falta. E agora igual. Xa non miro só por nós: que lles queda aos que veñen por detrás?

Cal é a razón da falta de unidade, da inacción cando están na rúa?

Lográrona o empresario e o Goberno. Uns cobraban, outro non... Houbo moitos factores. Ao que cobra non lle interesa ir á folga.

"É unha mentira que teñamos soldos astronómicos; eu nunca pasei de 1.400 horas facendo dez e doce horas diarias"

Que diría aos que din que na mina se gaña un soldo astronómico?

Iso é todo mentira. Iso era antigamente. No oitenta, si que se cobraba ben. Eu estiven sete anos dentro, en varias etapas, e non pasei de 1.400 euros ao mes facendo dez e doce horas diarias. Que mo expliquen. E como eu moitísima xente, case todo o mundo. Nunca traballei seguido sequera. Hai a mesma precariedade que en calquera outro sector. Só que non se pode estar moito tempo. Na mina estamos como as ratas, quen din que somos uns privilexiados, que entre alí.

Como explicaría a evolución do seu traballo desde que empezou?

Non cambiou en nada. Nin en soldo, nin en condicións: sigo igual que daquela. Só rendeu a desunión e a fartura.

"Teriamos que ter seguido adiante; sen pacto ningún porque as folgas non e pactan"

Madrid recibiulles como á selección de fútbol, como líderes obreiros. Como cre que se tiña que aproveitar?

Teriamos que seguir cara a adiante. Sen pacto ningún: as folgas non se pactan. Eu quedo en Madrid até lograr algo claro. Teriamos que ter ido máis aló, coller ao empresario ou ao político e pechalo na mina. Acampar? Non, porque non se pode estar a molestar. Hai que ir a por quen hai que ir.

Pero, agora van un milleiro de despedimentos en seis meses, os que quedan na minería privada non cobran hai dous, as eléctricas non compran carbón, o Goberno incumpre?

Mobilizacións xa hai, pero non serán como antes. Estamos a metade na rúa e non van nin os do persoal propios das empresas, que nin cobran hai dous meses ou os están botando.

Que lle pediría ao Goberno, que lle diría a Mariano Rajoy se se cruzase con el?

Que a están cagando, pero ben. O carbón non é de agora, fixo moito por este país. Que aposten por el, que dentro duns anos será necesario. Lembraríalle que Endesa naceu no val do Sil. Ou que Ciuden, a planta de captura CO2, está a piques de acabar con ela e van tirar moitos millóns e futuro.

E ás persoas que os recibiron en Madrid como heroes?

Agradecereillo toda a vida e nunca o esquecerei. Aí fixéronme sentir que estabamos a facer algo, algo importante.

"Hai que saír á rúa e botar o Goberno; se nós os puxemos aí, tamén os podemos botar"

Como explicaría que agora en cambio non fagan nada, polo momento cando menos?

Hai que saír á rúa e botar o Goberno. Se nós os puxemos aí, tamén os podemos botar. Xa está ben de aguantar que nos asfixien aos poucos. Mentres, eles seguen igual.

Rajoy e Soria enterrarán a minería?

Eu creo que todos están a pór da súa parte. Pero si, Rajoy pode pór o punto e final ao carbón, cada vez creo máis que non quedará nada.

Que espera do futuro?

Teño un neno de catro anos ao que teño que dar unha educación e unha vida. Acabo o paro nun par de meses. A perspectiva que teño é marchar, como todo o mundo. Aos que queden aquí vailles tocar pagar o que nos roubaron. E con marchar refírome de España: aquí que paguen os que se encheron os petos. Porque non esperarán que collamos traballos precarios por 500 euros e arranxar todo o que eles estragaron. Comigo que non conten: antes prefiro roubar.

Onde marchará? Busca traballo como mineiro?

Non necesariamente. Do que saia: teremos que adaptarnos ao que haxa e irnos onde sexa.

A marcha dos mineiros, ao seu paso por Madrid © J.A. Marrón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.