Rebelión contra a obsolescencia: Manual de uso

O proxecto de Alargasciencia está en constante crecemento, coa incorporación de novos establecementos Dominio Público Amigos da Terra

A sociedade moderna defínese pola súa voraz velocidade de consumo e polo carácter efémero dos produtos. Roupa de usar e tirar, mobles de montaxe rápida, rapidamente desbotados e electrodomésticos e todo tipo de aparellos electrónicos con dada de caducidade e obsolescencia programada. Reutilizamos e reparamos pouco, por preguiza, por costume, por comodidade e, ás veces, porque non sabemos onde facelo. Tamén tiramos ao lixo cousas que a outras persoas si lles poderían servir; e esas outras persoas seguro que fan o mesmo con cousas que nós si utilizaríamos.

Para concienciar e, ademais, ofrecer unha axuda práctica para alongar a vida útil dos produtos que usamos, Amigos da Terra vén de lanzar Alargaciencia, un directorio web de establecementos de reparación, aluguer, intercambio e compra venda de artigos de segunda man, dende roupa a electrodomésticos, pasando por mobles.

"O patrón de consumo actual vén marcado por produtos pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar. Neste contexto, tanto o medio ambiente como a cidadanía convértense nos actores máis prexudicados"

Do 21 ao 29 de novembro celébrase a Semana Europea de Prevención de Residuos. Amigos da Terra fai un chamamento á poboación sobre "a importancia e necesidade de acabar co despilfarro de recursos naturais, denunciando a obsolescencia programada e percibida, e esixindo o incremento das porcentaxes de redución e reutilización de residuos por parte das administracións". A entidade sinala que "o patrón de consumo actual vén marcado por produtos pouco duradeiros, difíciles de reparar e reutilizar" e que "neste contexto, tanto o medio ambiente como a cidadanía convértense nos actores máis prexudicados".

Engade que "a reciclaxe é unha excelente opción cando un produto perdeu a súa utilidade e non se pode aplicar ningunha das opcións previas: a redución ou a preparación para a reutilización". Porén, a reciclaxe "non é suficiente para reducir o uso de recursos naturais, debido ao incremento incesante do consumo", polo que chama a un "cambio de hábitos cara a un modelo máis responsable". "Propoñemos empezar polo principio, a redución. Apostamos polo uso de bens duradeiros, reparables, compartidos e comunais", di. 

"Propoñemos empezar polo principio, a redución. Apostamos polo uso de bens duradeiros, reparables, compartidos e comunais"

Alargaciencia quere ofrecer "alternativas sinxelas" a aquelas persoas que non queren "considerar os seus obxectos residuos demasiado pronto", á vez que se torna como ferramenta de educación ambiental, con información sobre as vantaxes ambientais e sociais destes modelos de consumo. Trátase dun proxecto colaborativo, polo que o número de iniciativas que contén aumentará grazas á colaboración de persoas usuarias, ás que a asociación invita a participar suxerindo novos establecementos.

No directorio de Alargaciencia, en crecemento, hai máis de douscentos establecementos de todo tipo, 75 deles en Galicia: de alugueiro, de compra e venda de segunda man, de troco, de recollida, de reparación... De roupa e téxtil, de mobles, de aparellos electrónicos, de xoguetes, de deportes, de ferramentas...

A web ofrece un listado de establecementos de reparación Dominio Público Amigos da Terra
O proxecto de Alargasciencia está en constante crecemento, coa incorporación de novos establecementos Dominio Público Amigos da Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.